A candidata do BNG ofreceu esta mañá en Lugo un mitin no que pediu "concentrar" na Bloque o voto do "cambio galego", ao tempo que cargou contra a xestión que a Xunta está a realizar do brote de coronavirus declarado na Mariña. Pontón pediu "romper coa rutina" e "facer historia" para que "por primeira vez na historia, Galiza teña unha muller nacionalista presidenta, liderando un goberno do BNG coas mans libres para defender a este país e a súa xente”.
“Quero dirixirme aos galegos e galegas que, votasen o que votasen noutros momentos, hoxe miran con esperanza ao BNG", dixo Pontón
“Quero dirixirme aos galegos e galegas que, votasen o que votasen noutros momentos, hoxe miran con esperanza ao BNG. A todas vós quero dicirvos que é o momento de votar con orgullo, con ilusión e con esperanza en que imos construír unha nova Galiza, unha Galiza con futuro a partir do 12 de xullo”, proclamou Pontón facendo unha apelación directa ás persoas indecisas.
“Tivo catro meses para facer un protocolo, un plan de actuación contra os rebrotes, pero malgastou o tempo con comparecencias de propaganda e autobombo na RTVG”, dixo Pontón
Dende Lugo, a candidata do BNG centrou parte do seu discurso na Mariña, tanto no brote de coronavirus declarado nos últimos días coma na situación de Alcoa, unha "cuestión vital para a Lugo e para o conxunto do país" ante o que, dixo, "Feijóo volve estar ausente". “Nin foi capaz de ir A Mariña e menos aínda de poñer unha proposta sobre a mesa”, criticou, ao tempo que prometeu que se é elixida presidenta presentará "unha proposta de intervención de ALCOA indicando cal é o papel que vai xogar a Xunta e esixindo que concrete a aportación do Estado".
Sobre o brote de coronavirus, Pontón reclamou a Feijóo que a Xunta presente un protocolo para actuar ante un rebrote e minimizar os seus efectos. “Tivo catro meses para facer un protocolo, un plan de actuación contra os rebrotes, pero malgastou o tempo con comparecencias de propaganda e autobombo na RTVG”, criticou. Engadiu, ademais, que "Galiza merece moito máis que un presidente que se esconde cando hai problemas e cando a xente sofre, primeiro escondeuse detrás do mando único e agora pretende esconderse detrás dos concellos".
O BNG promete impulsar unha Lei de Memoria histórica "para restituír a todas as vítimas do franquismo e recuperar os bens roubados ao pobo galego"
O BNG levou a cabo outros actos este sábado, entre os que destaca o dedicado á Memoria histórica, que tivo lugar en Compostela. O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas prometeu que “un goberno do BNG na Xunta impulsará unha Lei de Memoria histórica para restituír a todas as vítimas do franquismo e recuperar os bens roubados ao pobo galego”. Afirmou, así mesmo, que a Illa de San Simón representa “os asasinatos e torturas” e o Pazo de Meirás e a Casa Cornide “o botín de guerra do ditador roubado ao pobo galego” e ambos símbolos deben ser recuperados para non esquecer a historia.
No acto houbo un recoñecemento á loita da cidadanía para recuperar a “verdadeira historia do espolio de Meirás”, que levou á “toma simbólica e pacífica do Pazo polos 19 de Meirás”. Néstor Rego afirmou que resulta imprescindible recuperar o Pazo de Meirás pero sobre todo, “exhumar definitivamente os restos do franquismo”.