A TVG prevé un só debate ás 9:30 da mañá na campaña das xerais

Debate na CRTVG previo ás eleccións xerais de 2023, tamén emitido en horario matinal CC-BY-NC-SA Sinal directo TVG

As forzas políticas reciben este venres o plan de cobertura elaborado pola CSAG para o 29N, cun só debate televisivo matinal e noutro na Radio Galega ás oito do serán. RTVE propón tres de ámbito estatal en horario de máxima audiencia

Entre os múltiplos trámites que implica a convocatoria das eleccións xerais para o 29 de novembro está a elaboración, polos medios de comunicación públicos, dos plans de cobertura da campaña dos comicios. Tanto RTVE como a CSAG, a antiga CRTVG, están obrigados a os elaborar seguindo criterios baseados nos votos obtidos nas anteriores eleccións á hora de repartir tempos nos informativos e con máis marxe de manobra á hora de decidir outras cuestións, coma o número de debates que organizan, os seus formatos e horario.

RTVE xa presentou o seu plan de cobertura do 29N ante a Xunta Electoral Central -con prazo de reclamacións ata este venres, día 6- incluíndo tres debates "en horario de máxima audiencia" simultaneamente TVE, RNE e os seus sitios web: un "cara a cara" entre Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, outro coas oito formacións que tiveron grupo propio nesta lexislatura no Congreso e outro a catro bandas cos cabezas de cartel de PSOE, PP, Vox e Fronte Ampla. A CSAG, pola súa banda, presenta este venres ás forzas políticas o seu plan que, segundo puido saber Praza.gal, contempla un só debate televisivo en horario matinal.

Imaxe divulgada pola antiga CRTVG cos preparativos da súa cobertura das eleccións xerais en 2023 © CSAG

Este xornal puido confirmar que, na liña do decidido pola antiga CRTVG en anteriores eleccións xerais, a Televisión de Galicia prevé convidar a un debate ás forzas que obtiveron representación nas anteriores xerais (PP, PSdeG, Fronte Ampla -como forza herdeira de Sumar- e BNG). Emitirase na televisión de Galicia o primeiro luns da campaña, 16 de novembro, ás nove e media da mañá -media hora antes que en anteriores campañas, caso da de 2023- con redifusión ás dez e media da noite na G2 e publicación no web da CSAG. Cada partido debe enviar á persoa que elixa das súas listas ao Congreso ou ao Senado polas circunscricións galegas.

PP, PSdeG, Fronte Ampla e BNG elixirán as quendas de apertura e peche dos catro bloques temáticos dos debates e a súa situación no estudio por orde dos votos obtidos en 2023 e non por sorteo

Xa en anteriores eleccións xerais -non así nas galegas- a dirección dos medios públicos galegos xustificara a emisión de debates electorais en horario matinal e non na franxa de prime time, a de potencial máxima audiencia. O ex-director xeral da corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendérase das críticas alegando que programar un debate electoral ás 10 da mañá permitía "comezar o día construíndo a axenda da actualidade e que os galegos e galegas sexan os primeiros en coñecer a opinión dos seus representantes". As 9:30 da mañá tamén será a hora de emisión das entrevistas televisivas con candidatos e candidatas.

No caso da Radio Galega o debate celebrarase unha semana despois, o día 23 e a CSAG prográmao para o serán, de 20:00 a 21:00. En ambos casos, confirman as fontes consultadas por Praza.gal, durarán unha hora e estarán estruturados en catro bloques temáticos sobre vivenda, custo da vida, infraestruturas e servizos públicos e mais situación política xeral e "rexeneración democrática".

Instalacións da sede central da CSAG en San Marcos (CSAG), nunha imaxe divulgada pola compañía CC-BY-SA CRTVG

En canto ás quendas de intervención, a CSAG non contempla os sorteos -como noutros casos e canles-, senón que prevé que cada partido elixa en que bloque desexa intervir primeiro ou pechar, establecendo como criterio para elixir que o faga primeiro o que máis votos obtivo nas eleccións xerais de 2023 en Galicia (o PP) e a continuación, as demais por orde decrecente. Este criterio tamén será o que valerá para decidir onde se sitúa cada candidato ou candidata no estudio. O minuto final de intervención de peche tampouco se sortea, senón que se realiza por orde inversa de representación (comeza o BNG e remata o PP).

No que atinxe aos bloques electorais dos servizos informativos, durarán seis minutos en cada edición do Telexornal na TVG e dos espazos Galicia por diante, A Crónica 14h e a Crónica 19h da Radio Galega. En transposición das porcentaxes de voto de 2023, o PP disporá de algo máis do 43% do tempo; o PSdeG algo menos do 30%, Fronte Ampla de algo menos do 11% e o BNG, e pouco máis do 4%. As forzas que non obtiveron representación daquela ou non se presentaron aparecerán "puntualmente", como adoito.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.