A primeira vez que Alberto Núñez Feijóo compareceu nun debate electoral televisivo ao máximo nivel non era candidato á presidencia ningunha. Foi a principios de xuño de 2005, cando faltaban apenas dez días para as eleccións galegas que acabarían certificando a fin do fraguismo e o primeiro goberno da historia da autonomía sustentado nunha maioría de esquerda emanada das urnas.
O primeiro debate nunhas eleccións galegas ao que acudiu Feijóo foi máis ben un mal menor. Fraga negárase a asistir e, ante a súa ausencia, Touriño tampouco acudira
Manuel Fraga, que optaba á reelección por cuarta vez tras as súas maiorías absolutas de 1989, 1993, 1997 e 2001, xa deixara claro que el non ía participar nos debates electorais fronte a Emilio Pérez Touriño (PSdeG) e Anxo Quintana (BNG). Nin sequera no da súa TVG. Fraga enviou no seu lugar a Feijóo, na altura vicepresidente primeiro da Xunta e cabeza de lista do PP por Pontevedra e, ante esa ausencia, o PSdeG substituíu a Emilio Pérez Touriño por José Luis Méndez Romeu, que despois sería conselleiro da Presidencia. Así sucedeu na Televisión de Galicia e tamén na Cadena SER.
A ausencia de Fraga e, por extensión, a de Touriño, converteu aquel debate de hai case dúas décadas nun mal menor e virou o que debería ser un acontecemento político de primeira orde nun suceso político tendente á intranscendencia. O daquela líder do Bloque non puido confrontar con quen aspiraba a seguir na presidencia polo PP nin con quen optaba a remudalo polo PSdeG.
O deseñado pola CRTVG en 2008 foi un debate - acontecemento, con todos os rituais das grandes ocasións electorais. O escenario galego para as xerais do 23X tende, outra volta, ao debate - mal menor
Menos de tres anos despois celebrábanse eleccións xerais. Foran fixadas para o 9 de marzo de 2008 por José Luis Rodríguez Zapatero, figura política á alza no PSOE na actual precampaña do 23X e sen cuxa vitoria na xerais de 2004 e inédita implicación no PSdeG -"esta vez vai en serio e vai por todos", resumira- non é posible entender a fin do fraguismo. Feijóo levaba apenas dous anos liderando o PP en Galicia e acudiu a debater con Touriño e Quintana na TVG. Fíxoo malia criticar previamente dende as cores do decorado ata o reparto de asentos pasando polo moderador, o xornalista Alfonso Hermida.
Aquel foi todo o contrario a un debate - mal menor e virou, máis ben, nun debate - acontecemento. A canle pública fixera alarde de medios na montaxe dun plató para a ocasión no claustro do compostelán Hotel - Monumento San Francisco. Realizara unha ampla promoción previa na Televisión de Galicia e na Radio Galega, pero tamén noutros medios, que acreditaran un bo número de xornalistas para seguir o evento ao vivo.
A noite daquel 27 de febreiro de 2008 seguiu todos os rituais das grandes ocasións electorais. Seguimento á chegada dos contendentes -que non candidatos, naquel caso- con cadansúas comitivas, conexións coa sala de prensa, múltiplas cámaras amosando o recinto, profusa análise posterior... En síntese, un acontecemento.
Se chegou a este punto da lectura, en primeiro lugar, grazas. A continuación, acompáñenos década e media cara a adiante. Estamos de volta en 2023 e a Corporación Radio Televisión de Galicia vén de formular o seu plan de cobertura para as eleccións xerais do 23 de xullo.
Como nas recentes municipais, igual que nas anteriores xerais, propón a celebración dun único debate ás 10 da mañá. Concretamente, ás 10 da mañá do 14 de xullo, cunha hora de duración no Estudio Multimedia da Radio Galega para a súa emisión conxunta pola primeira canle da TVG, a radio e a web, e a súa reemisión esa noite ás 23:00 pola G2.
A canle pública, daquela, desbota a organización dun debate en horario de previsible máxima audiencia e, do mesmo xeito nin contempla o deseño dun plató para a ocasión. Tampouco baralla a posibilidade de encontro ningún entre líderes das forzas políticas galegas ao máximo nivel, como propuxo o BNG e aceptou con matices o PSdeG, pero desbotou por completo o PP. Un escenario, daquela, máis semellante ao debate - mal menor e afastado xa non daquel debate - acontecemento de 2008, senón tamén dos programados nos medios públicos para as eleccións galegas de 2012, 2016 e 2020.
Feijóo négase a debater en RTVE, á que atribúe ausencia de neutralidade. En Galicia, o PP equipara a PSdeG e BNG con Trump por secundar as protestas de persoal da CRTVG
Mentres todo isto sucede en Galicia, en Madrid a actual cúpula estatal do PP -ata hai un ano, cúpula do PPdeG- esquiva a maioría dos debates que propoñen diversos medios de comunicación coa presenza de Feijóo, aceptando polo momento só o cara a cara con Pedro Sánchez organizado por Atresmedia. Desbota, ao tempo, abertamente e con virulencia a proposta de debate a catro bandas formulada por RTVE porque, din, non confían na neutralidade dos medios públicos estatais.
En 2009, como líder da oposición ao Goberno de PSdeG e BNG, Feijóo tamén se negou a debater con Touriño e Quintana argumentando que a TVG estaba a urdir un "teatrillo amañado". Na actualidade, o PP comparou recentemente á actual oposición galega con Donald Trump por cuestionar a dirección da CRTVG e sumarse ás protestas de persoal do medios públicos que denuncian inxerencias gobernamentais nos seus contidos.