A CRTVG propón un único debate electoral ás 10 da mañá na campaña das eleccións xerais

Os participantes no debate electoral da CRTVG previo ao 10N, moderado por Francisco López Iglesias CC-BY-SA PP

O plan de cobertura da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para as eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo inclúe un único debate electoral o vindeiro venres 14 de xullo ás 10 da mañá. Esa é a proposta que o director xeral do ente público enviou o pasado martes á Xunta Electoral e que será examinado este venres polos grupos políticos coa propia dirección dos medios públicos galegos. 

O plan de cobertura da CRTVG para as eleccións xerais inclúe un único debate entre persoas candidatas por circunscricións galegas

Este único debate, en liña co horario decidido polos medios públicos en anteriores eleccións, será emitido en directo entre as 10 e as 11 da mañá e gravado nun estudio radiofónico "multimedia" para difusión conxunta ao vivo pola primeira canle da TVG, a Radio Galega e o sitio web da CRTVG. Ademais, será reemitido pola segunda canle da televisión pública ás 23 horas dese mesmo 14 de xullo. 

Representantes de PSdeG, En Común, C's e BNG, con persoal da CRTVG mobilizado en San Marcos tras o debate electoral CC-BY-SA EC-UP

Ademais, e segundo puido saber Praza.gal, cada grupo político terá que escoller que persoa candidata acode, ao tratarse dun único debate a nivel galego e non propoñerse a posibilidade doutros por cada provincia, circunscrición polas que son elixidos as aspirantes a formar parte do Congreso na vindeira lexislatura. 

A CRTVG establece tamén no seu plan a emisión de entrevistas con candidatos de BNG, Sumar Galicia, PSdeG e PP.

Os tempos serán "libres" e en base a tres bloques temáticos: un sobre a situación política actual, gobernanza e modelo de Estado, outro sobre servizos sociais e atención á cidadanía e un último sobre economía, industria, infraestruturas e fiscalidade. 

O plan de cobertura propón que serán convidadas ao debate "as formacións políticas que obtiveran representación nalgunha das catro circunscricións provinciais galegas nas eleccións xerais de 2019", isto é, PSdeG, PP e BNG, xa que En Común-UP -que tamén a obtivera- non se presenta desta vez, sendo Sumar a súa herdeira. Queda por aclarar se a plataforma que lidera Yolanda Díaz ou mesmo Vox son finalmente incluídos. 

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, en comisión parlamentaria © Parlamento de Galicia

De feito, o plan presentado pola CRTVG para a información electoral considera "grupos políticos representativos" a PP, PSdeG e BNG, polo que será "obxecto de especial tratamento", ao igual que Sumar Galicia, en atención aos resultados obtidos pola coalición En Común-UP e logo do acordo da Xunta Electoral Central do pasado 26 de abril. No caso de Vox, atribúeselle a condición de grupo significativo, atendendo á doutrina da Xunta Electoral e logo dos resultados obtidos nos anteriores comicios. 

Ademais, a CRTVG establece tamén o seu plan para a emisión de entrevistas con candidatos de BNG, Sumar Galicia, PSdeG e PP.

As forzas de esquerda xa amosaran nas municipais a desconformidade co horario elixido para os debates, que o director xeral da CRTVG defendera por ser tamén en internet e radio

Como xa sucedeu en anteriores ocasións -a última con motivo das eleccións municipais de maio-, as forzas políticas da esquerda xa advirten da súa desconformidade co horario elixido para emitir estes debates na televisión pública por consideraren que, ao tratarse dunha franxa de baixo consumo televisivo, responde a unha intención de que pasen o máis desapercibidos posibles. 

Cara ao 28M, nunha iniciativa na comisión de control da CRTVG, a deputada Olalla Rodil (BNG) mostrara o rexeitamento a un horario, ao que o director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, contestou cunha pechada defenda da decisión. A parlamentaria lembrara que a audiencia media dos debates municipais daquela era de 11.000 persoas e que a franxa horaria elixida estaba "negando á cidadanía un dereito fundamental". 

Sede da CRTVG en San Marcos CC-BY-SA CRTVG

Sánchez Izquierdo, en cambio, defendía o formato por tratarse dunha emisión "mixta" en televisión, radio e internet que "multiplica" a audiencia malia o horario, logo de que en anteriores eleccións xustificara programar os debates electorais na TVG ás 10 da mañá para "comezar o día construíndo a axenda da actualidade e que os galegos e galegas sexan os primeiros en coñecer a opinión dos seus representantes". 

Nas xerais de 2019, a CRTVG optara tamén por un único debate ás 10 da mañá entre as críticas de todas as forzas, agás o PP, e o persoal mobilizado dos medios públicos

A proposta da CRTVG remite á realizada con motivo das últimas eleccións xerais, o 10 de novembro de 2019. Daquela, PSdeG, PP, En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos e BNG -tamén Vox, que declinou o convite tras reclamar ser incluído- foron citados ás dez da mañá para debateren durante unha no plató do informativo diario Bos días. O horario intempestivo e a escasa duración constrinxiron un encontro no que o continente puido co contido e onde os límites do formato -ao contrario que noutras ocasións, non consensuados coas forzas políticas- deixaron escaso oco ao intercambio de ideas.

O rexeitamento ao horario e ao formato do programa estivo presente nos primeiros compases do debate en boca dos representantes de todas as forzas políticas agás o PP. Ao final, as persoas candidatas de todas as formacións, excepto a do PP, posaron con persoal da CRTVG mobilizado, portando pancartas que advertían de que "ás 10 da mañá non hai compromiso para formar unha opinión pública plural". 

Era o venres negro número 78, protesta que leva xa máis de cinco anos reclamando por parte de persoal da CRTVG a fin da manipulación e o cumprimento da lei de medios. Hoxe é o 267, unha xornada na que os traballadores mobilizados advirten do "desmantelamento progresivo do servizo público, da falta de compromiso coa lingua e coa información local, de represalias ás profesionais e do control férreo e partidista da información". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.