Rueda erixe "acabar co sanchismo" en "principal reto" de Galicia

Rueda, Pontón e Álvarez, na sesión de control deste 5 de xullo © Parlamento de Galicia | CC BY-NC-SA PSdeG

Como era previsible, a derradeira sesión de control no Parlamento antes das eleccións xerais, no derradeiro pleno ordinario do período de sesións, tivo este mércores un inevitable arrecendo electoral. Tanto BNG como PSdeG cuestionaban o presidente da Xunta sobre os plans do seu goberno ata a fin da lexislatura, pero as preguntas derivaron cara ao 23X e Alfonso Rueda acabou de ancoralas nesa clave ao situar "acabar co sanchismo" como "principal reto" de Galicia.

O PSdeG lamenta que unha Xunta do PP "incapaz" só estea "preocupada por atacar  o Goberno do Estado"

Para o socialista Luis Álvarez, voceiro socialista que interveu en primeiro termo, o gabinete de Rueda vén demostrando ser "incapaz de elaborar políticas" de seu por estar máis "preocupado por atacar o Goberno do Estado" e avalar a un Alberto Núñez Feijóo que, mediante os seus pactos con Vox, "contribúe ao discurso do odio". E mentres, afea, contribúe a que Galicia estea "en retroceso".

Treitos das intervencións de Álvarez, Pontón e Rueda, na sesión de control deste 5 de xuño CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

A xuízo de Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, cuestións como a escasa natalidade, a perda de converxencia coa UE ou os problemas industriais do país son resultado de "catorce anos de submisión" do PPdeG. Agora, di, agudizada por ser o ex-presidente Feijóo líder estatal e candidato do partido. "E con este PP, Galiza está quedando atrás".

Pontón: "Tan manso e submiso é que nin sequera é capaz de pedir ao candidato Feijóo que cumpra a lei e xustifique un incremento patrimonial de 800.000 euros"

"Tan manso é tan submiso é", afeou Pontón a Rueda, que "nin sequera é capaz de pedirlle ao candidato Feijóo que cumpra a lei e xustifique un incremento patrimonial de 800.000 euros en tres anos" ademais "do seu sobresoldo", nin de pedirlle contas por non presentar "unha soa iniciativa" sobre Galicia malia ser senador en representación do Parlamento. O Executivo de Rueda, o "peor goberno da historia de Galiza", cre, ficou reducido a "gabinete electoral do candidato Feijóo", que aínda por riba está "disposto a gobernar coa "extrema dereita machista, racista e antigalega".

Alfonso Rueda, respondendo durante a sesión de control deste 5 de xullo © Parlamento de Galicia

Nun contexto no que, defende Rueda, o PSdeG "ten ganas" e o BNG "ten necesidade" de que Vox teña representación en Galicia, o presidente da Xunta e do PPdeG volveu reprochar ao Bloque que non lograse "nada" do Goberno de España nos últimos catro anos e dá en fixar cal é o "principal reto" de Galicia, en resposta a Pontón. "O principal reto que temos por diante é acabar co sanchismo tamén en Galicia, está a tempo de sumarse", indicou á líder do Bloque.

Rueda responde a Pontón que "o principal reto que temos por diante é acabar co sanchismo tamén en Galicia" e "está a tempo de sumarse"

Se Feijóo gobernase en España "imos empezar a ser moi reivindicativos", afirmou Rueda, o cal suscitou a hilaridade na bancada do BNG. Os risos e comentarios nos escanos do Bloque foron respondidos dende o PP con esixencias de "respecto" despois de que Pontón, na súa intervención, reclamase aos conservadores que "respectasen" a súa quenda e non a increpasen.

Segundo Rueda, se Feijóo fose presidente do Goberno de España o PP galego e o Goberno da Xunta serían "reivindicativos" e "eficaces", o cal sería a "gran diferenza" a respecto dun BNG que, asegura, foi "enganado descaradamente" polo PSOE tras o seu pacto de investidura con Pedro Sánchez. O presidente di esperar que "en dúas semanas", o 23 de xullo, "se vexa" que impera nas urnas a "Galicia do sentidiño" e que, "se os galegos apoian máis os candidatos do PP que aos do BNG", Pontón "siga o sentir maioritario" e apoie no Congreso a conformación dun Executivo da dereita encabezado polo ex-presidente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.