Fraga liderou ata tres coalicións de dereitas distintas e Rajoy encabezou o PP cinco veces pero só logrou a presidencia do Goberno de España en dúas ocasións, obtendo en 2011 o mellor resultado
As do vindeiro 23 de xullo serán as décimo quintas eleccións para renovar as Cortes Xerais desde a recuperación da democracia. Uns comicios nos que, contando coa actual candidatura de Alberto Núñez Feijóo á fronte do PP, a dereita estatal estivo liderada por un galego en nove ocasións. Porén, ata o momento só tras dúas desas 15 eleccións o candidato galego logrou triunfar e facerse coa presidencia do Goberno de España. Foi o que conseguiu Mariano Rajoy en 2011 e 2016.
As primeiras eleccións xerais, o 1 de marzo de 1979, gañounas Adolfo Suárez cunha formación, a UCD, que se declaraba de centro pero aglutinaba diversas familias da dereita. Boa parte das restantes, as que non tiñan problema en declararse abertamente de dereitas, impulsadas por destacados cargos do franquismo, agrupáronse en Coalición Democrática e puxeron á súa fronte como candidato ao presidente dun dos partidos que a conformaron, Alianza Popular. Foi así como Manuel Fraga obtivo naqueles comicios un 6% do voto total e deu a aquela coalición 6 dos 350 escanos do Congreso dos Deputados.
O mellor resultado de Fraga nas súas tres candidaturas obtívoo en 1982, con 107 dos 350 escanos e o 26% dos votos
Mellor sorte tería Fraga nas dúas seguintes eleccións xerais, as de 1982 e 1986, nas que, co afundimento e desaparición de UCD, xa si quedou claro que el era o líder da dereita española. Pero nas dúas ocasións, nunha á fronte de Alianza Popular coas súas propias siglas e noutra cunha nova agrupación de partidos, Coalición Popular, evidenciáronse tamén os seus límites. Nas dúas convocatorias, gañadas por Felipe González, Fraga obtivo unha similar porcentaxe do 26% do voto total e 107 e 105 escanos respectivamente.
Así que en 1989 Fraga volvería a Galicia, a obter catro maiorías absolutas consecutivas, e AP refundábase como Partido Popular poñendo á súa fronte a José María Aznar, madrileño de nacemento pero coa súa carreira política desenvolvida ata aquel momento en Castela e León. Aznar foi candidato en catro ocasións, logrando en dúas delas a presidencia do Goberno de España.
Nas cinco veces que se presentou Rajoy oscilou entre os 123 escanos (28,7%) das xerais de 2015 e os 186 escanos (44,6%) da súa maioría absoluta de 2011
Cando decidiu retirarse, Aznar designou como sucesor a outro galego que marchara de Galicia había anos, o seu ata daquela vicepresidente Mariano Rajoy, que foi candidato en cinco eleccións xerais. Nas dúas primeiras, en 2004 e 2008, perdeu ante José Luis Rodríguez Zapatero, pero a súa capacidade de resistencia levouno a unhas terceiras, en 2011, nas que recuperaría o poder para a dereita coa maior porcentaxe de votos (44,6%) e número de escanos (186) obtidos nunca.
Nas súas cuartas xerais, en decembro de 2015, Rajoy foi incapaz de revalidar a maioría absoluta e rexeitou negociar con outras formacións para tentar formar goberno. Iso levou a unha nova convocatoria medio ano máis tarde, en xuño de 2016, na que mellorou lixeiramente os resultados e logrou ser investido presidente grazas á abstención do PSOE. Pero non remataría a lexislatura e deixaría La Moncloa como o primeiro presidente do Goberno de España expulsado por unha moción de censura, a impulsada por Pedro Sánchez en 2018 tras coñecerse as condenas do caso Gürtel de corrupción no PP.
No PP Rajoy foi sucedido, ante a negativa de Feijóo a presentarse a unhas primarias, por Pablo Casado, nacido en Palencia, que nas seguintes xerais, as de abril de 2019, faría retroceder o PP a niveis do primeiro Fraga, con menos do 17% dos votos e 66 escanos. Foi o resultado da explosión dunha nova formación, Ciudadanos, que se dicía de centro pero que se alimentaba de máis votos da dereita que da esquerda e que obtivo 57 escanos, pero que non soubo pactar para sobrevivir. Aqueles comicios tamén tiveron que repetirse, en novembro do mesmo ano, para que, unha vez afundido Ciudadanos a só 10 escanos, Sánchez acabase acordando con con Unidas Podemos o primeiro goberno de coalición desde a Segunda República.
Neses segundos comicios en menos dun ano Casado melloraría algo a situación do PP, pero non lle bastou para fortalecerse ante os baróns do seu partido, que hai algo máis dun ano decidiron prescindir del no seu enfrontamento coa madrileña Isabel Díaz Ayuso e entregarlle o control a Feijóo.
Agora, cunha formación máis que anecdótica á dereita da dereita, Vox, está por ver se Feijóo vai asemellarse a Rajoy ou a Fraga
Agora estas décimo quintas eleccións xerais que afronta Feijóo, as novenas cun galego á fronte da dereita estatal, son as primeiras nas que na dereita da dereita hai algo máis que formacións anecdóticas. Se en 1979 Blas Piñar obtiña un único escano que perdía en 1982, agora Vox chega a estes comicios tras lograr 24 escanos nas primeiras eleccións de 2019 e dobralos a 52 aos poucos meses.
Nestes comicios tamén coincidirá un galego á fronte da dereita con, presumiblemente, unha galega á fronte da esquerda máis alá do PSOE, con Yolanda Díaz e o seu aínda non concretado proxecto Sumar.
Á espera do que suceda, Feijóo demostrou que en Galicia podía ser como Fraga, con catro maiorías absolutas consecutivas. Agora está por ver se en Madrid tamén vai ser como Fraga, que nunca logrou o goberno, ou como Rajoy.