"Soy Rajoy y voy a Raxoi, a una junta de la Xunta". É a frase que, a mediados dos 80, plasmaba a teimosía de Mariano Rajoy, primeiro deputado e despois vicepresidente da Xunta, en non falar galego en ningunha das súas actividades oficiais. A chanza, plasmada polo debuxante Xosé Lois nun cadriño n'A nosa terra, era o resumo da actitude que quen, como lembrou hai poucas datas o xornalista Anxo Lugilde en El Progreso, non participou na votación da Lei de Normalización Lingüística de 1983, aprobada por unanimidade no Parlamento do que el era deputado. Sen tocar o galego Rajoy foi tamén quen defendeu a posición do Goberno de Gerardo Fernández Albor no debate da moción de censura que en 1987 converteu en presidente ao socialista Fernando González Laxe. Algúns deses escenarios e algúns dos protagonistas daqueles acontecementos serán revisitados este xoves por quen agora é presidente do Goberno de España.
Segundo vén de confirmar La Moncloa Rajoy protagonizará dous actos en Galicia. O primeiro terá como escenario o Pazo e Raxoi, sede da presidencia do Goberno galego ao que o conservador ía ás devanditas juntas. Alí asinará un "protocolo de intencións entre o Goberno e a Xunta de Galicia para a restauración do conxunto catedralicio de Santiago". Xusto despois viaxará a Arteixo para, na sede de La Voz de Galicia, entregar o premio Fernández Latorre, concedido pola fundación do editor do diario coruñés. O receptor dese premio será Xosé Luís Barreiro Rivas, o veterano profesor de Ciencias Políticas da USC e destinatario, naquela moción de censura, de boa parte das iras políticas dun Rajoy a quen acabaría por suceder na vicepresidencia da Xunta.
O episodio que converte este acto en, cando menos, unha ironía histórica, remóntase ao outono de 1986. Despois de varios anos como home forte do Goberno dun politicamente irrelevante Fernández Albor, o roteiro de Barreiro pasaba por ser candidato á Presidencia nos comicios de 1989, todo isto coa bendición de quen entonces era xefe da oposición no Congreso dos Deputados, Manuel Fraga. No entanto, os acontecemos foron derivando nun plan de desgaste interno do presidente que o 30 de outubro estourou co anuncio, tras o Consello da Xunta, da dimisión de Barreiro e de cinco conselleiros máis, mentres que outros tres puñan o seu cargo á disposición do presidente, nun movemento abertamente destinado a derrubalo.
Rajoy chegou á vicepresidencia da Xunta tras a dimisión de Barreiro Rivas e da práctica totalidade do Goberno de Albor en 1986
Pero o intento de desbancar a Albor derivou nun apoio pechado por parte de Fraga, que o avalou para cubrir as baixas dos dimisionarios con novos conselleiros, entre eles Rajoy, que o 5 novembro tomaba posesión como vicepresidente nun dos escasísimos actos nos que se lembra unha intervención súa en lingua galega. Na primavera do ano seguinte Barreiro abandonaba Alianza Popular e impulsaba a fundación da Unión Democrática Galega, paso previo á integración en Coalición Galega. Xa como coaga prestou o seu apoio á moción de censura que daría lugar ao tripartito tras unhas sesións parlamentarias nas que o propio Rajoy foi o látego de AP contra el mesmo e os demais rebeldes, ademais de contra o PSdeG de González Laxe.
Moción de censura e proceso xudicial
Tal e como ficou reflectido no Diario de Sesións do Parlamento, no pleno do 22 de setembro de 1987 o aínda vicepresidente Rajoy dirixíase ao candidato González Laxe para preguntarlle, en referencia a Barreiro, se cría que "o seu, cos antecedentes dalgúns posibles membros do Goberno, pode ser un Goberno estable". Nun discurso pronunciado integramente en castelán o conservador instaba o socialista a aclarar se era certo o que "dixo o señor Barreiro, que vai ser presidente da Xunta en decembro". "Porque se o señor Barreiro vai ser presidente en decembro eu, dende logo, apoio ao señor [Pablo González] Mariñas [na altura, líder do PNG] para que o sexa". "Porque ademais, a min -ironizaba- o señor González Mariñas é un home que si me gustaría que fose presidente".
En setembro de 1987 Rajoy aseveraba que "posiblemente, dentro de pouco" tería que "abandonar a vida política"
Nese mesmo discurso Rajoy aproveitaba para dicirlle "agarimosamente" a González Laxe "unha cousa" que, case trinta anos despois, ten tamén a súa carga de ironía histórica. "Lémbrese vostede das palabras desinteresadas que lle di, dende esta Cámara, quen posiblemente dentro de pouco teña que abandonar a actividade política", dixo, en referencia a si mesmo. "Señor Laxe, ande vostede con moito coidado", recomendou, antes de dirixirse ao conxunto dos "señores socialistas" para sinalar que "ao señor Albor e a quen estivemos con el durante estes duros dez meses co veleno dentro [de novo, en referencia ao grupo de Barreiro] nos xulgará a historia, non nos xulgarán vostedes". "Vanlles dar vostedes unha enorme labazada á democracia e vánllela dar a todos os galegos", concluíu.
Alianza Popular tentou frear a moción de censura coa denuncia contra Barreiro, a quen Rajoy lle entregará o premio este xoves en Arteixo
Ese debate rematou coa vitoria da moción de censura e a conformación do tripartido de PSdeG, Coalición Galega e PNG. Non obstante, no día previo a esta votación o Goberno de Albor e Rajoy presentou nun xulgado de Santiago unha denuncia contra Barreiro por presunta prevaricación na concesión do que ía ser a primeira lotaría dependente da Xunta, chamada Tres en raia, adxudicada como vicepresidente de Albor a unha empresa, Sociedad General de Juegos de Galicia, que aínda non se constituíra. Esa concesión nunca chegara a entrar en vigor porque o propio gabinete de AP a anulou, pero os populares botaron man dela para tentar frear a censura nun proceso que en 1988 derivou no procesamento de Barreiro tras unha investigación na que tivo que declarar, entre outros, o propio Rajoy. A Audiencia da Coruña absolveu a Barreiro pero, tras un recurso da Fiscalía, o Supremo condenouno en 1990 a seis anos de inhabilitación no que daquela considerou "unha manobra perfectamente instrumentada para eliminar un señor da vida política".
Case tres décadas despois daqueles acontecementos Rajoy será quen homenaxee o seu sucesor na vicepresidencia. Segundo informa La Voz o xurado do premio destaca a "ampla e diversa traxectoria de Barreiro Rivas como columnista e analista político, ademais da súa intensa actividade académica, editorial e política". Asemade, "subliña o prestixio que acadou como coñecedor proundo da vida política e social do país".