Pedro Sánchez preside xa o primeiro goberno de coalición dende a Segunda República

Pedro Sánchez, este martes no Congreso © Congreso dos Deputados

Non houbo sorpresas de última hora, nin sustos, nin tamayazos, a pesar dos chamamentos realizados dende os grupos de dereita (que en todo caso xa foran acalados por algúns dos deputados que decidiran absterse, como EH-Bildu, que aseguraran que, de producirse, optarían por votar a favor). Pedro Sánchez, á espera da súa toma de posesión este mércores, foi elixido Presidente do Goberno por 167 votos a favor e 165 votos en contra, como estaba previsto, repetindo todos os grupos a votación do pasado domingo

O novo presidente xurará o seu cargo este mércores, pero a composición do Goberno non se fará oficial ata a próxima semana

Sánchez dirixe xa o primeiro Goberno de coalición en España dende a Segunda República, un executivo no que PSOE e Unidas Podemos compartirán responsabilidades. O novo presidente xurará o seu cargo este mércores, e malia que inicialmente estaba previsto que o xoves o fixesen os novos ministros e ministras e o venres se celbrase o primeiro Consello, finalmente non será ata a próxima semana cando se faga oficial a composición do Executivo.

Foi, unha vez máis, un pleno tenso, inzado de exabruptos e insultos por parte dos grupos da dereita e a extrema dereita, de VOX a PP, pasando por Ciudadanos. Antes, no seu discurso de investidura, Pedro Sánchez dirixírase a eles: "vostedes tensionaron a situación para ver se por algún lado aparecía algunha nova oportunidade, non o conseguiron. Vai gobernar unha coalición progresista porque así o quixeron unha maioría de españois e así o decidiu unha maioría nesta Cámara". "Teñen dúas opcións: seguir indefinidamente na perrencha ou aceptar o resultado", sinalou.

Pedro Sánchez a PP e VOX: "Teñen dúas opcións: seguir indefinidamente na perrencha ou aceptar o resultado"

Sánchez defendeu o programa de reformas progresistas do Goberno de coalición: "Levamos 40 anos de democracia. Xa antes chegaron dereitos, como o divorcio, o aborto, o matrimonio homosexual... Ninguén se viu obrigado a exercelos. Simplemente deron máis liberdade aos que optaron por exercelos". E rematou citando a Manuel Azaña, presidente da Segunda República, unha mención que xa fora empregada por Rajoy en 2017 pero que desta volta foi recibida con berros por parte dos deputados e deputadas de VOX e PP. 

"Comprobarase o que non debeu ser descoñecido. Todos somos fillos do mesmo sol e tributarios do mesmo río. Suban a esta tribuna e expoñan unha visión alternativa do programa. Non contribúan coas súas palabras a que a convivencia se resinta", dixo Sánchez, que rematou citando de novo a Azaña: "Ninguén ten o dereito de monopolizar o patriotismo", a mesma cita empregada por Zapatero no ano 2007.

Pablo Iglesias saúda a Pedro Sánchez © Podemos

Casado e Abascal fixeron referencias ao rei Felipe VI e o líder de VOX afirmou que "este Goberno goza do beneplácito de ETA"

Nas súas intervencións, PP e VOX competiron por elevar máis o nivel de insultos e a tensión. "Quero empezar reivindicando a Constitución e a máxima autoridade do Estado, o noso Rei Felipe VI", dixo Casado, unha mención ao monarca que repetiu Santiago Abascal. En ambos os dous casos, as referencias foron respondidas por 'vivas' ao rei por parte dos deputadas e deputados destes grupos.

Casado acusou a Sánchez de "mentir" durante a campaña electoral ao non anunciar que formaría o "Goberno máis radical da historia". "Tivemos que presenciar unha chantaxe en directo dun partido cuxo líder está no cárcere", engadiu Casado en referencia a ERC. A líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, demandou en varias ocasións que algún deputado do PSOE rachase a disciplina de voto, para facer fracasar a investidura.

De igual xeito o líder de VOX afirmou dende o estrado que "este Goberno goza do beneplácito de ETA", despois de iniciar a súa intervención enunciando varios casos de violacións grupais, das que acusou a grupos de estranxeiros. Semella que PP e VOX preparan unha lexislatura de mobilizacións na rúa e ambiente político tenso, semellante ao que xa a dereita puxo en práctica en 2004 durante o primeiro mandato de José Luis Rodríguez Zapatero.

"Se queren vostedes defender a monarquía, eviten que a monarquía se identifique con vostedes. Quizais convertéronse na súa maior ameaza", díxolles Iglesias a Casado e Abascal

O líder de Unidas Podemos e futuro vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, dedicou boa parte do seu discurso a responder aos líderes de PP e VOX. "Gustoume, señor Abascal, que fixese unha referencia ás asasinadas ao principio. Oxalá vostedes entendan nesta lexislatura que hai unha violencia específica contra a muller polo feito de ser muller", díxolle ao líder da formación de extrema dereita. De igual xeito, a Casado respondeulle que "quero lerlle unha mensaxe que me enviou Rosa Lluch, filla dun asasinado por terroristas: 'Non falen vostedes en nome das vítimas do terrorismo. Xa abonda de usar a nosa dor no seu beneficio".

Ademais, recomendoulles: "se queren vostedes defender á monarquía, eviten que a monarquía se identifique con vostedes. Se algo sabía o rei Juan Carlos I, que viña de onde viña, é que só afastándose da dereita a institución podería pervivir. Quizais convertéronse na maior ameaza para a monarquía".

O líder de Podemos díxolle a Sánchez: "ante os ataques, pídoche que teñas o mellor ton, pero pídoche sobre todo que teñas a máxima firmeza democrática"

Iglesias, que comezou a súa intervención agradecéndolle a súa presenza no Congreso á deputada de En Comú Aina Vidal, que sofre un cancro moi invasivo, destacou os "retos do próximo goberno en cuestión de recuperación de dereitos e de ampliación de novos dereitos" e que "non hai liberdade sen mellora de condicións materiais". "O próximo Goberno traballará polos dereitos das mulleres, dos colectivos LGTBI. Defenderemos os dereitos humanos de todos os que fuxindo viñeron a traballar connosco. Para que volva a España quen se tivo que exiliar por motivos económicos", dixo o líder de Unidas Podemos.

Pablo Iglesias pechou a súa quenda dirixíndose a Pedro Sánchez, a quen lle dixo que "ante os ataques" que o Goberno de coalición recibirá, "pídoche que teñas o mellor ton, pero pídoche sobre todo que teñas a máxima firmeza democrática".

Pablo Iglesias, no estrado do Congreso, este martes © Congreso

O resto dos grupos foron reafirmando o sentido do voto que foran anunciado previamente. A deputada de ERC Montse Bassa, irmá da ex-conselleira encarcerada Dolors Bassa, reafirmou a aposta da súa formación pola abstención, unha posición que Bassa xustificou pola súa defensa do diálogo e de buscar unha solución negociada ao conflito catalán. Porén, afirmou que lle importa "un comiño a gobernabilidade de España" mentres a súa irmá está en prisión.

Aitor Esteban (PNV) afirmou que "votaremos favorablemente para saír da crise en que se atopa o Estado. Para saír do bloqueo. Case ninguén entendería novas eleccións en lugar de facer política". E Oskar Matute (EH-Bildu): "Dixemos que iamos frear a extrema dereita. Entre outras razóns, pola memoria de Josu Muguruza, deputado desta Cámara [asasinado pola extrema dereita]. O condenado por aquel crime pasou dous anos no cárcere. Curiosa xustiza a que fai pasar dous anos no cárcere por aquel asasinato e tres a mozos de Alsasua por unha pelexa de bar". Durante o discurso de Matute, os deputados e deputadas de VOX abandonaron o hemiciclo.

Néstor Rego destacou que "non caben vacilacións fronte á dereita ultra e ultra españolista"

Finalmente, na súa intervención Néstor Rego (BNG) comezou citando Castelao, de cuxa morte fan 70 anos este martes. Rego defendeu o acordo entre BNG e PSOE para "mellorar a calidade de vida de todas as galegas e galegos" e porque "non caben vacilacións fronte á dereita ultra e ultra españolista". "É preciso pecharlles o paso coa mesma firmeza coa que Castelao se enfrontou ao fascismo", reclamou e nese senso esixiulle "esa mesma firmeza" ao novo Goberno.

Néstor Rego, deputado do BNG © Congreso dos Deputados

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.