Pedro Sánchez non acada a maioría absoluta na primeira votación e deberá agardar ao martes

Pedro Sánchez, do debate da sesión de investidura © PSOE

Non houbo máis sorpresas. Como estaba previsto, Pedro Sánchez non acadou na primeira votación a maioría absoluta necesaria para ser elixido Presidente. Na segunda votación, que se celebrará este martes, só necesitará unha maioría simple, como a acadada (166 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións). É dicir, se todos os deputados e deputadas manteñen a posición expresada este domingo, Sánchez será de novo Presidente do Goberno, á fronte do primeiro executivo de coalición dende a Segunda República.

Na segunda votación, que se celebrará este martes, só necesitará unha maioría simple, como a acadada (166 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións)

Ana Oramas (Coalición Canaria) votou finalmente non, en contra do decidido polo Consello Político do seu partido, que xa anunciou que "actuará cos seus estatutos para as indisciplinas que se produzan por calquera militante do partido" e pídelle a Oramas que cumpra o acordado, ou doutro xeito será expulsada da formación, esixíndolle ademais que renuncie á súa acta. O vindeiro martes, ademais, Sánchez sumará un voto favorable máis, o dunha deputada de Unidas Podemos que se atopaba de baixa este domingo.

A segunda xornada de debate estivo marcada pola tensión e os insultos lanzados dende os escanos da dereita, sobre todo tralas intervencións das representantes de EH-Bildu e CUP. Os deputados de PP e VOX competiron por enunciar o discurso máis radical e furibundo contra Sánchez e os seus acordos con Unidas Podemos ou ERC, anticipando unha lexislatura marcada polo ataques conservadores ao Goberno progresista de coalición. 

Intervención da diputada de EH-Bildu Mertxe Aizpurúa © Congreso

Un dos momentos máis tensos viviuse precisamente durante a intervención da portavoz de EH Bildu, Mertxe Aizpurua. Dende os bancos da dereita sucedéronse os berros de "asasinos" e "terroristas"

Como informa eldiario.es, entre as súas ameazas está a de manter a súa estratexia de xudicialización da política, advertindo ao novo Goberno de que acudirán aos tribunais a recorrer todas aquelas leis ou medidas que non lles gusten. Pero tamén aseguraron estar dispostos a tomar as rúas, nun plan moi similar ao que caracterizou á dereita na primeira lexislatura de José Luís Rodríguez Zapatero e que tivo que rectificar na segunda por non conseguir os réditos esperados, tras revalidar o PSOE o seu goberno.

Un dos momentos máis tensos viviuse precisamente durante a intervención da portavoz de EH Bildu, Mertxe Aizpurua. Dende os bancos da dereita sucedéronse os berros de "asasinos" e "terroristas" e a súa quenda acabou con exclamacións de "viva o rei" e as protestas de PP e Ciudadanos á presidencia do Congreso baixo o pretexto de que se permitiu que a deputada da esquerda abertzale atacase supostamente ás institucións do Estado. 

A tensión chegou a tal punto que a presidenta do Congreso tivo que intervir en varias ocasións: "No Parlamento deféndense as posicións políticas mediante a palabra, non mediante o berro ou o insulto. Prégolles silencio. Poden deixar de berrar por favor?", dixo Batet. Tamén Pablo Iglesias e Gabriel Rufián tentaron mediar na discusión a través de xestos nos que pedían silencio a quen berraban.

Meritxell Batet lembrou que hai décadas non se podían expresar libremente no Congreso as ideas e asegurou que "non se pode volver a esa época", unha resposta que foi seguida de aplausos das deputadas e deputados do PSOE e Unidas Podemos, postos en en pé.

"O espazo da moderación e a temperanza, se o representa alguén na Cámara é a coalición progresista que vai gobernar España nos próximos 4 anos", dixo Sánchez

Na última intervención de Pedro Sánchez, xusto antes da votación, o candidato socialista cargou contra "a coalición da apocalipse" e a súa "España en branco e negro". "Deixemos o rancor aos que perderon as eleccións e non asumen a vontade popular", subliñou Sánchez, que volveu reivindicar a "coalición progresista". O presidente aínda en funcións remarcou que "hai un síntoma preocupante que é a colonización do discurso do espazo conservador pola ultradereita".  "O espazo da moderación e a temperanza, se o representa alguén na Cámara é a coalición progresista que vai gobernar España nos próximos 4 anos", engadiu.

Pedro Sánchez, na sesión de investidura © Congreso

Nomes no vindeiro Goberno

Este domingo anunciouse que o sociólogo Manuel Castells será ministro de Universidades e o líder de IU Alberto Garzón ocupará a carteira de Consumo, con competencias sobre o xogo e as casas de apostas. Os seus nomes únense aos dos restantes integrantes da parte do Goberno propostos por Unidos Podemos: Pablo Iglesias (vicepresidente de Asuntos Sociais), Irene Montero (ministra de Igualdade) e Yolanda Díaz (ministra de Traballo).

O PSOE aínda non anunciou todos os seus ministros ou ministras, pero xa é seguro que continuarán Carmen Calvo, Nadia Calviño, José Luis Ábalos, Fernando Grande-Marlaska, María Jesús Montero ou Teresa Ribera.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.