As intervencións dos voceiros e voceiras dos distintos grupos parlamentarios amosaron a realidade dunha cámara moi polarizada, con furibundas críticas a Pedro Sánchez e ao programa de goberno acordado entre PSOE e Unidas Podemos por parte dos grupos de dereita como PP, VOX e Ciudadanos. E, pola outra banda, un firme apoio ao candidato socialista por parte dos voceiros dos grupos integrados en Unidas Podemos.
As intervencións de Casado e Abascal estiveron inzadas de insultos a Sánchez e de críticas furibundas ao acordo entre PSOE e Unidas Podemos
A quenda de discursos foi aberta por Pablo Casado (PP) que endureceu o seu ton, despois de varios meses nos que tentara marcar un perfil propio ante VOX. Este sábado, en cambio, recorreu ao insulto contra Pedro Sánchez para desacreditar o acordo de Goberno de PSOE e Unidas Podemos, chegando a cualificar o líder socialista como "sociópata" ou "presidente 'fake'". Casado afirmou ademais que o Executivo progresista "será o seu epitafio político". "Non lle sairá gratis. Perdeu a dignidade de liderar un partido constitucionalista e a decencia de non mentir", engadiu. Dende o estrado, Casado comprometeuse a apoiar o Goberno de Miguel Ángel Revilla en Cantabria, se o PRC racha o seu pacto co PSOE.
Os insultos continuaron na intervención de Santiago Abascal (VOX), que acusou a Sánchez de ser un "fraude", un "mentireiro" e un "estafador", chegando a culpar o PSOE de ser responsable da comisión de agresións sexuais por non estar a favor da prisión permanente revisable ou de ser "os responsables da traxedia no Mediterráneo". Ademais de incorrer en varios datos falsos durante a súa intervención, o líder da formación de ultradereita dirixiuse nunha ocasión ao deputado de Teruel Existe, recriminándolle o seu voto positivo á investidura. Abascal referiuse tamén ao traslado dos restos de Francisco Franco, acusando ao PSOE de "impoñer unha historia maniquea", reabrindo "as feridas que o pobo español ya cicatrizara".
Ana Oramas anunciou que votará en contra da investidura, incumprindo o decidido por Coalición Canaria
Unha das novas que deixou a xornada foi o sorprendente anuncio realizado pola deputada Ana Oramas (Coalición Canaria), que adiantou que votará en contra da investidura de Pedro Sánchez, a pesar de que este venres o Consello Político da formación decidiu que o voto sería favorable. "Dígolle non, non, e mil veces non", afirmou Oramas. A dirección de Coalición Canaria xa anunciou que "actuará cos seus estatutos para as indisciplinas que se produzan por calquera militante do partido" e pídelle a Oramas que cumpra o acordado. O voto contrario non cambiaría o resultado da votación, pero deixaría unha maioría aínda máis axustada (167 a 165).
Iglesias chamou a "reparar" con medidas progresistas a "traizón" ao país e á cidadanía cometida polo PP
Pola contra, a intervención de Pablo Iglesias deixou clara a solidez do apoio de Unidos Podemos a Pedro Sánchez e ao programa de Goberno acordado entre as dúas formacións. Na súa intervención Iglesias chamou a "reparar" con medidas progresistas a "traizón" ao país e á cidadanía cometida polo PP. "Traizoar a España é atacar os dereitos dos traballadores, regalar diñeiro público aos bancos, privatizar os servizos públicos, vender vivendas públicas a fondos voitre, roubar a mans cheas e financiar ilegalmente campañas electorais", dixo.
Así mesmo, defendeu que a coalición PSOE-UP "traducirá o 'si se pode' en políticas de Goberno" e exercerá "de vacina fronte á extrema dereita". Ademais, destacou que o programa "combina a experiencia do PSOE coa valentía de Unidas Podemos, xunto coa reconstrución de dereitos e liberdades arrebatadas aos cidadáns e a conquista de novos dereitos".
Antón Gómez-Reino (Galicia en Común) destacou que "Galicia estará presente no Goberno"
O líder de Unidas Podemos deulle as grazas á sociedade civil e aos movementos sociais: "O acordo é máis mérito delas e deles que de calquera partido político, son os verdadeiros arquitectos deste acordo". E, fronte ás presións para que o Goberno non saia adiante procedente "de grupos financeiros, poderes económicos e os seus brazos mediáticos", Iglesias considerou "necesaria" a crítica dos movementos sociais "para facer as cousas ben".
As súas reflexións foron continuadas por Alberto Garzón, que afirmou que "é a última oportunidade de que as cousas non se estraguen máis nin no político nin no económico". Tamén por Jaume Asens (En Comú) e por Antón Gómez-Reino (Galicia en Común), que fixo un chamamento "á firme mobilización cívica para defender o Goberno ante a ofensiva da dereita".
Antón Gómez-Reino e Néstor Rego
"O Goberno de coalición que imos iniciar no Estado é o Goberno que a partir deste outono vai Gobernar tamén en Galicia", dixo Gómez Reino
O deputado de Galicia en Común destacou que "Galicia estará presente no Goberno", salientando o contido do programa acordado entre o PSOE e Unidas Podemos, como a devolución do Pazo de Meirás ou as medidas para a industria electrointensiva. "En campaña dixemos que o noso país, Galicia, tiña que estar no vindeiro Goberno do Estado. E Galicia vai estar", afirmou.
E subliñou que "Galicia está presente no programa de Goberno cando falamos da suba das pensións e do SMI, da derogación da reforma laboral e da LOMCE, ou a Lei Mordaza, de acabar do Copago e non permitir que pechen unidades de asistencia ao partido como as de Verín". "Pero tamén cando falamos do compromiso xa firme para recuperar o Pazo de Meirás; o programa de retorno de persoas emigradas a Galicia; de mulleres e rural, co compromiso para activar o Lei de titularidade compartida", engadiu
O deputado rematou o seu discurso sinalando que "este é un primeiro paso, o segundo chegará en outono co cambio de Goberno en Galicia". "O Goberno de coalición que imos iniciar no Estado é o Goberno que a partir deste outono vai Gobernar tamén en Galicia", concluiu o deputado.
Néstor Rego destacou que o BNG "puxo sobre a mesa a axenda galega" e reclamou que Sánchez "cumpra os seus compromisos"
Pola súa banda, tamén Néstor Rego (BNG) confirmou o seu voto positivo para a investidura de Pedro Sánchez, pero advertiu de que a pesar do seu voto favorable, "o seu Goberno non é o noso Goberno". "O BNG non se vincula nin se vinculará a súa acción de goberno salvo no concernente ao acordo establecido e a aquelas políticas nas que coincidamos e que representen avances en dereitos, democracia e benestar", subliñou.
O deputado do Bloque Nacionalista Galego (que iniciou o seu discurso en galego: "Quero que as miñas primeiras palabras sexan na miña lingua, na lingua do meu pobo"), comezou a súa intervención recordando que o compromiso do partido nacionalista “é defender aquí os intereses de Galiza por encima de todas as cousas”. Rego destacou que o Bloque "puxo sobre a mesa a axenda galega" e reclamou que Sánchez "cumpra estricta e dilixentemente os seus compromisos cun País que leva demasiado tempo esperando e que ata agora sabe máis de marxinación, esquecemento e incumprimentos por parte dos gobernos españois que de solucións".