Tren de proximidade, industria electrointensiva ou saneamento das rías: as claves do acordo entre BNG e PSOE

Sinatura do acordo entre BNG e PSOE, este venres en Madrid CC-BY-NC-SA BNG

A sinatura do acordo de investidura entre PSOE e BNG, na tarde deste venres, supuxo a confirmación de que Pedro Sánchez conta cos apoios necesarios para ser elixido Presidente do Goberno este martes na segunda votación da sesión de investidura. O acordo, a través do que o BNG se comprometía a votar a favor do candidato socialista, foi o resultado de varios días de negociación, para dar lugar finalmente a un acordo "para poñer punto final a moitos dos problemas que padece o noso país", en palabras da formación nacionalista. 

O documento asinado por PSOE e BNG recolle boa parte das cuestións que veñen marcando o debate político en Galicia nos últimos anos, unha axenda galega de reivindicacións e puntos de conflito

Un acordo que chega, ademais, a poucos meses da celebración das eleccións ao Parlamento galego, uns comicios nos que será imprescindible o entendemento entre os partidos galegos de esquerdas, como subliñaba este venres pola mañá -horas antes do peche do pacto- Gonzalo Caballero, líder do PSdeG-PSOE, chamando a “unha gran alianza progresista” para as eleccións galegas.

O documento asinado por PSOE e BNG recolle boa parte das cuestións que veñen marcando o debate político en Galicia nos últimos anos, unha axenda galega de reivindicacións e puntos de conflito que en parte xa aparecían no acordo entre PSOE e Unidas Podemos. Medidas para a industria electrointensiva, axudas para as comarcas afectadas pola desindustrialización, saneamento das rías, apoio ao tren de proximidade, transferencia da AP-9 ou o "estudo" dunha "tarifa eléctrica galega". Estas son algunhas das súas claves.

 

Transferencias e autogoberno

Galicia manterá en "calquera modificación da estrutura territorial do Estado" o mesmo status que Cataluña e País Vasco

O acordo ábrese co compromiso de programar "durante a presente lexislatura" a activación da transferencia "da totalidade das competencias pendentes recollidas no Estatuto de Autonomía de Galicia, así como das competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento galego". 

Así mesmo, apóstase por "impulsar as reformas necesarias" para adecuar a estrutura do Estado "ao recoñecemento dos sentimentos nacionais de pertenza". E, neste senso, o acordo recoñece "o actual status de Galicia, Euskadi e Cataluña como nacionalidades históricas", comprometéndose a que Galicia manterá en "calquera modificación da estrutura territorial do Estado" o mesmo status que Cataluña e País Vasco.

Sinatura do acordo entre BNG e PSOE, este venres en Madrid © BNG

Transferencia e abaratamento da AP-9

O acordo prevé "modernizar a rede interior ferroviaria galega"

Entre as transferencias previstas está a da AP-9, demandada por unanimidade do Parlamento galego e aprobada a finais do 2018 polo Congreso a pesar do veto imposto durante anos polo goberno de Mariano Rajoy. A transferencia ten data concreta ("ao longo do ano 2020") e vén acompañada do compromiso de rebaixar a peaxe para os usuarios "recorrentes" (quen a use dúas veces ou máis ao día, tanto particulares como profesionais, durante todos os días da semana). Tamén se aposta por reverter ao longo da lexislatura as subas extraordinarias de prezos aplicadas na última década ao abeiro dos Reais Decretos 1733/2011 e 104/2013.

Apoio ao tren de proximidade

O acordo prevé "modernizar a rede interior ferroviaria galega", con actuacións nas liñas A Coruña-Ferrol, A Coruña-Lugo, Vigo-Fronteira Portuguesa, Ourense-Lugo e Ferrol-Xixón. Hai tamén medidas para o apoio á rede ferroviaria de mercadorías e lémbrase que a proposta presentada por España ante a Comisión Europea "contempla a inclusión do itinerario A Coruña-Vigo-Ourense-León como ampliación do Corredor Atlántico".

Saneamento das rías e traslado de ENCE

O documento refírese ao impulso do "saneamento e rexeneración das Rías Galegas", con medidas concretas como a reactivación do plan de dragaxe, rexeneración e recuperación da Ría do Burgo

O documento refírese tamén ao impulso do "saneamento e rexeneración das Rías Galegas", con medidas concretas como a reactivación do plan de dragaxe, rexeneración e recuperación da Ría do Burgo "recuperando os fondos xa orzados polo Estado (24 millóns de euros) e solicitando os fondos accesibles da Unión Europea". Así mesmo, no acordo o Goberno maniféstase "a favor do traslado da planta de ENCE a outro enclave máis adecuado ambiental en Galiza, a través dunha fórmula que permita manter o emprego".

Apoio á industria e a unha transición enerxética "xusta"

O documento compromete o apoio das dúas forzas aos "procesos de descarbonización" e á "transición enerxética a un modelo sustentable", pero inclúe medidas de apoio ás comarcas e traballadores afectados polos procesos de peche de centrais térmicas de carbón, como son as de Meirama e As Pontes. Galicia será incluída no Plan de Acción Urxente para Países do Carbón e Centrais Pechadas 2019-2021 e durante o primeiro semestre do 2020 os Convenios de Transición Xusta para o persoal das dúas plantas enerxéticas galegas.

Estatuto de Empresas Electrointensivas

O acordo aposta por ampliar o número de xulgados de violencia de xénero en Galicia e, en concreto, "de maneira urxente", en Santiago de Compostela, Lugo e Ourense

O documento incide no Estatuto de Empresas Electrointensivas, na actualidade en tramitación, prevendo "medidas orientadas a reducir da factura enerxética da industria electrointensiva", que se concretarán nunha mesa tripartita permanente convocada antes do 21 de marzo, na que participarán os sindicatos galegos máis representativos. As industrias electrointensivas terán "a máxima compensación permitida pola UE por custos de emisións indirectas de CO2". Tamén se prevé poñer en marcha "de forma inmediata" unha Mesa de traballo sobre Alcoa-San Cibrao, con presenza da empresa, os sindicatos e as administracións. 

O acordo sinala igualmente que se emprestará "unha especial atención á industria naval, que articula a produción de riqueza e emprego nas áreas de Vigo e de Ferrol, recuperando a actividade de Barreras e Vulcano, e convertendo Navantia nun complexo industrial integral que apoie a súa actividade na construción naval civil".

Loita contra a violencia de xénero

O acordo aposta por ampliar o número de xulgados de violencia de xénero en Galicia e, en concreto, "de maneira urxente", en Santiago de Compostela, Lugo e Ourense.

Pensións dos emigrantes

O documento sinala que "durante 2020" serán adoptadas "as medidas necesarias para evitar que as prestacións recibidas desde o estranxeiro por emigrantes retornados sufran unha dobre tributación", co obxectivo de evitar "calquera trato discriminatorio entre a prestación interna e a estranxeira".

O Goberno "estudará posíbeis compensacións tarifarias ás comunidades produtoras excedentarias de enerxía eléctrica, para abaratar a factura da luz"

Tarifa eléctrica

No acordo, o PSOE comprométese a que o Goberno "estudará posíbeis compensacións tarifarias ás comunidades produtoras excedentarias de enerxía eléctrica, para abaratar a factura da luz"

Lingua

En materia lingüística, o acordo prevé a "normalización do uso do galego na administración periférica do Estado, na administración de Xustiza" e tamén "o respecto á toponimia galega". Sinálase, ademais, a "recuperación das horas de emisión dos medios de comunicación públicos estatais en desconexión para Galicia e na lingua galega". E, igualmente, lémbranse os acordos xa existentes do Congreso e do Parlamento galego para a recepción en Galicia das radios e televisións portuguesas, que o acordo se compromete a "facilitar".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.