As eleccións xerais do 10N permitiron ao BNG, cun escano pola Coruña para Néstor Rego, regresar ao Congreso tras tentáreno sen éxito nos comicios de 2015 e 2016 e mais no pasado 28A. A súa portavoz nacional, Ana Pontón, amosa a súa satisfacción por un "gran resultado" dunha formación "á alza" a cuxo voto ollan agora, ademais, PSOE e Unidas Podemos para procuraren que o seu pacto para gobernaren en coalición supere o debate de investidura. Pontón amósase aberta ao "diálogo con responsabilidade" cara á elección de Pedro Sánchez se esta supón un "goberno de progreso" e proclive a contribuíren a un "desbloqueo" que, advirte, "sempre" terá que estar "vinculado ao cumprimento dunha axenda galega".
Durante a campaña, especialmente na provincia da Coruña, reiteraron que tiñan en xogo un escano coa extrema dereita. Cre que ese foi un dos factores que contribuíu a volveren ao Congreso?
Creo que callaron dúas ideas. Moitos galegos e galegas estaban descontentos coa invisibilidade e irrelevancia á que nos conduciron as forzas estatais e ven que se queren que Galiza estea, a súa ferramenta é o BNG. E para moita xente tamén se corroborou o que diciamos na campaña: que os escanos que tivese o BNG eran escanos que non ía ter a dereita ou a extrema dereita. Vexo que moita xente se alegrou, con independencia do que votase, porque sabe que Galiza gaña co BNG no Congreso.
Tras o anuncio do acordo de PSOE e Unidas Podemos advertiu da disposición do BNG a ao diálogo se o eventual novo Goberno ten en conta a “axenda galega” que defenderon na campaña. Esa axenda é moi ampla; teñen fixadas o liñas vermellas, asuntos irrenunciables?
"Queremos coñecer cal vai ser o programa de goberno e queremos dialogar con responsabilidade para que haxa un desbloqueo, pero sempre vinculado ao cumprimento dunha axenda galega"
Durante toda a campaña criticamos a irresponsabilidade da esquerda española, porque este pacto tamén desvela que se non foi posible facelo despois de abril foi porque non había vontade política. Por iso comparto que moitos cidadáns non entendan que tivese que haber outras eleccións cunha alfombra vermella para a extrema dereita. Nós queremos coñecer cal vai ser o programa de goberno e queremos dialogar con responsabilidade para que haxa un desbloqueo, pero sempre vinculado ao cumprimento dunha axenda galega. Cuestións concretas? Estamos nun momento no que, para chegar acordos, a política necesita discreción e diálogo entre as organizacións que queiran abrir o debate. Temos o convencemento de que é importante que o desbloqueo sexa tamén dos asuntos de Galiza e imos traballar con firmeza para defender os intereses deste país, a democracia e para que o Estado español non siga encastelado na visión de “una y grande”, porque a plurinacionalidade existe.
Foron moi críticos cos orzamentos de 2019 que non chegaron a ser aprobados polo descenso do investimento territorializado. Tendo en conta que o AVE Madrid-Galicia está na súa fase final, como afrontarán esa negociación? Haberá prioridades en materia orzamentaria?
Hai que ir paso a paso. Agora o debate é de investidura e nos debates de orzamentos defenderemos que Galiza teña un trato digno.
"Hai que ir paso a paso. Agora o debate é de investidura e nos debates de orzamentos defenderemos que Galiza teña un trato digno"
Alén das infraestruturas ou os investimento, en campaña tamén puñan o acento na política e nos dereitos sociais, con aspectos como o financiamento da dependencia. Estará presente na negociación?
Está claro que hai unha parte social que ten que ver, primeiro, con moitas reformas contra os dereitos e as liberdades que fixo o PP, pasan os anos e seguen vixentes. A derrogación da lei mordaza e das reformas laborais ou ter unhas pensións dignas parécenos prioritario. Á marxe de que reclamemos os 200 millóns que nos debe o Estado en dependencia e que agora o PP colle como bandeira con oportunismo despois de votar sempre en contra no Parlamento galego, hai un debate de fondo que é o do financiamento da sanidade, da educación ou da lei de dependencia. Ese é o debate sobre o modelo de financiamento; ou conseguimos ter a chave dos nosos recursos ou en cada negociación, Galiza sae peor parada.
"Imos ir defender con orgullo que somos unha nación que reclama máis autogoberno, e para iso temos que desbloquear unha década con cero competencias"
O sistema de financiamento autonómico leva cinco anos caducado…
Evidentemente, esa ten que ser unha prioridade no Congreso e tamén o vai ser no Parlamento de Galiza. Porque está moi ben que o señor Feijóo utilizase en campaña o tema dos 700 millóns que nos retén o Estado, pero el foi cómplice dun modelo de financiamento que nos discrimina e de que non se reformase. E iso é mostra da incapacidade da actual Xunta para afrontar os grandes temas.
En materia de autogoberno hai unha transferencia de competencias a Galicia que quedou freada no Congreso pola convocatoria electoral, a da AP-9, e tamén outras pendentes. Estarán sobre a mesa da negociación?
Nós somos nacionalistas e, evidentemente, imos ir defender con orgullo que somos unha nación que reclama o recoñecemento como tal un incremento do autogoberno. E para iso temos que desbloquear unha década con cero competencias
"Enfrontamos as eleccións de 2020 coa convicción de que é posible un cambio"
Se finalmente chegan a un acordo e favorecen a investidura de Sánchez e ese novo goberno, como cre que pode influír a situación no escenario político galego a menos dun ano das eleccións?
Non podemos adiantar acontecementos. Nós estamos polo desbloqueo e por un goberno de progreso, pero ese goberno ten que comprometerse con Galiza. Esa é a prioridade para o BNG. A partir de aí, os procesos electorais teñen certa influencia pero son diferentes. Nós estamos sentindo no país un cansazo coa política do PP na Xunta, que nin foi quen de blindar os servizos públicos nin de resolver os problemas que hoxe ten Galiza. Enfrontaremos o proceso electoral de 2020 coa convicción de que é posible de que haxa un cambio e que a clave é que o BNG, cun proxecto alternativo ao do PP, sexa unha forza nuclear no novo escenario.
"Hai que ser moi claros: por tras da extrema dereita non hai máis que fascismo fronte ao que hai que facer un cordón democrático"
Como interpreta o ascenso da extrema dereita en Galicia? Malia non lograr representación, deuse colocado como terceira forza en moitos concellos…
En Galiza o apoio é moito menor ao que pode ter noutros puntos do Estado. Hai un elemento transversal ás nacións do Estado, que é onde menos penetración ten ese discurso xenófobo, machista e antigalego. Porque o que propoñen non só é regresivo cos dereitos das mulleres, dos migrantes ou dos traballadores e traballadoras, senón que tamén nega a nosa identidade e o noso autogoberno. Porque o que propoñen é que se ilegalice todo o que representa que Galiza existe. Creo que ese auxe foi responsabilidade das forzas estatais; da dereita, porque branqueou o fascismo cos seus pactos en Madrid ou Andalucía e que Feijóo avalou; e da esquerda, porque na campaña vimos que o discurso do odio non tivo unha resposta contundente. E nisto hai que ser moi claros, desmontando que por tras da extrema dereita non hai máis que fascismo fronte ao que hai que facer un cordón democrático. Con todo, para min é un orgullo que esa forza política en Galiza non teña un só deputado nin un só concelleiro.