PSOE e Unidas Podemos acordan gobernaren en coalición pola vía rápida tras a repetición electoral

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, no acto de sinatura do preacordo de coalición de PSOE e Unidas Podemos © PSOE

Sete meses, unha investidura fracasada e inzada de reproches mutuos e unhas novas eleccións despois das que ambas forzas saíron damnificadas, PSOE e Unidas Podemos acordan pola vía rápida gobernaren en coalición. Cando non transcorreron nin corenta e oito horas dende o peche das urnas do 10N, ambas formacións pactaron un "preacordo" tras conversas con participación directa de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, que este mesmo martes puxeron cara en primeira persoa a un pacto que, según adiantou eldiario.es, contempla ao líder de Unidas Podemos como vicepresidente.

Apenas corenta e oito horas despois das eleccións, ambas formacións maniféstanse dispostas a conformaren un "goberno progresista de coalición" no que Iglesias tería a vicepresidencia

Fronte ás fórmulas baralladas durante as descarriladas negociacións do verán, o texto pactado por ambas formacións para comunicaren o acordo fala abertamente da intención de conformaren un "Goberno progresista de coalición". O obxectivo primordial dese Executivo, afirman, será "situar España como referente da protección dos dereitos sociais en Europa" na liña do "decidido nas urnas", afirman.

O que foi un dos atrancos que conduciu á repetición electoral, a composición e estrutura do gabinete, tamén é aludido no texto do preacordo. "Estamos avanzando conxuntamente nunha negociación encamiñada a completar a estrutura e funcionamentod o novo goberno, que se rexerá polos principios de cohesión, lealdade e solidariedade gobernamental, así como polo de idoneaidade no desempeño das funcións", din.

Malia advertiren que o pechado é só un "principio de acordo", PSOE e Unidas Podemos trazan xa dez "eixos prioritarios" para pactaren a conformación do goberno, a comezar por "consolidar o crecemento e a creación de emprego" e "combater a precariedade do mercado laboral". A continuación, propóñense "traballar pola rexeneración e loitar contra a corrupción" e "protexer os servizos públicos, especialmente a educación (...), a sanidade pública e a atención á dependencia". Neste apartado inclúen tamén a política de vivenda "como dereito" e o apoio á ciencia".

"Fortalecer as pequenas e medianas empresas" ou "aprobar novos dereitos que profunden no recoñecemento da dignidade das persoas, como o dereito á morte digna", inclúense tamén nun preacordo que apunta ás políticas de memoria histórica e mais ás "políticas feministas". Neste segundo eido, PSOE e Unidas Podemos comprométense ao "establecemento de permisos de paternidade e maternidade iguais e intransferibles". "Reverter a despoboación", "garantir a convivencia en Cataluña" e a "xustiza fiscal e o equilibrio orzamentario" completan o texto

Acto de sinatura con eloxios mutuos

Ambos líderes compareceron conxuntamente ante a prensa para rubricaren o acordo. Nun ton diametralmente oposto ao empregado entre os dous partidos durante as negociacións do verán, Sánchez e Iglesias intercambiaron "grazas" e eloxiaron a "xenerosidade" da forza política contraria.

"Somos conscientes da decepción que supuxo entre os votantes progresistas e os cidadáns que querían superar o bloqueo" a falta de acordo tras o 28A, afirma Sánchez

Este, asegurou Sánchez, será un acordo "para catro anos, de lexislatura" e "baseado na cohesión e na lealdade". Tras o 28A "non foi posible, aínda que estivemos moi cerca", di o líder socialista, e "somos conscientes da decepción que supuxo entre os votantes progresistas e os cidadáns que querían superar o bloqueo". Neste novo Executivo "o único que non caberá será o odio e a confrontación entre españois", afirma.

Segundo Iglesias, o novo gabinete estará marcaod pola "xenerosidade" e a "predisposición" a entendérense. O futuro goberno contará "coa experiencia do PSOE e coa valentía de Unidas Podemos", asegura, quen adianta ademais de que Sánchez pode contar con "toda a lealdade" da ´sua formación.

As posibles combinacións para a investidura

O acordo de PSOE e Unidas Podemos implica que a investidura de Pedro Sánchez tería só polo momento garantidos 155 votos a prol: os 120 dos socialistas e 35 de Unidas Podemos e as súas confluencias. Para chegaren ao limiar da maioría absoluta (176 escanos) ou, cando menos, para lograren máis votos afirmativos ca negativos nunha segunda votación de investidura,  ambas forzas poden ollar cara a grupos como Más País (3 escanos) ou o PNV (7 escanos); tamén cara a Esquerra Republicana (13 escanos) e formacións con menor representación, caso do BNG, cun escano.

A investidura de Sánchez que poría en marcha o goberno de PSOE e Unidas Podemos parte con 158 apoios no Congreso e precisa cando menos, lograr máis votos afirmativos que negativos entre os 350 que forman a Cámara Baixa

Polo momento,  a investidura de Sánchez que propiciaría a posta en marcha do goberno de coalición de PSOE e Podemos parte con 158 votos a prol: os de ambas formacións e os de Más País, que xa amosou a súa disposición a apoialos. O PNV, nunha primeira reacción, advirte da necesidade dunha negociación na que serán "responsables" e na que "podemos chegar a moitos acordos", en verbas de Aitor Esteban. Pola banda soberanista tamén o BNG se mostra aberto a negociar un "si" sempre e cando, advirte Ana Pontón, Sánchez e Iglesias teñan en conta a "axenda galega" que a formación veu demandando na campaña.

Se PNV e BNG votan a prol e tamén o fan o Partido Regionalista de Cantabria e Teruel Existe, con cadanseus escanos, a investidura xuntaría 168 votos e tería a oportunidade de saír adiante en segunda votación se, por exemplo, Esquerra Republicana de Catalunya se abstivese, xa que os votos afirmativos serían máis que os negativos. Se ERC optase polo "si", Sánchez nese caso lograría ser investido en primeira votación.

Con ERC na abstención, mesmo con EH-Bildu no "non" sairía adiante a investidura, que tería máis marxe se a formación vasca se abstén e se tamén o fai Coalición Canaria, que coa súa nova formación no Congreso tamén amosa disposición a negociar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.