Feijóo responde ao pacto de PSOE e Unidas Podemos clamando por unha gran coalición

Núñez Feijóo, nun acto do PPdeG © PPdeG

Feijóo clama pola gran coalición. Tan só uns minutos despois de que Unidas Podemos e o PSOE anunciaran un preacordo para un executivo conxunto, e á súa saída do comité executivo nacional do PP, o presidente da Xunta pediu aos socialistas que "volvan falar cos partidos con experiencia de goberno"

"Fago un chamamento a que pense moi ben o que está facendo", díxolle Feijóo a Sánchez, que insistiu en que fale con partidos que, como o PP segundo relatou, "non son dubidosos de defender a unidade do país, o Estado autonómico e unha economía que financie os servizos públicos".

Feijóo pide ao PSOE "que fale con partidos que non son dubidosos de defender a unidade do país, o Estado autonómico e unha economía que financie os servizos públicos" 

Na súa insistencia en reclamar un acordo entre os dous grandes partidos, Feijóo preguntouse se o anuncio de Sánchez e Iglesias non sería unha táctica para que o PP faga algo. "Non sei se é táctica para que o PP reaccione", para engadir que "cun PSOE de Rubalcaba ou de González" ambos partidos xa estarían "falando desde o domingo". 

"Se é verdade que nos enganaron a todos durante tanto tempo, xa ninguén se vai fiar do candidato socialista, nunca máis", dixo Feijóo, que aludiu a un PSOE "constitucional, socialdemócrata, con proxecto para toda España" que, segundo cre, tería chamado ao PP na noite electoral. Ademais, preguntouse se agora Sánchez poderá "durmir" tranquilo. 

Nas redes sociais, Feijóo foi aínda máis duro ao cualificar de "tomadura de pelo" o acordo por "deixar para hoxe o que se puido ter feito hai seis meses". "Non podemos imaxinar como rematará, pero empeza mal", engadiu.

Ana Pontón Dominio Público BNG

Pola súa banda, desde o BNG, a súa portavoz, Ana Pontón, asegurou que o pacto entre Podemos e PSOE contará co apoio da súa formación de existir un compromiso "cunha axenda galega". 

O BNG amósase disposto a apoiar un goberno de progreso se "hai un compromiso de axenda galega"

"Somos favorables a que haxa un desbloqueo, a dialogar para que sedea un goberno de progreso, pero o voto do Bloque estará condicional a que haxa un compromiso de axenda galega", advertiu Pontón, que, con todo, criticou que se solucionase "en 24 horas" o que PSOE e Unidas Podemos non deron feito en meses e advertiu da "irresponsabilidade" das dúas forzas que acabou "levándonos a unha nova convocatoria electoral". 

Ademais, emprazou tamén a coñecer con máis detalle o acordo e vinculou o apoio do deputado do BNG a que se asuman unha serie de compromisos con Galicia que a dirección do Bloque detallará nos vindeiros días. Entre eles, segundo dixo logo en Twitter, "avances democráticos e recoñemento da plurinacionalidade".

Galicia En Común cualifica de "histórica" a xornada por terse logrado "un acordo progresista para que a maioría social poida vivir un pouco mellor"

Desde Galicia En Común, pola súa banda, Yolanda Díaz celebrou un acordo "que é para os que non se renden nunca". Nunha declaración nas redes sociais, a deputada deu as "grazas" por un "acordo progresista para que a maioría social poida vivir un pouco mellor".

Yolanda Díaz, posible ministra

O da deputada é un dos nomes que soa como posible ministra no futuro goberno de coalición, cuxos departamentos e protagonistas terán que decidir agora PSOE e Podemos noutra negociación para o executivo. Yolanda Díaz é unha das opcións máis firmes para formar parte del como responsable do Ministerio de Traballo. 

O outro deputado da confluencia, Antón Gómez-Reino cualificou a xornada como "histórica" por ser "un paso inaprazable para un goberno que garanta os dereitos sociais, defenda a democracia e coide do medio ambiente. "Desde Galicia puxemos e poremos todo o noso esforzo e compromiso", advertiu. 

"Isto marca claramente cal é o camiño para despexar da Xunta o Goberno de Feijóo. O diálogo e o consenso entre as forzas de esquerdas son as vías nas que temos que traballar para ter dentro duns meses tamén en Galicia un goberno de progreso", engadiu Luca Chao, portavoz do grupo Común da Esquerda no Parlamento galego. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.