Fagamos política ficción. Os resultados dunhas eleccións nunca son extrapolables a comicios doutro tipo, cada un con dinámicas propias, pero permiten imaxinar que pasaría se os votos obtidos esta noite por cada unha das candidaturas se repetisen nas eleccións ao Parlamento galego que se celebrarán dentro duns meses.
PSdeG, En Común e BNG sumarían 42 escanos, fronte aos 33 de PP e VOX
De facelo, a esquerda podería chegar ao Goberno da Xunta de Galicia, cunha ampla maioría na cámara. O PP sería a forza con máis escanos (28), pero o PSdeG-PSOE de Gonzalo Caballero acadaría tan só un menos, 27. Isto, sumado aos 9 deputados e deputadas que obtería En Común e aos 6 do BNG totalizaría 42 escanos.
No campo da dereita, o PP só poderia sumar os 5 escanos de VOX, mentres que Ciudadanos ficaría sen representación ao non acadar na Coruña e Pontevedra (por pouco) o 5% mínimo esixido para obter escanos.
As eleccións ao Parlamento galego terán lugar nalgún momento do ano 2020, pero aínda non se decidiu se se celebrarán no outono ou se haberá un adianto á primavera.
Os resultados non son moi diferentes da extrapolación realizada cos datos das eleccións do 28 de abril. Daquela a esquerda sumaba 40 escanos: 28 do PSdeG, 10 de En Común e 2 do BNG, que este domingo si superou o 5% en Lugo e Ourense. Na dereita, o PP obtiña 25, por 8 de Ciudadanos e 2 de VOX, un total de 35.