O PP recuperou o primeiro posto en Galicia, malia que a esquerda mantén a súa vantaxe e mesmo a incrementa no número de escanos, ao sumar un o BNG, que volve ao Congreso, e perder Ciudadanos os dous que tiña, o mesmo número que mantén En Común-Podemos.
Con máis do 96% escrutado, os populares, que perderan por primeira vez unhas eleccións no país o 28A dende que en 1989 adoptase esa denominación, soben un escano e volven gañar tras medrar case cinco puntos respecto a aqueles comicios, nos que o PSdeG obtivera unha histórica vitoria.
O PP recupera o primeiro posto en Galicia cunha lixeira vantaxe sobre o PSdeG, que mantén o número de escanos e case a mesma porcentaxe de voto
Con todo, o PSdeG mantén un apoio similar --cae sobre medio punto-- e os mesmos representantes, empatando a 10 escanos co PP, que supera os socialistas por apenas 10.000 votos e menos de medio punto. Os populares aproveitan, tamén no país, o esborralle de Ciudadanos, que queda sen representación e perde os seus dous deputados ao caer sete puntos.
Galicia En Común-Podemos, pola súa banda, queda coa mesma representación aínda que reduce o seu apoio (en dous puntos) nunha esquerda que en Galicia recompón algo os seus marcos pero mantén a súa forza.
O BNG aumenta o seu apoio e regresa ao Congreso; en Galicia, a esquerda suma un escano máis ao manter tamén En Común os dous que tiña
Porque o Bloque, o outro gran protagonista, recupera apoios e chega ao 8,2% tras subir en máis de dous puntos e uns 15.000 sufraxios. A formación nacionalista regresa ao Congreso catro anos despois, desde que acadara dous deputados nas xerais de 2011. Desta vez, acádao pola Coruña, onde loitou coa ultradereita de Vox por un escano que finalmente obtivo con bastante amplitude.
Malia non acadar representación por Galicia, o partido ultra subiu en máis de dous puntos o seu apoio en Galicia, cuns 30.000 votos máis.
En definitiva, o panorama da representación galega no Congreso queda marcada tamén polo fracaso de Ciudadanos. Perde os seus dous escanos, pero mentres un deles vai para o PP, o outro vira cara ao nacionalismo do BNG. A esquerda, xa que logo, gaña un escano máis.
A suma de PSdeG, En Común e BNG sumou o 52,3% dos votos o pasado 28A e suma desta vez mesmo algo máis, mantendo case idéntica a súa vantaxe respecto da dereita en Galicia.
Coa ollada posta xa nas eleccións autonómicas do vindeiro outono, o PPdeG ve como as continuas chamadas de Núñez Feijóo a "unir o voto" da dereiita fixo efecto, ainda que se cadra non tanto como o desexado para os populares, que ven como a extrema dereita aumenta o seu apoio, tamén en Galicia.
O PSdeG, pola súa banda, perde o liderado que acadara o 28A, pero mantén o apoio e olla ao futuro con moderado optimismo, ao conseguir practicamente un empate técnico cos populares e ver como os seus posibles aliados, En Común en BNG, mantéñense ou mesmo aumentan o seu apoio.