Nunca a esquerda sacara tres escanos de vantaxe á dereita en Galicia nunhas eleccións xerais. A distancia entre bloques mantense no país malia a baixada na participación, que afectou especialmente o ámbito progresista. O PP recuperou o primeiro posto pero ve como a suma dos seus sufraxios cos de Vox e Ciudadanos está aínda uns dez puntos por detrás da que xuntan PSdeG, En Común-Podemos, BNG e Más País.
A esquerda nunca alcanzara os 13 escanos nunhas eleccións xerais; neste 10N, o bloque progresista alcanzou a súa maior vantaxe coa dereita: 9,54 puntos
Porque nunca a esquerda alcanzara os 13 escanos nuns comicios ao Congreso dos Deputados. Fíxoo este 10N ao apañar o BNG un dos dous que perdeu Ciudadanos. De feito, tan só en tres ocasións máis o bloque progresista superou a dereita nas xerais. O pasado 28 de abril, cun escano menos, PSOE, En Común, Bloque e En Marea alcanzaran o 53,4% dos sufraxios, 9,49 puntos máis que a suma dos populares, a formación laranxa e a extrema dereita. Desta vez, a esquerda alcanza o 53,6% e está 9,54 puntos por riba.
É a maior vantaxe sobre a dereita nuns comicios estatais e, xa que logo, desde 1977, desde as primeiras eleccións democráticas ao Congreso tras a ditadura franquista.
A distancia só é comparable aos máis de oito puntos de diferenza que a esquerda alcanzara en 2008 na última vitoria de Zapatero. Xa en 2011, co triunfo de Rajoy, a dereita superara en máis de dez puntos e en sete escanos o bloque progresista en Galicia. En oito anos, a esquerda recupera 20 puntos á suma dos conservadores e a poucos meses das eleccións autonómicas. Pero ese é outro conto.
En 2011, a dereita superara a esquerda en máis de dez puntos e sete escanos
Polo momento, a esquerda é moi maioritaria nunhas xerais, onde a dereita, aló por finais dos 70 e principios dos 80, chegouna a superar en entre 44 e 20 puntos e ata en 21 escanos. A división que sempre prexudicou o bloque progresista tamén afecta agora os conservadores, que asisten á irrupción dunha ultradereita cada vez máis forte, pisándolle os pés ou pasando por riba dos que pactaron con ela.
De feito, a vantaxe da esquerda é aínda maior de ter en conta o apoio da representación galega no Congreso por bloques. Así, os 10 escanos obtidos polo PP representan o 31,94% dos votos, fronte ao 52% dos 13 escanos de PSdeG, En Común e BNG. Son máis de 20 puntos, moitos máis que os que separaban os 11 escanos populares e de Ciudadanos dos 12 de socialistas e de Podemos nos comicios do 28A.
Mudaron moito as cousas desde o empate técnico de 2015 entre os bloques con representación e moitísimo máis aínda desde 2011, cando os populares superaron en case 14 puntos ao espazo da esquerda.
Neste 10N, a suma da esquerda caeu en máis de 90.000 votos, mentres que a dereita perdeu uns 74.000. Malia iso, a distancia entre ambos bloques é de 140.000 votos, algo menos que a que había o pasado 28A, cando quedou en 156.000.
Esa ampla vantaxe do bloque progresista en Galicia adoita racharse nas eleccións autonómicas, aínda que a diferenza é escasa. Nos últimos comicios ao Parlamento galego, en 2016, a suma de PP e Ciudadanos –que non acadou representación– superou o 50% dos votos, mentres que PSdeG, En Marea e BNG acadaron pouco máis do 45%.
A distancia foi aínda menor nos comicios de 2012, coa suma de populares e UpyD no 47,2% fronte ao 44,7 da esquerda. En 2009, na primeira vitoria de Feijóo, o resultado foi practicamente un empate, aínda que o sistema electoral acabou por darlle a vitoria ao actual presidente da Xunta. Daquela, a suma de populares e UPyD sumou o 48% dos votos, a mesma porcentaxe que socialistas, Bloque e EU.
En menos dun ano, a cidadanía galega estará chamada ás urnas. No fondo, e como clave, a conformación ou non dun goberno progresista no Estado. De ser así, o espazo da esquerda en Galicia ve aumentadas as súas posibilidades para o obxectivo común de desaloxar a Feijóo do poder e conformar unha alternativa. De fracasar, todo estará aínda más no aire.