A esquerda analizou este luns con máis vagar os resultados das eleccións xerais do 10 de novembro. Esa análise comezou en todas as formacións polo máis inmediato, o reparto de votos e escanos que resultou destes comicios nas circunscricións galegas, pero inevitablemente incluíu unha ollada ao que -agás no caso dunhas terceiras e previsiblemente desastrosas eleccións xerais- será o vindeiro reto nas urnas, as eleccións ao Parlamento de Galicia para o ano 2020.
Mentres Feijóo pon o foco en que o PP volveu ser primeira forza, PSdeG, En Común e BNG ven nos resultados a evidencia de que pode haber cambio pola esquerda en 2020
Mentres Alberto Núñez Feijóo pon o foco en que o PP logrou volver ser primeira forza política en Galicia seis meses despois de perder esa condición por primeira vez na súa historia, o feito de que a marxe sobre o segundo partido, o PSdeG, sexa inferior a un punto engadido a que a representación galega no Congreso é agora aínda máis maioritariamente de esquerda que en abril conduce a estas formacións a unha conclusión. Existen, coidan, posibilidades reais de cambio político pola esquerda en Galicia malia admitiren a inquedanza polo ascenso da extrema dereita a nivel estatal e mesmo tamén en Galicia, aínda que Vox non lograse escanos polas circunscricións galegas.
Gonzalo Caballero subliña o empate técnico do PSdeG e que "A suma do PP, Ciudadanos e Vox quedou máis de 140.000 votos por baixo da suma das forzas de progreso" en Galicia
Na dirección do PSdeG os números do 10N convidan a volver soñar coa Xunta en 2020. Acadar algo máis do 31% dos votos do electorado galego supón estar "máis de tres puntos por riba do dato obtido polo PSOE no conxunto de España", subliña o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, quen ademais olla alén da súa propia formación. Mesmo nun contexto de "caída da participación superior á media estatal", advirte, "o resultado segue amosando igual que nas tres citas anteriores" -o 28A e mais as europeas e municipais- que "hai unha nova maioría social de progreso" en Galicia.
"Superamos todas as probas para abrir un novo tempo político en Galicia cando haxa eleccións autonómicas", salienta Caballero, dende cuxo punto de vista o "devalo" do PPdeG non finalizou malia recuperar a primeira posición. Os de Alberto Núñez Feijóo, advirte, "non foron quen de sumar os dous deputados que perdeu Ciudadanos" porque un deles foi para o BNG e "A maiores, a suma de PP, Ciudadanos e Vox quedou máis de 140.000 votos por baixo da suma das forzas de progreso", conclúe.
En Común cre que un goberno de coalición de esquerdas no Estado sería "a mellor mensaxe" para o cambio en Galicia
Tamén nas filas de En Común-Unidas Podemos se observa o resultado do 10N como un sinal a prol do cambio en Galicia. Tras revalidaren cadanseus escanos no Congreso, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz inscriben a posible evolución do panorama galego no contexto estatal. "Onte comezou a carreira para acabar con Feijóo na Xunta e para construír un Goberno estable que remate coas políticas do PP en Galicia, afirma Gómez-Reino quen, como xa resaltara en campaña, coida que a "mellor mensaxe" para o cambio en Galicia sería agora a formación dun goberno de coalición de esquerda en España.
Neste sentido, Díaz advirte que tras unha convocatoria electoral "irresponsable e inútil" o que "toca" é "falar dos problemas da xente e frear á extrema dereita con políticas que garantan protección social" mentres, ao tempo, se fai un "cordón sanitario a Vox". Todos estes elementos, cre, axudarán ao cambio en Galicia.
Pontón ve iniciado o camiño para "afastar o PP da Xunta"
Tamén no BNG ollan a 2020. Dende a satisfacción de recuperaren a representación no Congreso tras non a lograren nos comicios de 2015 e 2016 nin nos do pasado abril, Ana Pontón garante que a achega da formación soberanista no Congreso pasará por dar "voz" ao país, pero tamén por velar para que "non se produza ningún tipo de involución democrática".
Dende esta perspectiva, a líder do Bloque ve ratificado que a formación "vai á alza e suma". Na campaña do 10N, asegura, foron "coa man tendida a todos os galegos e galegas que cren que Galiza precisa dunha alternativa" e esa será a "senda" cara ao "grande reto" de 2020. O obxectivo, subliña, será "afastar da Xunta ao PP", tal e como convidan a agardar os números do 10N. "Para iso -subliña- é necesario que o BNG obteña o mellor resultado posible.