O PSdeG-PSOE foi a forza máis votada en 83 localidades, sobre todo nas comarcas urbanas e litorais
Hai moitas Galicias. A pesar de que nos resultados para o conxunto do país a diferenza entre PP e PSdeG-PSOE foi moi pequena, os populares seguen a dominar amplamente nas zonas rurais e do interior, sendo a forza máis votada en máis de dous de cada tres concellos. En concreto o PP impúxose en 229 localidades, por riba dos 195 nos que gañara o 28 de abril, pero moi lonxe dos 300 nos que dominou nos anteriores comicios de 2016.
A mellora neste dato para os populares débese principalmente á concentración nas súas candidaturas dunha parte importante do voto que en abril fora para Ciudadanos, que caeu de forma abrupta en toda Galicia.
O PSdeG-PSOE foi a forza máis votada en 83 localidades, por debaixo das 117 de abril (iso si, en 2016 foran 10). Mesmo así, o dato apuntala a súa fortaleza nas zonas urbanas, áreas metropolitanas e grandes vilas. Os socialistas gañan na maior parte dos concellos de comarcas como Ferrolterra, A Coruña, Costa da Morte, Caldas, O Morrazo, Ourense, a Montaña de Lugo, Vigo e o Baixo Miño, dominando nunha parte importante das localidades litorais.
En Allariz o BNG foi a forza máis votada
O único concello no que non se impuxo ningunha das dúas grandes forzas foi Allariz, onde o BNG foi a forza máis votada. En Común non gañou en ningún concello, aínda que estivo preto de facelo en Cangas. Tampouco o fixera en abril e no 2016 fora a forza máis votada en dúas localidades.
PP
Os populares seguen a ser a forza hexemónica nunha parte importante do territorio, nomeadamente as zonas máis rurais das provincias de Lugo e Ourense, e tamén algunhas comarcas interiores da Coruña e Pontevedra. En Beariz, Quintela de Leirado e Avión o PP obtén os seus mellores resultados e mantense por riba do 70%. E en total son 57 as localidades nas que a formación supera o 50%.
Pola contra, as áreas metropolitanas das cidades e, en xeral, as zonas urbanas, son os espazos nos que o partido de Núñez Feijóo fica máis abaixo. Ademais de Negueira de Muñiz (20,91%), os concellos nos que o PP acadou un peor resultado foron Cambre, O Grove, Vigo, Fene, A Illa de Arousa, Culleredo e Corcubión, todos por debaixo do 23%.
PSdeG-PSOE
Os socialistas obteñen os seus máximos en Pedrafita do Cebreiro, Calvos de Randín, Entrimo e Carballeda de Avia, feudos tradicionais no rural lucense e ourensán, pero o mapa amosa tamén a súa fortaleza na Costa da Morte, o norte da provincia de Lugo e os concellos que rodean a Vigo ou Ourense.
En Común
En Común segue a ter as súas prazas máis fortes nas cidades e concellos de áreas metropolitanas, sobre todo en comarcas como O Morrazo ou Vigo. Supera o 20% en Cangas e O Grove e está preto de facelo en Moaña, Redondela, Ponteareas, Vigo, O Porriño, A Pobra do Caramiñal, Fene e Mugardos.
BNG
O BNG mantén o seu poder en feudos como Allariz, Moeche e San Sadurniño, onde supera o 20%. Pero tamén se achegou a esa porcentaxe en Corcubión, Vilar de Santos, Baños de Molgas, Soutomaior, Rianxo e As Pontes, onde a formación experimentou un grande ascenso.
VOX
Finalmente, VOX tivo en Ribeira, Becerreá, Abadín e Carballeda de Valdeorras os seus mellores rexistros, entre o 12 e o 13%, como xa comentabamos nestoutra nova. Ademais, superou o 10% noutros 16 concellos, encabezados por Castro de Rei, Barro, Bergondo, Rábade, Ponte Caldelas, Meaño, Xinzo de Limia, Barbadás e O Barco de Valdeorras. En xeral, a formación de ultradereita mantivo un comportamento bastante homoxéneo en boa parte do país e só baixou do 5% en 33 concellos. O lugar onde obtivo un peor resultado foi O Incio (2,83%).
Ciudadanos e Más País
Entre os maiores derrotados da noite estiveron Ciudadanos e Más País. A formación laranxa, que obtivera un gran resultado en Galicia o 28 de abril perdeu máis da metade dos votos. Tan só superou o 10% en Xunqueira de Espadanedo e ficou no 6% en Ames, A Lama, Culleredo, Oleiros ou Sada.
O partido de Íñigo Errejón, que se presentaba na Coruña e Pontevedra, obtivo os seus mellores datos en Cangas, Mondariz-Balneario, Ames e Culleredo, pero sen chegar ao 3% en ningunha localidade