As Pontes castiga o PSdeG e premia a PP e BNG no marco da súa crise industrial

Concentración nas Pontes, durante a folga xeral do 16 de outubro CC-BY-NC-SA CIG

 O PSdeG-PSOE seguiu a ser a forza máis votada, cun 30,14% dos apoios pero caeu dende o 41,08% de abril. Un descenso de 11 puntos que contrasta cos fortes ascensos que rexistran o PP (+8) e BNG (+7)

A crise industrial que vive As Pontes, co peche da central términa de carbón no horizonte, tivo un efecto importante nas eleccións xerais deste domingo. O PSdeG-PSOE seguiu a ser a forza máis votada, cun 30,14% dos apoios pero caeu dende o 41,08% de abril. Un descenso de 11 puntos que contrasta cos fortes ascensos que rexistran o PP (+8) e BNG (+7). VOX sobe dous puntos, mentres que En Común perde algo menos de tres e Ciudadanos reduce en cinco puntos o seu resultado. Chama a atención, finalmente, o dato de Más Páis-Equo, un 2,46% que mellora o seu resultado global na pronvincia da Coruña.

Semella que o electorado pontés semella ten censurado a xestión realizada polo Ministerio de Transición Ecolóxica, premiando no entanto ao BNG e, en certa forma ao PP. Con todo, o ascenso dos populares procede en gran parte do esborralle sufrido por Ciudadanos.

Á marxe do acontecido nas Pontes, non se produciron grandes movementos nas localidades que sofren crise industrial, dende Cervo a Cee, pasando por Cerceda ou Narón

No marco da crise industrial que está a sufrir Galicia nos últimos anos (Alcoa, Isowat, Poligal, Ferroatlántica, Meirama...) que afecta especialmente a algúns concellos, un dos puntos de especial interese nestas eleccións era observar a evolución do voto nestas localidades. Con todo, á marxe do acontecido nas Pontes, non se produciron grandes movementos.

  • Cerceda. O tamén anunciado peche de Meirama, asumido dende hai tempo, non provocou cambios de voto significativos. O PP obtén unha axustada vitoria, cun ascenso de tres puntos, que procede do descendo de sete puntos de Ciudadanos. O outro gran beneficiado da caída dos laranxas foi VOX, que se converte en terceira forza, como en moitos concellos da Galicia rural. 
  • Cee. Os problemas de Ferroatlántica tampouco tiveron unha tradución electoral. Poucos cambios nesta localidade, con ascensos leves para PSdeG-PSOE, PP, BNG e VOX e unha forte caída de Ciudadanos.
  • Narón. Os problemas de Poligal e, en xeral, a crónica situación que sofre o sector industrial de Ferrolterra, non provocaron grandes cambios. O PSdeG-PSOE perde dous puntos, o mesmo que En Común, mentres que o BNG sobe dous. Pola contra o PP sobre cinco puntos e VOX catro, recollendo exactamente os nove que perde Ciudadanos
  • Cervo. A pesar da feliz resolución que tivo a planta de Alcoa na Coruña, a incerteza continúa en Cervo. Porén, iso non tivo traslación no voto este domingo. Houbo pequenas variacións, con leves ascensos de PP (+3), BNG (+3,5) e pequenas caídas de En Común, PSdeG e Ciudadanos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.