"A Xunta debe impulsar unha transición sustentable e non a reconversión encuberta de Endesa"

Central térmica das Pontes CC-BY luscofusco

Mentres as demandas desde a Xunta e outras administracións céntranse en “reactivar” a central térmica, procurar outros combustibles e alongar a vida da instalación das Pontes, e ao tempo que Endesa reactiva un dos seus grupos na busca de alternativas, os expertos insisten en ir moito máis aló. Reclaman asumir a fin, máis ou menos cedo, do actual modelo para preparar unha transición “sustentable" e de acordo coas esixencias da UE.  

Xa a oposición deslizou esta semana no Parlamento a necesidade de crear “emprego de calidade ao xeito da maioría de rexións europeas afectadas pola transición enerxética”, en palabras do Grupo Mixto; liderala “desde o Goberno galego, dende o público” e non da man “do oligopolio eléctrico e Endesa”, como advirte Común da Esquerda; ou apostar por unha “estratexia” da que careceron as administracións nos últimos anos, como pide o BNG. 

Investigadores da USC falan con Xunta para impulsar "unha transición sustentable con políticas proactivas que rachen coa dependencia enfermiza das enerxéticas”

Hai expertos, hai propostas e hai exemplos varios en Europa que mesmo se impulsan desde Galicia, que conta co único máster a nivel estatal neste sentido. O Máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable da USC ten tamén un Programa de Doutoramento Internacional e os seus responsables manteñen contactos co Concello das Pontes e coa Xunta na procura dese plan para “unha transición sustentable da zona mediante políticas proactivas que rachen coa dependencia enfermiza dunha comarca de certas empresas enerxéticas”. 

Así o advirte José Antonio Rodríguez Añón, profesor de Física Aplicada e coordinador deste máster, que pide que a Xunta “sexa decidida e aposte por políticas proactivas valentes que sigan as directrices marcadas por Bruxelas nos obxectivos dos H2030 e H2050 para levar a cabo unha transición sustentable, tanto social, económica como enerxética”. A cuestión é que haxa esa valentía que ninguén desde as administracións parece ter, moito menos a un mes das eleccións xerais e a menos dun ano das autonómicas. 

Escavadoras da antiga mina de lignito, nas Pontes CC-BY Amio Cajander

“Non temos máis opcións, ir en contra deste proceso abocaríanos a un ostracismo social no marco da UE e condenaríanos a seguir sendo unha rexión de 3ª, 4ª ou 5ª división”, insiste Rodríguez Añón, que lembra que a Xunta ten na propia USC os expertos, investigacións e propostas para tirar delas e que "a oportunidade é única” para que o país lidere un modelo de transición exemplar que olle a longo prazo. 

"A Xunta non pode deixarse levar pola reconversión encuberta insustentable e irracional que propón Endesa e que vai condenar unha comarca e Galicia"

“Que a Xunta non se deixe levar pola reconversión encuberta insustentable e irracional que lle propón Endesa e que vai condenar unha comarca e mesmo posiblemente Galicia”, insiste o profesor. O temor é que propostas sen claro futuro nin capacidade para asumir o negocio actual acaben por apañar subvencións públicas para volver ao punto actual en tan só uns anos.

“Os datos son moi clariños, somos incapaces de manter a térmica utilizando biomasa. A combustión a gran escala está ferida de morte e así o asume a UE coa entrada en vigor da actual directiva europea de emisións”, reflexiona Rodríguez Añón, que advirte de que esas medidas comunitarias supoñen para térmicas como a das Pontes ou Cerceda “realizar grandes investimentos aos que non están dispostos ou vender fume, como parece que queren facer desde Endesa co tema da biomasa”. 

Para este e outros expertos do ámbito, a clave está en que esas política de transición sustentable as marque a Administración “e non a empresa privada”. “Esta decisión debería levar a reinterpretar a xeración e distribución da enerxía dun sistema centralizado a un distribuído, e tamén a riqueza que esta poida supoñer, explorando novos nichos de negocios, abrindo oportunidades aos sectores primario, secundario e terciario, identificando as fortalezas dunha comarca e buscando solucións, recuperando tamén empregos en sectores que poderían repotenciarse”, explica.

"Galicia pode e debe aproveitar o peche das térmicas para saír fortalecida nun proceso de transición global que sirva de exemplo para toda a UE"

Mesmo desde Europa asumen que Galicia debe ser unha deses rexións a axudar para un cambio de modelo económico exemplar e verde. “Galicia pode e debe aproveitar este problema que acaba de presentarse co peche das térmicas para saír fortalecida nun proceso de transición global e a escala de autonomía que sirva de exemplo para toda a UE”, recomenda Rodríguez Añón. 

Pero hai que actuar “rápido” para “atopar solucións a curto e medio prazo que frutifiquen nun futuro e que sexan sustentables no tempo”. “O tempo de reacción ante situacións como a que se está dando nas Pontes ou en Cerceda é básico e esixen aptitude e actitude á Administración”, insiste o experto, que sinala o Máster e a universidade galega “o mellor lugar” para desenvolver este traballo, da man tamén de “axentes sociais, políticos e económicos que de forma imparcial e desinteresada se unan”. “Que o ámbito universitario liderase este proceso provocaría tamén que non houbese sospeita ningunha”, engade, consciente de todos os atrancos partidarios e partidistas ante un problema global que está a afectar de cheo o país. 

José Antonio Rodríguez Añón CC-BY-SA Praza Pública

A oportunidade da UE

O modelo que pretenden desenvolver os investigadores en Galicia “está sobradamente probado a diferentes niveis”. Eles mesmos teñen estudos de como o clima pode afectar o desenvolvemento de políticas enerxéticas locais en Suecia, como deseñar melloras nunha cidade como Nova York para facela máis sustentable, do impacto económico de substituír combustibles tradicionais por hidróxeno nos automóbiles en Suecia ou do desenvolvemento da transición enerxética en Alemaña. “Temos xente que sabe como facelo e que o está facendo noutros países con resultados satisfactorios. É momento de aproveitar todo este potencial e aplicalo na nosa terra e non esperar a que o fagan por nós a un prezo que os nosos fillos non poderán pagar”, reclaman o coordinador. 

“Temos xente que sabe como facelo e que o está facendo ben noutros países. É momento de aproveitar todo este potencial e aplicalo na nosa terra"

Aínda que a Xunta está a explorar esta posibilidade, a necesidade de abordar os problemas a longo prazo e non a meses vista, como moitos queren, complica todo. “Creo que está dubitativa, pero habería que animar a dar o paso porque quedar parado neste momento significaría non cumprir os acordos do horizonte 2020 e quedar á marxe da axenda europea 2030 e 2050, e non nolo podemos permitir”, advirte Rodríguez Añón. “Non é que o digamos nós, é que o demanda a UE e o planeta”, engaden outros expertos. Todos eles saben que é tamén aí, na Unión Europea, onde está a clave.

“A maior parte do capital necesario procedería da UE, polo que economicamente sería moi interesante e non supoñería un problema para as arcas da administración autonómica”, remata. Falta, insiste, valentía e vontade política. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.