Alberto Núñez Feijóo e Valentón García Formoso uniron este luns a súa voz para reclamar unha "reactivación inmediata" da central térmica das Pontes logo do anuncio de peche por parte de Endesa. O presidente da Xunta e o alcalde das Pontes acordaron, logo dunha reunión en Santiago, un "posicionamento conxunto" no que tamén solicitaron axudas fiscais para a instalación mentres se estudan alternativas como os biocombustibles para substituír ao carbón, cuxa queima está destinada a desaparecer.
Feijóo e Formoso piden a "reactivación inmediata" da central térmica e vantaxes fiscais para que "dean os números"
Ambos os dous mandatarios acordaron tres demandas de maneira "clara e contundente" cara a Endesa e ao Goberno central. A primeira, que haxa un "compromiso de continuidade" da central, que se estableza unha mesa técnica na que se "aclare" o futuro da planta e se procure "outra materia prima" coa que manter a súa actividade, así como que se incorpore Galicia aos fondos europeos de descarbonización a partir de 2021.
Entre as medidas fiscais, como xa reclamaran outros dirixentes, o alcalde das Pontes e presidente da Deputación pediu que se elimine o céntimo verde que grava a produción enerxética con carbón, unha medida que cre "necesaria" para que "dean os números" e que considera "un xesto" que o Goberno central "non terá obxección ningunha" en levar a cabo.
Reclaman "compromiso de continuidade", unha mesa para procurar alternativas ao carbón e que Galicia se incorpore aos fondos de descarbonización da UE
Nesas "políticas fiscais" insistiu tamén Feijóo ao advertir de que á central "non lle sae a conta de resultados" porque "o prezo de tonelada de emisión de CO2 na UE subiu". "Se hai un imposto que sobe, que son as emisións de CO2, teremos que baixar outros impostos que gravan a central térmica para facer un equilibrio e que a conta de resultados sexa viable para que 750 familias poidan seguir vivindo", dixo.
Ademais, García Formoso insistiu na busca dun biorresiduo que se poida queimar na central "se é viable economicamente" e chamou á creación desa mesa técnica para un proceso "que non se fai nun mes ou 15 días" e para que non se fale unicamente de expectativas que non teñan futuro.
Malia que a central térmica das Pontes é a maior produtora de gases de efecto invernadoiro de todo o Estado e unha das meirandes de Europa, Feijóo asegurou que "pode ser operativa 100% porque cumpre os cocientes de emisións de CO2 que obriga a UE" e advertiu de que "Europa non obriga a pechar" a instalación. Ademais, volveu reivindicar o investimento de máis de 200 millóns de Endesa, que non afecta a emisión de CO2, e lembrou que foi unha das dúas que en España levaron a cabo esas reformas "para poder cumprir a normativa europea".
"Europa non obriga a pechar a central térmica das Pontes", di Feijóo
Ao tempo, Feijóo amosouse "a favor" dunha transición "xusta" pero non dunha ruptura "inxusta", mentres que García Formoso reclamou tamén unha mudanza "ordenada e sen impacto laboral" e pediu que "non se trate igual" a unha central que investiu máis de 200 milóns que a outras que "decidiron non apostar polo emprego".
Feijóo, ademais, considera que para que haxa investimentos cos que probar como substituír o carbón para introducir outras materias primas "a central ten que seguir funcionando". "É posible manter a central térmica das Pontes? Si", dixo Feijóo, quen lembra que países como Alemaña e Reino Unido teñen térmicas operativas na actualidade.
Alén disto, o xefe do Executivo galego apelou á necesidade de manter a actividade da planta porque en "anos climáticos complexos" necesítase unha "batería" para xerar esa enerxía.
Núñez Feijóo lembra que "foi moi difícil conseguir que Endesa investise máis de 200 millóns na central", o que "non ten sentido é perder esta central térmica sen a cal Galicia se convertería nunha comunidade autónoma deficitaria en enerxía".
"Sería a primeira vez na historia que os galegos tivésemos que importar enerxía eléctrica", avisa o presidente da Xunta. "Se apagamos As Pontes sen alternativa Galicia converteríase nun territorio deficitario en enerxía". "Ademais sería non só un problema para Galicia, senón un problema para España", rematou.