Xosé Veiras (Santiago de Compostela, 1970) é biólogo e ecoloxista e un dos portavoces da plataforma Galiza, un futuro sen carbón. Desde hai anos leva reivindicando o peche das centrais das Pontes e de Meirama en Galicia, por ser importantísimos produtores de gases de efecto invernadoiro, e explicando os riscos que as súas emisións supoñen para o clima e o futuro do planeta. O tamén autor do blog Un claro no bosque analiza o anuncio feito por Endesa e as consecuencias da fin da actividade da instalación pontesa.
Agardaba o anuncio de Endesa sobre o futuro peche da súa central térmica nas Pontes?
Ninguén esperaba que fose tan rápido nin a decisión tan súbita. Si é certo que ao longo deste ano fóronse estreitando as perspectivas de futuro da central ao comprobarse que a suba do prezo da tonelada de CO2 no mercado europeo tiña moito de estrutural e non tanto de conxuntural. Aquela pretensión de prorrogar a vida da central máis aló de 2030, que xa fora un recorte previo coa data de 2045, foise rebaixando, e xa nas últimas semanas Endesa comezara a falar mesmo de 2025. Malia todo, a decisión non era agardada agora.
"A decisión do peche é empresarial e non do Goberno de España, que é o único Estado de Europa occidental sen calendario de peche das centrais de carbón"
Que lle parecen as declaracións de membros da Xunta ou do propio Feijóo culpando da decisión de peche ao Goberno central?
A decisión é empresarial e non vén imposta, polo menos con esta celeridade, por unha decisión do Goberno do Estado. A propia Endesa explica as causas na información que enviou á CNMV e en ningún momento fala de decisión do Executivo. Ademais, hai que ter en conta que España é o único Estado de Europa occidental que carece dun calendario oficial de peche das centrais de carbón e o único que fai son previsións moi conservadoras. É certo que o mercado de emisións de CO2, evidentemente, é unha decisión política adoptada a nivel europeo que condiciona a decisión de Endesa, ao igual que a Directiva Europea de Emisións Industriais (DEI), coa que hai unha enorme confusión.
Que confusión?
Unha cousa é a calidade do aire e outra o problema da crise climática, dous problemas diferentes aínda que relacionados. A contaminación tóxica, sobre a que actúa a DEI, forzou que as centrais de carbón se tivesen que adaptar para reducir contaminantes como dióxido de xofre ou óxidos de nitróxeno, o que evidentemente aumenta os custos de produción. Esta foi a clave para que se pechase a central de Meirama. Pero outra cousa é o CO2, que non é tóxico agás en ambientes pechados. No aire, o CO2 nunca acada concentracións nocivas para a nosa saúde, pero é un gas de efecto invernadoiro que provoca quecemento global. A central de carbón, despois de aplicar a DEI, ía seguir sendo igual de nociva para o clima.
O investimento de máis de 200 millóns de Endesa nos últimos anos foi basicamente para adaptarse a esa DEI?
Viña imposto pola DEI, que entrará en vigor en xullo do ano que vén, con catro anos e pico de atraso por unha exención para as centrais españolas para que tivesen máis tempo para tomar unha decisión sobre o que facían. Pero eses investimentos non inflúen na emisión de CO2, que é intrínseca a calquera proceso de combustión. Non hai filtros nin técnicas que a impidan agás soterralo no chan, outra ilusión tecnolóxica que se foi desinchando co paso do tempo.
"Non hai ningunha alternativa aceptable que pase polo mantemento da central térmica, ben sexa con carbón ou con biomasa"
Que alternativa hai para a central das Pontes que sexa asumible desde o punto de vista climático?
Non hai ningunha alternativa aceptable que pase polo mantemento da central térmica, sexa con carbón ou sexa con biomasa. O da biomasa é unha nova ilusión que nos queren vender. Pasaríamos de ter unha central de carbón que nos venderon como eficiente e de emisións mínimas, que non é, a que nos vendan o conto dunha central ecolóxica queimando residuos orgánicos. Converter a central nunha macroincineradora ou nunha gran central de biomasa, que non fai outra cousa que promover aínda máis a eucaliptización, é un disparate propio de empresas como Endesa ou de políticos como Valentín García Formoso.
Pero temos que asumir que se perdan tantos empregos? Ese impacto económico para a comarca e toda a zona?
É moi difícil substituír nunha comarca como a do Eume, a do Ortegal ou a da Terra Cha unha industria das dimensións da central térmica das Pontes, a maior de todo o Estado. De todos os xeitos, non hai que esquecer que hai outra central térmica nas Pontes que xa se construíu no seu día como alternativa á central de carbón e que agora parece que non chega. Esta central de ciclo combinado a gas natural, un dos motivos que se aduciu para construír a regasificadora en Mugardos, vendeuse como alternativa pero parece que era complementaria. Ten 800 megavatios, non é pequena precisamente, é máis eficiente e menos contaminante que a de carbón e está operativa desde 2008, pero foi moi infrautilizada ata este mesmo ano. Ademais, teñamos en conta todos os parques eólicos da zona. Aínda con todo iso, haberá unha perda de emprego que terá que ser compensada ou indemnizada, pero esa mesma comarca pasou por un proceso de reconversión con maior impacto en postos de traballo como foi o peche da mina.
"É moi difícil substituír nunha comarca como a do Eume, a do Ortegal ou a da Terra Cha unha industria das dimensións da central térmica das Pontes"
Maior impacto?
Na mina, no seu momento de maior actividade, traballaba moita máis xente que na central, mesmo tendo en conta as auxiliares, unhas auxiliares que haberá que ver en que medida dependen de Endesa ao 100%. Eu non me fío das cifras que nos dan nese sentido. Logo está o problema dos camioneiros, claro, falsos autónomos que foron explotados pola empresa, que preferiu contratalos a eles que dotarse dunha frota propia de camións e contratar xente. Agora parece ser que se desentende completamente deles, algo que é totalmente inaceptable, xa que debería preocuparse igual que dos traballadores da central.
Que cre que acabará pasando coa central das Pontes?
Eu non sei o que pasará, pero si sei o que pasou. Nos últimos vinte anos, as institucións galegas, Xunta, Parlamento, concellos da zona, todos os partidos políticos, os principais sindicatos... Todos estiveron negando a necesidade de pechar a central térmica das Pontes e a de Meirama. Non consideraban que a crise climática era un problema grave ou que esas centrais fosen o que son, importantes produtores de emisións que provocan esa crise climática. Estiveron facendo todo o posible e imposible para manter indefinidamente a actividade das centrais e, ao mesmo tempo e ilusamente, creron que as centrais poderían alongar a súa vida ata ben entrado o século XXI... E hai que ser ben iluso e irresponsable climaticamente. Aquí as responsabilidades están moi repartidas. Ata onte mesmo estábase pedindo que as centrais mantivesen indefinidamente as súas actividades. E ata hai uns meses pedían que alongasen a súa vida ata 2045... E hai resolucións varias de diversas administracións sen ningún voto en contra.
"Nos últimos vinte anos, partidos, sindicatos, Xunta e concellos negaron a necesidade de pechar a central; o negacionismo levouno ao escenario actual"
Cre que esa actitude contribuíu ao problema que agora se presenta?
Negacionismo e actitudes ilusas leváronnos ao escenario no que estamos agora, unha situación para a que os axentes institucionais e sociais non quixeron nin souberon prepararse. O que pasa agora é que unha transición que se debeu facer con tempo e planificada vai ter que ser de forma brusca e acelerada. Haberá que facer todo o posible para o que de negativo poida ter o peche da central sexa limitado e compensado. Aquí practicamente todo o mundo quixo, ata o último momento, que as centrais se mantivesen. É así de triste. Ninguén moveu unha palla para demandar un calendario de peche e unha transición ordenada de verdade, non o que entende a Xunta, que é unha transición interminable.
Aprenderíase a lección?
Isto mesmo, no futuro, poderíase repetir porque non vai ser a última industria nin o último sector económico que vai ter que sufrir axustes ou reconversións por causas, en boa medida, da crise climática ou da crise enerxética. Instalarse no negacionismo climático de forma tan perniciosa... De que serve que non negues o cambio climático se logo negas a necesidade das medidas que cómpren para solucionar os efectos do cambio climático? Esa forma de negacionismo existe e en Galicia está moi instalada. Co tema das centrais térmicas estivo moi instalado ata estes mesmos días.
Cre que non se tivo en conta o suficiente o problema climático?
Esta decisión de Endesa, entre outras cousas, veu dada polo aumento do prezo do CO2 no mercado de emisións... Pois en Galicia, a comezos do século XXI, houbo certa polémica por parte de todos os partidos e todos os sindicatos para opoñerse a ese mercado europeo de emisións. Pouca xente se lembrará pero eu si que me acordo. Houbo oposición porque se estaban a defender as centrais térmicas de carbón e porque xa se sabía que aquilo que viña da UE era un risco para a viabilidade destas centrais.
Cre que a situación pode complicar a coherencia no discurso dalgunha formación política?
Saberán navegar porque son moi hábiles, saben adaptarse ben ás circunstancias. Desde logo, ninguén se terá equivocado nada, pero tamén se van ver forzados pola nova realidade social. Hai que ter en conta o que pasou hai pouco nese venres que foi unha xornada histórica na defensa do clima desde Galicia. Terán que ir revisando as súas peticións e, de feito, ante a decisión de Endesa, é significativo ver como partidos que ata hai dous días pedían que se mantivese indefinidamente a vida da central das Pontes non piden xa que continúe queimando carbón, senón que piden unha transición xusta. Xa non defenden que a empresa dea marcha atrás e iso, se cadra hai un ano, non tería pasado. Daquela igual terían pedido que si dese marcha atrás.
"Os partidos saberán navegar coa situación porqueu son moi hábiles, pero tamén se verán forzados a cambiar pola nova realidade social"
Ten Galicia capacidade para autoabastecerse con enerxías renovables?
Hoxe mesmo non, pero si ten capacidade, co labor de apoio ás renovables que poderían exercer as centrais de ciclo combinado a gas natural, para poder facelo. Dependería da produción renovable, pero para atender niveis como os actuais, Galcia está en moi boas condicións de abastecerse só con renovables nun prazo de tempo relativamente curto. Instaláronse moitos parques eólicos en pouco tempo, de forma mal planificada, con custos para a biodiversidade excesivos e con escasos beneficios para o rural ou para a cidadanía, pero cando tivemos unha capacidade que nos permitiría ir apagando as centrais de carbón, tampouco se fixo porque había que producir máis electricidade e exportala. Semella que se non a exportas, a economía galega afunde. Con todo, toda a capacidade renovable instalada e prevista en Galicia tamén inflúe na decisión que as empresas toman á hora de pechar centrais de carbón.
Como imaxina ou como lle gustaría ver Galicia, a nivel enerxético, no futuro?
Gustaríame unha Galicia que fose capaz de ter no 2030 un sector eléctrico totalmente descarbonizado, que nos puidésemos autoabastecer de fontes renovables e que xa non fose nin tan sequera necesario o labor de apoio que terían que facer as centrais de ciclo combinado a gas natural, que poderían pechar cara a 2030 ou antes se é posible. Por suposto, gustaríame atoparme nun escenario de redución do consumo enerxético para que, aínda tendendo á electrificación, iso non supuxese un incremento á hora de consumir que fose inasumible e insustentable. Na medida que teñamos que prescindir dos combustibles fósiles e abastecernos con renovables, hai que ter en conta que iso aumentará os custos territoriais de sustentabilidade.