O pasado luns, medio milleiro de persoas desprazáronse á Coruña para protestar polos cinco meses de inactividade que acumula a central térmica das Pontes e reclamar unha “descarbonización ordenada e regulada” e unha “transición xusta” que dea “garantías de emprego” aos centos de postos de traballo, entre directos e indirectos, que dependen da instalación de Endesa. Neste xoves, o 100% do persoal, segundo os sindicatos, secundou a folga de 24 horas convocada polas auxiliares, e unha masiva manifestación ateigou as rúas da vila. Uns 5.000 cidadáns que desbordaron as previsións nunha localidade que sabe canto depende dunha empresa que non abre a boca pero cuxa posibilidade de peche é real.
Unha gran mobilización reclamou nas Pontes unha "transición xusta" e a "implicación" da Xunta e do Estado na procura de alternativas ao carbón
Foi a maior mobilización e unha máis nas últimas semanas, pedindo “implicación” á Xunta e ao Estado e logo de que o pasado 11 de setembro o Parlamento galego aprobase unha iniciativa a prol de axudas ou exencións fiscais para incentivar a continuidade dunha planta que é a principal emisora de gases efecto invernadoiro de Galicia. Valentín García Formoso, alcalde socialista das Pontes e presidente da Deputación, volveu pedir que os gobernos central e autonómico senten coa compañía na procura de “alternativas de combustible que encaixen”, máis sustentables, menos contaminantes.
A proposición non de lei aprobada pola Cámara insta a Xunta a dirixirse ao Goberno central para “a supresión do céntimo verde para o carbón”, adoptar un mecanismo de compensación pola capacidade de cubrir a demanda eléctrica, medidas de exención fiscal por estar en proceso de adaptación á Directiva de Emisións Industriais (DEI) e unha “retribución específica” no caso de apostar pola biomasa forestal na central. Ademais, reclaman que se implique na defensa do emprego “apostando por unha transición enerxética xusta e ordenada”.
PP, PSdeG e BNG apoiaron no Parlamento unha proposición que pide exencións fiscais ou a supresión do céntimo verde para incentivar a continuidade da central
Malia asumir que a fin da queima de carbón (importado, neste caso) é próxima e inevitable --tanto polas normas comunitarias como pola evolución lóxica cara á desaparición-- e que a diversificación e alternativas enerxéticas son o seu único futuro, traballadores e numerosos cargos públicos apostan pola continuidade da central “máis aló de 2025” e que complete os investimentos de máis de 200 millóns para adaptarse ás esixencias da UE. Pero hai dúbidas e desconfianza de que a multinacional Enel aposte por alternativas máis verdes.
PP, PSdeG e BNG votaron a favor do acordo parlamentario; Común da Esquerda e Grupo Mixto abstivéronse. O portavoz dos Comúns, Antón Sánchez, advirte sempre de que o peche non debería ser unha mala nova. “O que hai que facer é defender os traballadores e non a empresa, buscando solucións que non os deixen na estacada, como na estacada quedaron en Cerceda cando Naturgy botou contas e decidiu anunciar o peche dun día para outro. E sen un plan económico alternativo para o futuro”, expresou hai pouco, denunciando que se siga “apoiando que nada mude”.
No Bloque, malia diferenzas na estratexia futura, o balance histórico de Endesa nas Pontes coincide cos Comúns. “É un exemplo de libro de saqueo no que unha empresa saca diñeiro a esgalla de Galiza durante 40 anos e que agora colle os cartos e bota a correr deixando tirados os traballadores”, asegura a deputada Montse Prado.
A plataforma Galiza, un futuro sen carbón lamenta o “apoio teimudo” das institucións galegas á instalación que, lembra, “é unha das 20 maiores fábricas europeas de crise climática”. En 2017, as centrais térmicas de carbón de Meirama e das Pontes foron responsábeis conxuntamente do 35% das emisións totais de Galicia de gases de efecto invernadoiro, ademais de producir outros moitos contaminantes tóxicos.
Galiza, un futuro sen carbón' lamenta o "apoio teimudo" das institucións á central que, lembra, "é unha das 20 maiores fábricas europeas de crise climática"
O que parece claro é que aquelas pretensións iniciais de alongar a vida da central até 2045 xa non está enriba da mesa, nin tan sequera semella probable que chegue a 2030. Francia prevé fechar as súas térmicas de carbón en 2022, Irlanda e Italia en 2025 e Portugal adiantou a 2022 o peche da súa única instalación.
“En lugar de insistir en defender o indefendíbel, o intelixente e responsábel é planificar adecuadamente o peche dunha industria que deixa xa unha enorme herdanza de destrución ambiental dentro e fóra de Galicia acumulada nos seus 40 anos de vida”, di Galiza, un futuro sen carbón.
A plataforma propón que Endesa, Estado, Xunta e sindicatos acorden o peche “planificado e pactado da central” nos vindeiros anos, “a máis tardar en 2025”. E que este plan se acompañe con “medidas de transición xusta para os traballadores e traballadoras e de xeración de alternativas económicas ecoloxicamente sustentábeis nas Pontes e a súa contorna, no marco dun Convenio de Transición Xusta, figura prevista xa no Marco Estratéxico de Enerxía e Clima do Goberno estatal”.
“Os anos da térmica están contados, pero cada ano importa moitísimo en tempos de emerxencia climática, dado o descomunal impacto climático desta central”
“Os anos da térmica de carbón das Pontes están contados, pero cada ano importa moitísimo en tempos de emerxencia climática, dado o descomunal impacto climático desta central” que é, lembra a plataforma “equivalente ao de países enteiros como o Uruguai”, e que, ademais, non mitigará á adaptación á DEI.
A Directiva de Emisións Industriais non afecta as emisións de CO2 causantes de cambio climático, senón ao dióxido de xofre e aos óxidos de nitróxeno. Os últimos investimentos de Endesa céntranse en adaptarse á DEI que será aplicable no vindeiro verán. “Pero mesmo despois da adaptación seguirá a ser un foco importante de contaminación tóxica, sobre todo na medida en que manteña unha produción similar ou superior á dos últimos anos”, insisten.