Medio milleiro de persoas mobilizáronse na Coruña para esixir "garantías de emprego" para o persoal da central térmica das Pontes, logo de cinco meses de inactividade, e pare reclamar que Estado e Xunta se "impliquen" na procura de solucións.
Transportistas, veciñanza, persoal de industrias auxiliares ou alcaldes mobilízaronse na Coruña pedindo unha descarbonización "regulada e ordenada"
Persoal de indutrias auxiliares, veciñanza das comarcas máis afectadas, alcaldes dos concellos da zona e transportistas, que colapsaron o tráfico con 130 camións, mobilizáronse na Coruña ante a Delegación do Goberno pedindo un proceso de descarbonización "regulado e ordenado" e que o cambio de modelo produtivo "inclúa garantías de emprego".
Así o aseguraron Alberte Amado, da CIG, ou José Furtado, de CCOO, que instou a "mollarse" a Goberno central e Xunta. Desde UGT, Javier Carreiro considera "prioritario ter unha reunión con Endesa e implicar o Executivo galego".
O alcalde das Pontes e tamén presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e representantes sindicais reuníronse co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que lles asegurou que serán recibidos pola ministra de Transición Ecolóxica en funcións, Teresa Ribera, a finais deste mes, unha noticia que deixa "satisfeito" ao rexedor pontés por lograr ese "pequeno obxectivo". "Non ten sentido que a unha central que decidiu investir para adaptarse á normativa ambiental europea non se lle dea ningunha oportunidade", queixouse.
"A vida de 650 familias está en risco e hoxe é unha mostra do que pode pasar de aquí en diante", di González Formoso
Ademais, denunciou o "inxusto" do sistema actual europeo sobre custos de dereitos de emisión para aclarar que o persoal que protesta é "considente de que o carbón é unha fonte de enerxía en extinción" pero que os cambios de modelo deben facerse "paulatinamente". "A vida de 650 familias está en risco e hoxe é unha mostra do que pode pasar de aquí en diante", dixo. A Endesa, pediulle "compromiso na procura de solucións" e que "espere a que o Ministerio mova ficha" e a unha mesa de traballo que se activará axiña. "Haberá que ver ata que punto o Ministerio está disposto a avalar a posible incorporación de biocombustibles que substitúan o carbón", engadiu.
Ao tempo, os transportistas advertiron dos problemas económicos que neste colectivo provoca a actividade da planta, ao igual que persoal das empresas auxiliares. Entre os políticos presentes, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, que asegurou que o Goerno central "ten ferramentas para garantir a viabilidade da central". Imaxe close delete_forever swap_vert
Por outra banda, e tras a reunión mantida con representantes sindicais, o delegado do Goberno, Javier Losada, reclamou "unidade de acción" para afrontar o proceso de transición enerxética e asegurou o Executivo central traballará con Endesa "para que a central teña capacidade para afrontar a diversificación da súa actividade, circunstancia que se entende, ademais, vital para o futuro da propia comarca para que desta maneira non só dependa do carbón", explica nun comunicado.
Na pasada semana, o Parlamento galego aprobou unha proposición non de lei presentada polo PPdeG na que se instou a xunta a reclamar ao Goberno central que tome medidas para que a central de Endesa nas Pontes poida volver funcionar. Entre elas incluíase a petición para que se retire o céntimo verde que grava a produción de enerxía con carbón, nunha iniciativa que contou cos votos favorables de PSdeG e BNG e cos contrarios de Común da Esquerda e o grupo mixto.
O Parlamento, cos votos de PP, PSdeG e BNG, aprobou unha iniciativa que insta a Xunta a reclamar ao Estado que tome medidas para que Endesa volva funcionar
No fondo, o eterno debate. Así, a plataforma Galiza, un futuro sen carbón amosou o seu rexeitamento á iniciativa parlamentaria do PP e lembrou que "non propón medidas de protección dos traballadores senón axudas económicas e exencións fiscais a demadar ao Goberno estatal para favorecer a xeración de cambio climático na central de carbón das Pontes", que será a única activa en Galicia despois do peche da central de Meirama en 2020, decidido pola súa propietaria Naturgy.
A plataforma advirte de que "é posible, ademais de urxente e necesario, o peche planificado da central de carbón das Pontes, a máis tardar en 2025". E lembra, ademais, que a eléctrica, con xa 40 anos de actividade, "é a industria situada en Galicia que provoca maior impacto ambiental negativo dentro e fóra do noso territorio". "En 2018 volveu estar entre as 20 maiores industrias emisoras de dióxido de carbono (CO2) da UE. Unhas emisións que non reducirá a reforma da que está a ser obxecto para se adaptar, con catro anos e medio de atraso, á Directiva de Emisións Industriais (DEI), que non afecta ao CO2, principal gas de efecto invernadoiro causante de cambio climático", din.