Estamos nunha situación de emerxencia climática. Non é un esaxero. A marxe de manobra para evitar unha mudanza climática catastrófica estréitase rapidamente. A crise climática está a agravarse a un ritmo aínda máis preocupante que o anunciado pola comunidade científica, que non só non tende a esaxerar a ameaza climática senón máis ben a infravalorala. Baixo a presión do negacionismo, a comunidade científica prefire pecar por defecto que por exceso.
Galicia é parte do problema climático. E non só por sufrir as consecuencias do quecemento globa. Tamén por estarmos entre os países que, en termos relativos, máis contribúen á crise climática
Evidentemente, Galicia é parte do problema climático. E non só por sufrir as consecuencias do quecemento global, das que se fala cada vez máis. Tamén por estarmos entre os países que, en termos relativos, máis contribúen á crise climática. Algo do que case nunca se fala, malia os datos obxectivos seren inequívocos. Aínda que, iso si, moi pouco divulgados por quen deberían facelo.
Véñense de coñecer (aínda que até agora só por quen os solicite expresamente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e/ou á Xunta) os datos oficiais completos e actualizados até 2017 sobre as nosas emisións territoriais de gases causantes de cambio climático. Que poñen novamente de manifesto dúas verdades incómodas: que as emisións da nosa terra son altas, en relación co tamaño da nosa poboación, e que non están a diminuír. Se como país quixésemos contribuír ao obxectivo de non superar o perigoso límite do 1,5ºC de quecemento global cumpriría, de agora en diante, reducilas rapidamente. En 2030 deberían ser xa menos da metade que as actuais.
En 2017, as emisións galegas de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de invernadoiro superaron os 30 millóns de toneladas (t), supoñendo 11,2 t por habitante. As nosas emisións per cápita son practicamente iguais ás de Alemaña. E moi superiores ás emisións medias da UE (8,8) e do Estado español (7,7), que non son precisamente baixas no contexto mundial.
Alén de seren moi elevadas en termos per cápita, as emisións galegas de gases de invernadoiro (exclúense polo tanto outros contaminantes sen efectos no clima) non tenden a baixar nos últimos anos. Despois de atinxiren o teito en 2004, achegándose aos 38 millóns de t, e de se desplomaren entre 2007 e 2010, até os 27 millóns, volveron subir para estabilizarse no último quinquenio con datos no rango dos 28-30 millóns.
Se comparamos as emisións actuais coas de 1990 -ano de referencia para as políticas climáticas, xunto con 2005- comprobamos que nas últimas tres décadas Galicia non foi capaz de reducir as súas emisións de gases de invernadoiro. Mesmo medraron lixeiramente, ao tempo que no conxunto da UE baixaban un 22%. De non ser polas crises económicas e polo crecemento da enerxía eólica -moi criticábel pola forma en que se ten producido, con excesivos custos territoriais, pero tamén con innegábeis beneficios climáticos- terían aumentado bastante.
Galicia está hoxe en boas condicións de comezar a reducir drasticamente as súas emisións causantes da crise climática e de recuperar parte do tempo perdido. Só falta vontade política
Ollando cara ao futuro, Galicia está hoxe en boas condicións de comezar a reducir drasticamente as súas emisións causantes da crise climática e de recuperar parte do tempo perdido. Só falta vontade política. Temos unha “bala de prata” aínda non utilizada. Insuficiente para percorrer o camiño da descarbonización (que vai moito máis alá do abandono do carbón) pero si para dar un salto de xigante.
Como se xeraron as emisións territoriais galegas de gases de invernadoiro durante 2017, o último ano para o que hai datos oficiais? O transporte xerou o 19% das emisións. A achega da industria, do sector agrogandeiro e mais do consumo enerxético de fogares, comercios, institucións públicas, maquinaria agrícola e frota pesqueira (tres sectores cun impacto climático semellante), sumou o 38%. O 2% das emisións debéronse ao tratamento de residuos sólidos e augas residuais e ás emisións fuxitivas de combustíbeis. Finalmente, á cabeza das emisións situouse novamente o sector enerxético, responsábel do 41% do total das emisións. Pero dentro deste sector, sobrancea o contributo das centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes. E de que maneira. Estas dúas centrais eléctricas foron responsábeis conxuntamente do 35% das emisións totais de Galicia en 2017. A súa achega ás emisións anuais de gases de invernadoiro do noso país adoita ser dun terzo. Un feito nada común. En poucos países as centrais de carbón teñen tanto peso na xeración de crise climática.
Este ano está a ser malo para a actividade das centrais de carbón de Galicia e de toda a UE, por causa principalmente da suba do prezo do CO2, que deben comprar no mercado europeo de emisións
A boa noticia é que Galicia, xa desde hai tempo, podería prescindir fácil e rapidamente das centrais de carbón, sen pór en risco a súa subministración eléctrica, con grandes beneficios non só climáticos senón tamén en materia de calidade do aire e saúde pública (pois, ademais de seren focos de CO2, estas centrais emiten moitos contaminantes tóxicos), de soberanía enerxética e de redución da débeda ecolóxica da economía galega co Sur global, como explica o informe O prezo do carbón de Un futuro sen carbón. Esta plataforma avoga polo peche planificado de todas as centrais de carbón españolas antes de 2025, acompañándoo con medidas de transición xusta.
Este ano está a ser malo para a actividade das centrais de carbón de Galicia e de toda a UE. Nos últimos meses caeu a súa actividade, por causa principalmente da suba do prezo do CO2, que deben comprar no mercado europeo de emisións. Un mercado creado en 2005 para penalizar especialmente industrias tan extremadamente intensivas en emisións de CO2 como as centrais de carbón, mais que ten sido moi pouco eficaz. A ver o que dura este “parón”, pero, no que atinxe a Galicia, non é tan aventurado predicir que 2019 será o ano con menores emisións de gases de invernadoiro das últimas décadas, cando menos desde 1990, ano no que principia a serie estatística oficial.
Se os nosos políticos e sindicalistas teiman en defender, por activa ou por pasiva, unha industria como a central de carbón das Pontes seguirán a practicar o “trumpismo” (ou o “bolsonarismo”) climático
Naturgy decidiu pechar a central de carbón de Meirama en 2020. Mais Endesa decidiu prorrogar a vida da central de carbón das Pontes, moito máis potente e contaminante e con xa 40 anos de actividade, por 25 anos máis. Para iso está a reducir novamente as súas emisións tóxicas, unha vez máis forzada pola actualización da lexislación ambiental. Porén, as emisións de CO2 causantes de cambio climático, só limitadas polo mercado europeo de emisións, só se reducirán na medida en que peche ou recorte a súa produción.
Se os nosos políticos e sindicalistas teiman en defender, por activa ou por pasiva, unha industria como a central de carbón das Pontes, cunha achega ínfima ao emprego e ao PIB do país en comparación co seu descomunal impacto climático (causou máis da cuarta parte das emisións totais de Galicia durante 2017), seguirán a practicar o “trumpismo” (ou o “bolsonarismo”) climático.