A biomasa, unha alternativa inviable para remudar o carbón nas Pontes

Central térmica de Endesa, nas Pontes CC-BY-SA Banjo

Semella que haberá que buscar outras alternativas para aminorar o impacto que suporá o futuro peche da central térmica de carbón das Pontes. Malia que a creación dunha gran planta de biomasa pairou sempre no escenario como unha alternativa e reivindicación política e sindical, nin Endesa nin a Xunta, nin os expertos ven posibilidades nesa opción, cando menos para cubrir toda a produción e negocio xerado pola instalación pontesa

González Formoso, alcalde das Pontes, insiste na creación dunha "planta importante de biomasa" nas Pontes, unha alternativa que nin Endesa nin a Xunta ven viable

"Non é viable manter As Pontes con biomasa forestal", advirte a Xunta. Pero neste mesmo mércores, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, aseguraba que “o lóxico” era que en Galicia se situase “unha planta importante de biomasa”, tendo en conta o obxectivo do Estado “de 1.000 megavatios de enerxía biomásica para 2030” e o feito de que o país sexa a maior rexión europea en produción forestal. Dicíao o tamén presidente da Deputación da Coruña antes de entrar na reunión que mantivo, xunto a representantes de Endesa, dos traballadores e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, coa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, en Madrid. 

Á saída, amosaba a súa “preocupación” ao “non haber resolución” pola que “estar tranquilos” nun escenario “francamente difícil” que mantén a comarca “co corazón nun puño”. Segundo advirten da xuntanza, Endesa tería manifestado, ante as propostas dos sindicatos de substituír o carbón por biomasa e outros residuos sen necesidade de grande investimento, que esa opción non é viable. 

Xuntanza para analizar o futuro da central térmica das Pontes, no Ministerio de Transición Ecolóxica © Xunta

“É imposible”, di Roque Rodríguez Soalleiro, catedrático de Silvicultura pola USC e profesor da Escola de Enxeñaría de Montes en Lugo. A biomasa, tal e como explica, ten boas opcións de aplicación no ámbito térmico, “onde se está a introducir progresivamente e con bos rendementos”. No entanto, os ciclos de vapor a partir da biomasa para xerar enerxía eléctrica teñen un rendemento moi baixo, sobre o 30%. Isto supón que por cada megavatio de potencia eléctrica instalada farían falta 10.000 toneladas de biomasa

Xa que logo, a planta de biomasa de 50 megavatios que se está a construír en Teixeiro requirirá un consumo de medio millón de toneladas anuais. Tendo en conta que a potencia da central térmica das Pontes é de case 1.500 megavatios, o consumo requirido elevaríase a case uns 15 millóns de toneladas por ano. Sería practicamente o dobre en biomasa da produción en madeira de Galicia. “Folga dicir que non sería unha fórmula sostible”, di Rodríguez Soalleiro, que advirte de que a alternativa, “importar biomasa de fóra da UE, suporía cambios de usos de solo e deforestación”, ademais dunha enorme “presión” en moitas zonas. 

Por cada MW de potencia instalada requiriríanse 10.000 toneladas de biomasa; nas Pontes precisaríanse 15 millóns de toneladas ao ano

Nin que falar dos perigos quie outros expertos advirten da eucaliptización, xa masiva nas comarcas de Eume, pero tamén nas de Ferrolterra ou o Ortegal –limítrofes coas que acolle a central térmica das Pontes-- así como en toda A Mariña. Tamén da presión sobre a biodiversidade dunha zona, o norte de Galicia, onde o negocio da madeira é xa moi importante. Os cálculos de Promagal (Produtores de Madeira de Galicia) falan dunha media de 4.000 hectáreas por municipio e 30 millóns de toneladas de madeira “listas ou case listas para cortar”. Son, aquí, moitas as alternativas que poden ollar cara ao monte e as súas posibilidades, tamén coa biomasa, pero non parece que destinadas a suplir o negocio xerado polo carbón. 

“A penetración da biomasa para fins eléctricos pode estar no ámbito da coxeración termoeléctrica a pequenas potencias, para autoconsumo, sendo admisible ter algunha panta que chegue a 50 MW, como a de Teixeiro, que sirva como starter dun maior emprego da biomasa”, di Rodríguez Solleiro.

Desde a plataforma Galiza, un futuro sen carbón opóñense “á reconversión da central de carbón nunha macroincineradora de residuos orgánicos e/ou de biomasa forestal”. “Non sería en absoluto unha alternativa sustentábel, pois xeraría máis crise climática e contaminación atmosférica e favorecería aínda máis a eucaliptización e a perda de biodiversidade”, din. 

No que ten que ver coa emisión de gases de efecto invernadoiro por parte da combustión da biomasa, Rodríguez Soalleiro advirte que, “aínda que non sexa totalmente neutra”, si que o sería en gran medida porque estas instalacións “emiten un dióxido de carbono que se fixou hai pouco tempo, e non o dos combustibles fósiles, fixado durante millóns de anos”. Respecto da emisión doutros gases contaminantes, si que asegura que os avances en filtros e redución de polución foron moitos nos últimos anos. 

Mobilización polo mantemento do emprego en Endesa As Pontes CC-BY-NC-SA CIG

Endesa, mentres, continuará cos traballos de adaptación na fábrica de dous dos catro grupos, o que permite ter esperanza para "gañar tempo" e probar nas vindeiras semanas se hai en serio alternativas "para substituír ou hibridar o carbón con biorresiduos", como di García Formoso. 

Con todo, a aposta máis viable da compañía, se é que se produce, parece ser a eólica, cun investimento importante destinado a cubrir os megavatios de potencia que agora desaparecerán cando se deixe de queimar o carbón na central.  

Endesa proba alternativas para substituír o carbón mentres parece apostar xa por un importante investimento en eólica nas Pontes

Mentres, á saída da reunión en Madrid, o conselleiro de Economía lamentou que desde o Estado non haxa previstas "medidas concretas" e volveu propoñer que se elimine o céntimo verde, imposto que grava a produción enerxética co carbón. 

O Ministerio, pola súa banda, trasladou a súa intención de convocar unha próxima reunión no prazo máximo dun mes e de buscar unha solución "a curto prazo", ao que Conde respondeu asegurando que "non hai tempo" e que se precisa unha reacción "inmediata" con medidas "por parte de todos e que se implementen de forma inmediata". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.