O pasado venres, Endesa anunciou á CNMV que aceleraba o peche da súa central térmica nas Pontes, un comunicado repentino e que chegou moito antes do agardado. Unha decisión empresarial dunha compañía que foi adiantando os prazos previstos para a fin inevitable da queima de carbóhn. Do 2045 --que pregoou durante ben tempo xunto ás administracións--, ao 2030 e mesmo ao 2025 data que xa deslizou nos últimos meses.
Endesa anunciou de súpeto que aceleraba un peche que primeiro prevía en 2045, logo en 2030 e ultimamente xa adiantaba a 2025
Este pasado venres, ao tempo que a mocidade saía ás rúas polo clima, o Parlamento galego aprobaba unha resolución na que instaba a Xunta a “declarar o estado de emerxencia climática co obxectivo primordial de comprometer as políticas do Goberno galego en facerlle fronte e acadar a neutralidade climática antes do ano 2050”.
Ás poucas horas, Xunta e PPdeG culpaban o Goberno central e o PSOE do futuro peche e insistían no 2045 como data idónea para a clausura da maior emisora de gases de efecto invernadoiro do Estado e unha das meirandes de Europa. Este mesmo luns, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, pediu ao Goberno central que “reconsidere a decisión de pechar as centrais térmicas en España” e reclamou vantaxes fiscais para a planta pontesa.
Por que agora?
Por que Endesa anuncia agora o peche da súa central térmica? Cales son os motivos de apurar máis unha decisión inevitable que, sen plan alternativo nin previsión por parte das administracións, pon en xogo centos de empregos e supón un duro impacto na comarca e en todo o norte de Galicia?
A decisión é empresarial e ten que ver coa nula competitividade dun modelo enerxético moi caro, tanto polo prezo do carbón como polo da tonelada de CO₂ no mercado europeo de emisións, unha ferramenta que impón un tope nos niveis de dióxido de carbono e permite a compravenda de permisos para contaminar máis pagando a cambio dunha retribución económica ás compañías que si cumpren.
A decisión do peche é empresarial: o elevado prezo do carbón e da tonelada de CO₂, o impulso das renovables ou as esixencias da UE son a clave
Este importe foi, durante anos, entre 4 e 5 euros por tonelada de CO₂ pero a media sobe xa a 25 na actualidade. A polución anual da central térmica das Pontes é de case 8 millóns de toneladas de CO₂ equivalentes. Co prezo do gas moito máis competitivo, a importación de enerxía desde outros países e a irrupción e fomento das renovables, que vén marcado tamén polo Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima, as perspectivas de futuro da planta pontesa foron escurecendo. Ata que Enel, grupo que controla Endesa, decidiu que xa abondaba.
Que é do investimento de máis de 200 millóns?
Nos últimos meses, Endesa acometeu un plan de modernización dun investimento de máis de 200 millóns para alongar a vida da central uns 25 anos e, sobre todo, adaptarse á Directiva de Emisións Industriais (DEI) da UE, que esixe a redución drástica da contaminación. Ao contrario do que se insinúa desde algunhas administracións e formacións políticas, esta DEI non afecta ás emisións de CO₂ causantes do cambio climático, senón ás de dióxido de xofre e óxidos de nitróxeno.
A Directiva de Emisións Industriais á que se foi adaptando a central non afecta ás de CO₂ senón ás doutros contaminantes tóxicos
Esta directiva comunitaria será aplicable xa no vindeiro verán, logo de que as centrais térmicas españolas accedesen a unha moratoria que lles permitiu gozar de catro anos máis para determinar se finalmente asumían as reformas ou non. A negativa de Naturgy a levar a cabo os investimentos necesarios foi clave para o seu peche en Cerceda.
Pero, con todo, e malia que a toxicidade provocada pola térmica ía diminuír moito ante as esixencias da UE, o seu efecto nocivo sobre o clima sería exactamente o mesmo, cumprindo ou sen cumprir a DEI. Porque non é o mesmo a calidade do aire que as emisións causantes da crise climática, aínda que estean relacionadas.
Niveis de produción
A central térmica das Pontes ten case 1.500 megavatios de potencia e supón case o 80% da produción con carbón en Galicia. Pero nas Pontes hai outra térmica máis, a de ciclo combinado con 870 megavatios de potencia, que foi infrautilizada durante tempo; o baixo prezo do gas provocou o aumento da súa produción nos últimos anos.
Na térmica de carbón, debido aos problemas de competitividade xa citados, a produción esborrallouse nos últimos tempos, pasando dos 8 teravatios por hora (8 millóns de megavatios) de 2018 aos 2,2 previstos para este ano e unha previsión de menos de 1 no seguinte exercicio. A parálise da planta desde a primavera pasada supuxo o inicio das mobilizacións, sobre todo dos camioneiros que trasladan o carbón ata As Pontes.
En 2018 chegaron ao porto de Ferrol 4,7 millóns de toneladas de carbón; as previsións para 2019 son de menos de 2
Porque a chegada do carbón importado que emprega a central –logo de esgotar a mina traballada durante 40 anos e convertida nun enorme lago– á terminal que Endesa ten no porto exterior ferrolán tamén sofre os efectos. A Autoridade Portuaria San Cibrao-Ferrol xa rebaixou as súas previsións ante “as consecuencias da crecente aceleración do proceso de transición enerxética”.
Prevese que 2019 se peche con 11 millóns de toneladas en tráfico de mercadorías fronte aos 13,7 de 2018. No pasado exercicio desestibáronse na terminal 4,7 millóns de toneladas de carbón e as previsións é que ao finalizar eeste ano non se chegue aos 2.
Hai alternativas?
É o que desexa As Pontes, a comarca do Eume e todo o norte galego, desde A Mariña ata Ferrol. As alusións á economía circular como alternativa á descarbonización e a demanda para que a central se apunte á biomasa son constantes. A empresa leva tempo facendo probas, tamén con lodos de depuradoras, e estuda mesmo como utilizar outros residuos forestais, xurro agrícola ou restos orgánicos caseiros.
A biomasa, ao ser queimada, tamén emite CO2, aínda que son moitos os estudos que aseguran que esa emisión é neutra porque ese dióxido de carbono liberado forma parte do ciclo natural vexetal, ao ser o que absorben e liberan as plantas. No caso das Pontes, a proliferación de milleiros de hectáreas de eucaliptos na propia comarca e nas limítrofes impulsaría esta alternativa, pero tamén fomentaría, segundo os seus críticos, a eucaliptización á que tanto dano se lle atribúe tamén ao medio ambiente e futuro en Galicia. Ademais, non todos os expertos cren que esta alternativa sexa moito menos contaminante.
Canto contamina a térmica das Pontes?
A central de Endesa nas Pontes é a empresa máis contaminante do Estado e das máis de Europa. A instalación encabeza o ránking español de emisións de dióxido de carbono, segundo os últimos datos feitos públicos pola Axencia Europea do Medio Ambiente sobre as empresas da UE suxeitas ao mercado comunitario de dereito de emisións.
A instalación térmica das Pontes é a 17ª factoría que máis CO2 equivalente (medida en toneladas da emisión de todos os gases de efecto invernadoiro) botou á atmosfera na Unión Europea durante 2018, con 7,9 millóns de toneladas, malia reducir en 200.000 toneladas as emisións de 2017.
A central térmica das Pontes é a empresa máis contaminante de todo o Estado; entre ela e Meirama emiten o 35% dos gases de efecto invernadoiro de Galicia
Outra central térmica, a que Naturgy ten en Meirama (Cerceda) e que ten previsto o seu peche para o vindeiro 2020, sitúase entre as máis contaminantes. Entre as 150 primeiras da UE e no posto 11º entre as do Estado, con 2,24 millóns de toneladas de CO2 en 2018. A refinaría de Repsol na Coruña, con 1,1 millóns, ocupa o 22º posto. Xa que logo, tres factorías galegas sitúanse entre as 25 máis contaminantes do Estado. Na mesma provincia, nun radio de apenas 60 quilómetros.
De feito, en 2017, as centrais térmicas de carbón de Meirama e das Pontes foron responsábeis conxuntamente do 35% das emisións totais de Galicia de gases de efecto invernadoiro, ademais de producir outros moitos contaminantes tóxicos. Dos máis de 30 millóns de toneladas destes gases emitidos en Galicia nese ano, 10,5 procederon destas dúas plantas.