Galicia tamén se ergue polo clima

Mobilización polo clima en Vigo este 27 de setembro © Greenpeace Galicia

Milleiros de mozos galegos saíron este venres ás rúas de Galicia para esixir "medidas concretas e contundentes" ante a crise climática e a contaminación que ameaza o planeta. Convocados polo Movemento Galego polo Clilma e Friday for Future, unhas 8.000 persoas en Vigo, 5.000 na Coruña ou 4.000 en Compostela manifestáronse reclamando á clase política e mandataria que adopte xa medidas urxentes contra as emisións de gases de efecto invernadoiro, que aposte polas enerxías renovables, que escoite as advertencias da comunidade científica e que asuma de vez a gravidade da situación. 

A mocidade saíu á rúa para esixir "medidas concretas e contundentes" ante a crise climática e a contaminación

As rúas reclamaron rapidez e acabar coas "ambigüidades" con marchas reivindicativas pero tamén festivas onde dominou a xente máis nova. "Planeta, escoita, somos a túa loita" ou "Non queremos un medio ambiente, queremos un planeta enteiro" foron algunhas das consignas que se escoitaron e tamén leron nas moreas de pancartas que acompañaban a rapazada.

Manifestación polo clima na praza de María Pita da Coruña © Marea Atlántica

Os organizadores das manifestacións leron ao final delas un manifesto no que denunciaron as "palabras faltas de contido" e a "inacción" por parte da clase política, tras alertar de que durante anos se ignoraron os informes e advertencias sobre as "consecuencias negativas de certas prácticas empresariais" que están a provocar a "sexta extinción masiva de plantas e namiais". 

O movemento sinala en Galicia "despropósitos ambientais" como a mina de Touro, o monocultivo de eucalipto ou a permanencia de Ence na ría de Pontevedra

Ademais, denunciaron tamén a contaminación de plástico dos océanos, o impacto dos proxectos de megamineiría, a exterminación da biodiversidade ou a contaminación de ríos e sinalaron iniciativas como a mina de Touro, o monocultivo de eucalipto, os parques eólicos en zonas protexidas ou a permanencia de Ence na ría de Pontevedra como casos en Galicia que son "despropósitos ambientais que provocaron e contribúen á emerxencia climática"

As mobilizacións deste 27 de setembro estaban convocadas en todo o planeta, ademais dunha folga polo clima, impulsada polo movemento 'Fridays for future' e a mocidade de ducias de países, que reclaman a adopción de medidas decididas ante a emerxencia climática e o quecemento global. En Galicia máis de medio cento de entidades e colectivos sociais constituíron o Movemento Galego polo Clima, xurdido ao abeiro dun manifesto que se pecha cunha serie de dez esixencias a Concellos, Xunta e Goberno central.

A plataforma quere que "o debate sobre a mudanza climática xere conciencia da necesidade de actuar e premer para mudar os hábitos individuais, da sociedade, da economía, das empresas e sobre todo da necesidade de mudar as políticas necesarias para non superar os 1,5 graos a nivel global".

Mobilización polo clima en Ourense © Amigos da Terra

O Movemento aposta por un cambio na política forestal como medida para previr os incendios, "que serán mais graves polo cambio climático". Pídense tamén "medidas para unha maior eficiencia no uso da auga, que será máis escasa cando máis necesaria". E, igualmente, unha política agraria "que favoreza a soberanía alimentaria con base a produtos de proximidade e sustentábeis, particularmente vexetais e de horta". Así mesmo, apóstase pola "construción e rehabilitación de vivendas con conceptos bioclimáticas e de consumo nulo para adaptación no só ao cambio climático senón tamén escaseza de enerxía".

O Movemento Galego polo Clima reclama o peche "urxente" da central térmica de As Pontes, que produce o 25% das emisións totais galegas, pero tamén medidas de apoio para os traballadores afectados

O Movemento Galego polo Clima reclama o peche "urxente" da central térmica de As Pontes, que produce o 25% das emisións totais galegas. Porén, sinala que "o peche non pode supoñer, unha vez máis, que sexa a clase traballadora a que pague as consecuencias, e polo tanto, reclamamos aos gobernos a creación de planos sociais para facer a necesaria transición enerxética de xeito xusto".

Así mesmo, defende "a necesidade de abandonar os combustibles fósiles camiñando cara a unha redución do consumo da enerxía e pasando a usar fontes renovables de produción da mesma", mais "sen que isto signifique a destrución do territorio mediante a implantación de monocultivos ou outras prácticas lesivas co entorno natural".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.