A mocidade é a grande impulsora do movemento contra a emerxencia climática que este venres 27 chama a unha folga nos centros de ensino e a mobilizacións en todas a cidades. Con todo, dentro da comunidade educativa tamén o profesorado está a xogar un papel importante, por exemplo a través de colectivos como Teachers for Future, un grupo de docentes "preocupados polo estado de emerxencia climática" que leva a cabo "accións concretas para cambiar a xestión dos centros escolares e para desenvolver a Educación Ambiental e favorecer o contacto coa natureza dos nosos escolares".
Neste movemento destaca a galega Miriam Leirós, mestra no CEIP Antonio Palacios do Porriño, que fai fincapé nestes obxectivos, que buscan construír unha sociedade máis consciente da pegada ecolóxica das súas accións e con ferramentas para frear o actual proceso de quencemento global.
Entre as actividades de Teachers for Future destacan o fomento dos Colecamiños, os Camiños Escolares Seguros para o desprazamento a pé ata os centros de ensino. Igualmente, a organización dos Recreos Residuos Cero, consistentes en almorzos ou merendas no colexio nos que piden que todos os produtos usen envases retornables, como tuppers, eliminando tamén as botellas de plástico e substituíndoas por termos. Así mesmo, teñen en marcha a iniciativa 28.000 polo clima, na que buscan a incorporación dos 28 mil centros de ensino existente en España. Falamos con ela.
O estudantado universitario e dos centros de secundaria está a impulsar este movemento, en boa medida porque vai ser a xeración que sufra máis os efectos negativos do cambio climático. Que papel ten que xogar o profesorado?
"Estamos en débeda coas xeracións futuras e estamos en débeda co planeta"
A mocidade está a impulsar este movemento, facendo de punta de lanza nesta loita contra a crise climática, esixindo que se tomen medidas efectivas, porque levamos un gran número de cumios medioambientais, sempre con palabras baleiras. E acompañándoos a eles foron xurdindo outros movementos, coma o noso de mestres e mestras. Estamos en débeda coas xeracións futuras e estamos en débeda co planeta. Cada ano esgótanse antes os recursos naturais.
Nós queremos impulsar a presenza da educación ambiental nos centros de ensino, aínda que lle chamamos máis ben ecoalfabetización, incidindo en como inflúen as nosas accións no medio. Por outra banda, coas nosas actividades e accións nas aulas queremos servir como apoio a todos os nenos e nenas que queren tomar parte nestas mobilizacións e non poden facer folga (porque non está recoñecida ata 3º da ESO).
Como está sendo esta Semana polo Clima nos centros de ensino? Que tipo de actividades estades levando a cabo?
"Se ti dende os tres anos comezas a introducir un hábito tan sinxelo coma o de reducir residuos, estás traballando para que adquiran un comportamento a prol da sostibilidade"
Estamos desenvolvendo unha serie de actos simbólicos polo clima. As propostas que se fixeron foron por exemplo o luns gardar un minuto de silencio polo planeta, o martes ir ás clases con camisetas verdes, o mércores proxectar o documental Before the flood -de Leonardo di Caprio como embaixador da ONU polo clima-, o xoves facer carteis polo clima e o venres convocar concentracións dentro dos centros. Todas estas accións están tendo moi boa acollida e estamos un pouco desbordados. Foron moitísimos os centros de ensino que secundaron as accións propostas.
A educación ambiental, recollida xa na LOGSE, ficou acantoada nos últimos anos. Que beneficios podería achegar no momento actual e como se debería incluír?
No documento que lles entregamos ás ministras de Educación e Transición Ecolóxica unha das nosas principais esixencias era que a educación ambiental tiña que ser transversal, atravesando todas a áreas do currículo de abaixo a arriba e dende os primeiros niveis. Por varios motivos; primeiro, porque a adquisición de hábitos faise xa nas idades infantís. Se ti dende os tres anos comezas a introducir un hábito tan sinxelo coma o de reducir residuos, estás traballando para que adquiran un comportamento a prol da sostibilidade.
"O vivencial é o que mellor se adquire. Pero estamos perdendo esa parte vivencial no ensino, todo queda reducido ao que pasa entre catro paredes"
Ou, por exemplo, pódense introducir hábitos na alimentación: dende que son moi pequenos pódese fomentar que se consuman produtos de tempada, de produción de proximidade e de comercio local, reducindo así a pegada ecolóxica dos alimentos que consumimos. A educación ambiental pode falar de matemáticas poñéndoas en relación coas cousas que teñen máis a man, pode falar de xeografía, pode falar dos novos fenómenos sociais, como son os refuxiados climáticos... É clave tamén que estean en contacto coa natureza, que o que se ensina teña a súa parte práctica. Por que non saír ao patio a mirar as cousas?
Incidides moito nesa cuestión. Está a perderse o contacto coa contorna, coa natureza?
O vivencial é o que mellor se adquire. Pero estamos perdendo esa parte vivencial no ensino, todo queda reducido ao que pasa entre catro paredes. E despois os nenos non saben o que é un pardal ou que o número de pardais se está reducindo polo uso masivo dos pesticidas. Pérdese o contacto co medio, perdese o contacto co natural e a sociedade non vai defender e protexer aquilo que non coñece. Temos que facer que os nenos entendan que nós somos parte dun ciclo natural. Igual que se estuda a cadea trófica, hai que entender que nós formamos parte dunha rede dentro da natureza.
Semella que a conciencia ambiental está a medrar. Como está sendo a acollida das vosas propostas?
"Moita xente pregúntanos que pode facer, e sempre lle insistimos moito nas escollas que poden facer no seu consumo, recomendando que aposten por produtos de tempada e de proximidade"
Hai moito interese polo tema. A nós chégannos moitas consultas de todo tipo e penso que a educación ambiental sería importante tamén fóra dos centros de ensino; tamén nos centros de traballo achegaría aspectos moi positivos, axudando a reducir custos e impactos ecolóxicos. Moita xente pregúntanos que pode facer, e sempre lle insistimos moito nas escollas que poden facer no seu consumo, recomendando que aposten por produtos de tempada e de proximidade. Tamén nos preguntan pola reciclaxe, que por suposto é importante, pero é necesario ir máis aló e comezar a apostar en serio pola redución de residuos e a reutilización, porque iso é o que axuda de verdade a limitar a nosa pegada ecolóxica.
Como está a ser a campaña '28.000 polo clima'?
A campaña, que busca chegar aos 28.000 centros de toda España, propón dúas accións de concienciación cada mes. Por exemplo en novembro organizamos o día contra o consumismo, coincidindo co black friday, no que animamos a mercar con cabeza. Hai actividades de reforestación, ou de limpeza de ríos e doutros espazos. É unha forma de actuar de forma positiva e de forma práctica sen agardar a que nos dean novas catastróficas e sen necesariamente convocar unha manifestación.
As solucións teñen que vir dende arriba, pola adopción de medidas decididas para cambiar o actual modelo, ou dende abaixo, pola mudanza de hábitos individuais? Ou unha cousa non exclúe a outra?
"Se a adopción de medidas vai precedida dunha autoconcienciación, os cambios van ir máis rápido e haberá menos conflitos"
Non se exclúen, non. Por unha banda temos a acción individual e pola outra o que os gobernos teñen que facer, que é algo imprescindible. Pero non hai que esquecer o papel que temos cada un de nós. Sempre houbo ao longo da historia movementos que foron de abaixo a arriba e de arriba a abaixo. Cando o Goberno tome as medidas que vai ter que tomar (porque veñen impostas dende a UE), se hai incumprimentos o que terá que facer será sancionar a persoas e empresas, como xa pasou coa norma anti-tabaco ou co uso do cinto de seguridade. Porén, se a adopción de medidas vai precedida dunha autoconcienciación, os cambios van ir máis rápido e ademais de maneira máis amable, con menos conflitos. Creo que neste momento o movemento máis importante é de abaixo a arriba, as mobilizacións están facendo que se tomen medidas.