Sete grandes incendios seguen sen control tras arrasar 68.000 hectáreas

Incendio en Cualedro CC-BY-SA Garda Civil

Malia o importante descenso das temperaturas, con zonas do interior de Galicia mesmo por baixo dos 10 graos de madrugada, a vaga de lume continúa a avanzar sen control. As chuvias que se agardan son escasas e no norte e fogo continúa espallándose na provincia de Ourense e xa tamén no sur da de Lugo, con sete incendios sen controlar, que suman 67.400 hectáreas, que xunto ao resto de estabilizados ou controlados pero aínda ardendo, elevan a superficie afectada ás 72.000.

Os tres maiores incendios desta vaga son xa os tres maiores da historia de Galicia, co de Larouco batendo rexistros ao superar as 20.000 hectáreas

En total, a vaga do verán rolda as 75.000 hectáreas queimadas, converténdose así na peor das dúas últimas décadas, só por baixo das 96.000 que arderon en 2006. Xa é maior a superficie calcinada á dos tráxicos incendios do outono de 2017 e aos que en 2022 provocaron os que eran os dous maiores fogos documentados na historia de Galicia. Ata agora. 

O impacto da vaga é tal que os seus tres maiores incendios xa son tamén os maiores da historia de Galicia. O de Larouco superou o de Chandrexa de Queixa (17.500) e, logo de engadir outras 5.000 hectáreas entre o pasado luns e a madrugada do martes, arrasou xa 20.000. O iniciado en Oímbra rolda xa os 15.000, superando así estes tres calquera rexistro anterior. Uns récords que apunta a bater tamén o lume orixinado na Mezquita, con 10.000 hectáreas. 

Imaxe do satélite cos incendios de Ourense, o 18 de agosto de 2025 CC-BY-SA EFFIS (Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais)

A forza das lapas é tal que abonda comprobar o número de concellos afectados para se decatar da súa dimensión. O incendio de Larouco, ademais de afectar ese municipio, estendeuse xa por oito máis: Petín, O Bolo, A Rúa, Quiroga, Vilarmartín de Valdeorras, O Barco, Rubiá e A Veiga. O de Oímbra por Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras e Castrelo do Val; e o de Chandrexa por Vilariño de Conso, Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. 

O incendio de Larouco afecta nove concellos; o de Oímbra, a sete e o de Chandrexa, a oito

Porque só en seis incendios desde que o de Chandrexa empezara o pasado día 8 arderon unhas 70.000 hectáreas, máis que todo o ardido en calquera dos últimos anos. 

A dimensión da desfeita pode ser aínda maior cando se analice ao detalle. De feito, cos datos da Consellería do Medio Rural, tería ardido arredor do 10% da superficie total da provincia de Ourense. Tendo en conta os que vén de achegar a Comisión Europea, en base aos que fornece o satélite Copernicus, serían arredor de 125.000 as hectáreas queimadas en Galicia nos últimos días.  

O lume segue afectando á comunicación ferroviaria coa Meseta, que segue suspendida, así como a estradas que se van cortando e abrindo segundo a proximidade dos incendios. Ademais, e logo de varios días con núcleos de poboación ameazados, Emerxencias informaba a última hora do luns de que non había persoas evacuadas nin confinadas, aínda que o impacto sobre moitas aldeas e vivendas segue a ser importante, con numerosas casas, granxas, explotacións e pastos queimados. 

Os cálculos da UE a través do satélite Copernicus elevan o número de hectáreas queimadas nesta vaga a unahs 125.000

Ademais, son xa catro os traballadores da loita contra o lume feridos graves nesta vaga de incendios. O último un home trasladado este luns ao hospital da Coruña, onde xa se atenden outros tres brigadistas, con queimaduras de primeiro e segundo grao. 

Pola súa banda, Alfonso Rueda, presidente da Xunta, reiterou este martes na Cadena SER a súa negativa a reclamar o nivel 3 de emerxencia ao entender que iso non lle garantiría contar con todos os medios solicitados ao Estado. Mentres o Goberno central asegura que xa enviou todos os posibles ás comunidades que os solicitaron, desde o Executivo galego insisten en que precisan máis. 

Ademais, Rueda recoñeceu que os medios non foron suficientes antes "incendios explosivos que se propagan de forma brutal" que, en moitos casos, superan as capacidades dos equipos de extinción, pero destacou tamén que Galicia conta co mellor servizo contra o lume. 

Respecto dun futuro cambio na política forestal e de prevención, Rueda asegura que a Xunta seguirá "facendo ben o que estamos facendo ben" e que deberá "mellorar" nos erros. "Porque seguro que os temos tamén", dixo, apelando a acelerar na prevención aínda que advertindo que mesmo bosques ordenados, limpos e traballados foron arrasados por lapas incontrolables este verán. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.