O vindeiro 27 de setembro está convocada en todo o planeta unha folga polo clima, impulsada polo movemento 'Fridays for future' e a mocidade de ducias de países, que reclaman a adopción de medidas decididas ante a emerxencia climática e o quencemento global. En Galicia máis de medio cento de entidades e colectivos sociais veñen de constituír o Movemento Galego polo Clima, xurdido ao abeiro dun manifesto que se pecha cunha serie de dez esixencias a Concellos, Xunta e Goberno central.
O día 27 haberá manifestacións na Coruña, Vigo, Ferrol, Compostela, Lugo e Ourense
O venres 27 haberá folgas estudantís e de consumo, ademais de concentracións ante os concellos e manifestacións na Coruña, Vigo, Ferrol, Compostela, Lugo e Ourense. Ademais, nos días anteriores levaranse a cabo actividades informativas, de debate e divulgación.
O Movemento Galego polo Clima está conformado por Fridays For Future, Extinction Rebellion, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Adega, Verdegaia, Avante LGBT, MMM, CEMMA ou o Sindicato Labrego Galego, ademais de entidades locais coma a APDR, o Colectivo ecoloxista do Salnés, a Plataforma veciñal mina Touro- O Pino Non, a Asociación Petón do Lobo, entre outras.
No manifesto apóstase por un cambio na política forestal e unha política agraria "que favoreza a soberanía alimentaria con base a produtos de proximidade"
A plataforma quere que "o debate sobre a mudanza climática xere conciencia da necesidade de actuar e premer para mudar os hábitos individuais, da sociedade, da economía, das empresas e sobre todo da necesidade de mudar as políticas necesarias para non superar os 1,5 graos a nivel global".
No manifesto apóstase por un cambio na política forestal como medida para previr os incendios, "que serán mais graves polo cambio climático". Pídense tamén "medidas para unha maior eficiencia no uso da auga, que será máis escasa cando máis necesaria". E, igualmente, unha política agraria "que favoreza a soberanía alimentaria con base a produtos de proximidade e sustentábeis, particularmente vexetais e de horta". Así mesmo, apóstase pola "construción e rehabilitación de vivendas con conceptos bioclimáticas e de consumo nulo para adaptación no só ao cambio climático senón tamén escaseza de enerxía".
O Movemento Galego polo Clima reclama o peche "urxente" da central térmica de As Pontes, que produce o 25% das emisións totais galegas, pero tamén medidas de apoio para os traballadores afectados
O Movemento Galego polo Clima reclama o peche "urxente" da central térmica de As Pontes, que produce o 25% das emisións totais galegas. Porén, sinala que "o peche non pode supoñer, unha vez máis, que sexa a clase traballadora a que pague as consecuencias, e polo tanto, reclamamos aos gobernos a creación de planos sociais para facer a necesaria transición enerxética de xeito xusto".
Así mesmo, defende "a necesidade de abandonar os combustibles fósiles camiñando cara a unha redución do consumo da enerxía e pasando a usar fontes renovables de produción da mesma", mais "sen que isto signifique a destrución do territorio mediante a implantación de monocultivos ou outras prácticas lesivas co entorno natural".
A plataforma fai un chamamento particular á comunidade educativa
A plataforma fai un chamamento particular á comunidade educativa, pois é aquí "onde se concentran as distintas xeracións que van sufrir as consecuencias da mudanza climática dun xeito máis negativo". "É por isto que convidamos aos pais e nais, profesorado e sobre todo ao alumnado a que desde o día 18 de setembro até o 27 realicen todo tipo de actividades para deixar patente a súa preocupación e axudar a sensibilizar e a crear conciencia social dos graves riscos aos que nos enfrontamos", sinalan. Nos días previos á convocatoria do día 27 haberá asembleas de estudantado e tamén xuntanzas de nais e pais para preparar as actividades e mobilizacións.