Alumnado da Coruña e Ferrol vén de convocar unha folga estudantil para protestar contra o cambio climático. Será o vindeiro venres 15 de marzo, coincidindo coa convocatoria internacional do movemento Fridays For Future.
Na convocatoria Fridays for Future Coruña chama "a ocupar as prazas da cidade, enchelas de charlas, obradoiros, debates e actividades relacionadas co cambio climático". E ás 13 horas, convocan senllan concentracións na Praza de María Pita e na Praza de Armas, fronte aos concellos da Coruña e Ferrol. E antes, o 1 de marzo, celebrarán unha asemblea no Centro Universitario de Riazor.
"Estamos vendo como o noso planeta se encamiña ao desastre polas malas accións e a indiferenza dos nosos gobernos. A xeración dos nosos pais está deixando que o cambio climático, a contaminación dos solos e augas, a extinción de miles de especies ou a destrución dos ecosistemas se converta nunha situación irreversible. O noso futuro está hipotecado para que algúns sigan aumentando as súas fortunas. Os nosos bosques arden e os nosos polos se desxean para pagar os luxos duns poucos", denuncian.
"É a maior crise á que nos podemos enfrentar e necesitamos tratala como tal. Con equidade e sen perder nin un minuto máis. Os gobernos ignoráronnos. Decidiron non actuar. Pero quedaron sen escusas e nos sen tempo. Chegou o momento de cambialo todo", conclúen. Falamos cun dos seus integrantes, Javier Muíños, estudante de Arquitectura.
"Non nos paramos a pensar no impacto que provocan as nosas decisións diarias, comenzado polo uso que facemos do vehículo privado"
Como nace a idea de constituír na Coruña un nodo deste movemento internacional?
Un grupo de estudantes de Arquitectura comezamos a movernos. Liamos cousas aquí e alá sobre os movementos que estaban crecendo noutros países de Europa e comezamos a compartir entre nós noticias e vídeos, coma os de Greta Thumberg. O 15 de marzo hai unha convocatoria internacional e en moitos lugares de España haberá mobilizacións. E así decidimos crear un grupo na Coruña e impulsar actividades informativas, buscando concienciar á sociedade. Pode que na universidade xa teñamos moi claro que hai que moverse por este tema, pero creo que é importante que máis xente se mobilice, comezando polos institutos e outros centros de ensino.
Dá a sensación de que a xente sabe que existe un problema, que o cambio climático é real e ten efectos negativos, pero que non se toman grandes decisións para intentar detelo, como se fose un tema secundario. Estades de acordo?
Parece que si, que se fala do tema, que tanto os Goberno como a sociedade son conscientes de que está a producir un cambio climático e un quecemento global do planeta e de que isto ten consecuencias negativas. Pero despois non se toman actuacións nin se é consciente en realidade das implicacións que isto pode ter para o día a día de todas as persoas. E tampouco nos paramos a pensar no impacto que provocan as nosas decisións diarias, comenzado polo uso que facemos do vehículo privado. Falta concienciación na sociedade, si. E os Gobernos poden facer moitísimo máis.
"Queremos que a xente que de verdade sabe sobre estes temas o explique en charlas e debates, levando dalgún xeito as aulas ás rúas e ás prazas"
Este movemento está liderado polas xeracións máis novas, estudantes universitarias/os e tamén de secundaria. É unha reacción lóxica, se temos en conta que ides sufrir os efectos do cambio climático moito máis que as persoas que agora teñen 60 ou 80 anos?
Cremos que os nosos pais e nais están a comportarse de forma moi irresponsable, cunha gran falta de respecto cara ás xeracións futuras. Os pais e nais deberían querer sempre o mellor para os seus fillos e fillas e deixarlles o planeta da mellor maneira posible. Pero hai unha perda de conciencia.
Como vai ser esa xornada de folga do 15 de marzo?
Chamamos a todo o alumnado de institutos e facultades a deixar as clases para protestar contra esta situación de degradación ambiental. E aínda que tamén imos convocar concentracións diante dos concellos, o noso principal obxectivo é que nese día, durante a mañá e tamén durante a tarde haxa moitas actividades informativas nas rúas. Queremos que a xente que de verdade sabe sobre estes temas o explique en charlas e debates, levando dalgún xeito as aulas ás rúas e ás prazas.