Jorge Riechmann é é poeta, tradutor literario, ensaísta e profesor titular de filosofía moral na UAM (Universidad Autónoma de Madrid) e converteuse nun dos referentes máis importantes do ecosocialismo grazas a obras coma El socialismo puede llegar sólo en bicicleta ou Interdependientes y ecodependientes. Este xoves ás cinco da tarde ofrece no Consello da Cultura Galega unha conferencia titulada Hacia una cultura de la sustentabilidad no marco do ciclo O(s) sentido(s) da(s) cultura(s).
Milita en Ecologistas en Acción e en Izquierda Anticapitalista e mantén unha grande actividade nos movementos sociais. Nos últimos anos formulou a vertente ética da súa filosofía ecosocialista nunha “pentaloxía da autocontención” que compoñen os volumes Un mundo vulnerable, Biomímesis, Gente que no quiere viajar a Marte, La habitación de Pascal e Todos los animales somos hermanos.
Avanza ou retrocede a conciencia ambiental? Seguimos a ver a natureza como un espazo alleo que hai que ocupar e transformar?
É unha pregunta que intentei tratar no libro Interdependientes y ecodependientes. Eu diría que estamos nunha situación paradoxal, porque por unha banda hai moito discurso ambiental e iso leva a que mesmo se produzan reaccións de saturación e cansazo, o que os sociólogos chaman ecofatiga. Iso dáse ao mesmo tempo que estamos cada vez peor, se analizamos as prácticas e non as palabras e os discursos, vivimos nunha sociedade cada vez menos ecolóxica. Retrocedemos a pesar de que hai máis discurso no ambiente. Se botamos a vista cara atrás, nos últimos 50 anos, eu creo que hai dúas décadas, os sesenta e os setenta, nos que a conciencia ambiental avanzou. E os tres decenios seguintes foron de retroceso. Parece raro que o diga con Rio 92 e esas cousas. Pero se observamos os feitos e non as palabras, esa é a realidade. Eu falo da era da denegación, un tempo caracterizado con negar a realidade e mirar cara a outro lado. E eses tres decenios son o tempo do avance do pensamento único neoliberal.
"Se analizamos as prácticas e non as palabras e os discursos, vivimos nunha sociedade cada vez menos ecolóxica"
E a crise como está afectando? Semella que as demandas ecoloxistas quedan relegadas por outras cuestións que semellan máis urxentes...
Si. Estamos vendo retrocesos ambientais moi importantes que se producen sen que haxa moito debate nin contestación social, coma por exemplo a reforma da normativa de costas ou na política enerxética. Parece que a crise o xustifica todo.
"Estamos vendo retrocesos ambientais moi importantes que se producen sen que haxa moito debate nin contestación social, coma por exemplo a reforma da normativa de costas ou na política enerxética"
Vostede defende o concepto de autocontención fronte ao de decrecemento. En que se diferencian?
Non os contrapoño. Creo que a autocontención ou autolimitación é un principio normativo que tería que orientar as políticas e as condutas nunha sociedade que de verdade quixese ser sostible ou sustentable. E non só nas palabras, o que os alemáns chaman Sonntagspredigt, discursos dominicais. Eu falo de catro grandes principios que debe ir da man no camiño a esas sociedades sostibles: autolimitación, biomímese, ecoeficiencia e precaución. A ecoeficiencia podería encaixar nas sociedades capitalistas pero os outros tres atopan un rexeitamento frontal no sistema e é desbotado como contos da avoa. A autocontención pode entenderse como unha xestión xeneralizada da demanda: en lugar de poñer a disposición da economía e da xente cantidades sempre crecentes de enerxía, ser conscientes de que hai límites e asumilos. Cando falamos de decrecemento habería que precisar de que plano estamos falando. Pero do que fala o decrecemento é da idea básica do ecoloxismo nas últimas décadas: non se pode crecer infinitamente nun planeta finito.
"A autocontención pode entenderse como unha xestión xeneralizada da demanda"
Tamén se poñen enriba da mesa conceptos coma a economía verde ou o márquetin verde que espertan moitas criticas dependendo do que se queira dicir con eles e quen os usen...
Si. Nesta sociedade de negadores a linguaxe vese sometida a unha erosión tremenda. O mesmo que o 15M dixo con razón "chámano democracia e non o é", tamén temos que dicir "chámano sustentabilidade e non o é" ou "chámano economía verde e non o é" . Podemos botar a vista atrás e ver o que significaba a economía verde nos anos oitenta, por exemplo no libro de Michael Jacobs The green economy. E podemos comparalo co concepto de economía verde que defende a ONU ou as grandes multinacionais. Non teñen nada que ver: Jacobs entendíaa como o camiño cara un modelo distinto, e estoutros o único que pretenden é mercantilizar absolutamente todo: non só os recursos senón tamén os servizos ambientais. E isto lévanos a un escenario terrible.
"O mesmo que o 15M dixo con razón "chámano democracia e non o é", tamén temos que dicir "chámano economía verde e non o é""
O capitalismo é incompatible coa sustentabilidade. Pero tamén a esquerda historicamente pecou dun culto ao progreso e ao crecemento e en boa medida mantén ese lastre...
A meirande parte da esquerda, e a pesar de todo o que pasou, segue sendo produtivista. As posicións ecofeministas, ecosocialistas ou de esquerda cunha gran preocupación ecoloxista seguen sendo moi minoritarias por desgraza. Escápasenos a velocidade das transformacións políticas e sociais das últimas décadas. E iso lévanos a que ás veces falemos con conceptos zombies, que parece que están vivos e que significan o mesmo que hai medio século pero que non é así. A categoría de progreso en particular debe ser repensada. Identificalo simplemente co cambio tecnolóxico é unha barbaridade hoxe en dia e se cadra ten sentido definilo como unha mellora cualitativa da condición humana. E esa noción de progreso si se pode defender nestes tempos e en función dela observamos que en moitos aspectos estamos retrocedendo.
"Temos que mirar a América Latina: nos procesos políticos de Ecuador, Bolivia ou Venezuela o ecosocialismo ten un peso moi importante"
Cal é o momento actual do ecosocialismo en España e que retos ten por diante?
A asunción meramente verbal dalgúns obxectivos leva a que as posicións políticas ecoloxistas reais sexan minoritarias en España. Pero tamén temos que destacar que España deu dous pensadores fundamentais para o ecosocialismo en todo o planeta, Manuel Sacristán e Paco Fernández Buey. En Cuba mesmo queren crear un espazo de debate chamado Paco Fernández Buey, en recoñecemento da súa importancia. Temos que mirar a América Latina: nos procesos políticos de Ecuador, Bolivia ou Venezuela o ecosocialismo ten un peso moi importante aínda que non se traducira en práctica política. E seguramente o ecosocialismo non ten en ningún pais a importancia que ten en Chile. Non sexamos tan eurocéntricos. Vai haber un gran encontro internacional ecosocialista en Quito en xuño, por exemplo.