A situación anticiclónica que a Península Ibérica viviu na última semana, unida á chegada de masas de po sahariano a Galicia, fixo que se incrementase notablemente a contaminación do aire nas nosas cidades. Dende o pasado xoves tanto Vigo como A Coruña sitúanse por riba dos límites legais de partículas PM10 (50 microgramos por metro cúbico). Tamén Pontevedra, Santiago e Ferrol superaron dous días ese límite a pasada semana e Lugo e Ourense estiveron igualmente moi cerca de acadalo.
Ecoloxistas en Acción reclama que todas as cidades afectadas poñan en marcha medidas para reducir inmediatamente a contaminación
A situación non é exclusiva de Galicia e nunha nota de prensa Ecologistas en Acción vén de advertir que os niveis de contaminación atmosférica se dispararon en todas as cidades do Estado, moi especialmente en Santa Cruz de Tenerife, Las Palmas de Gran Canaria, Avilés e Santander, superando mesmo os 100 microgramos por metro cúbico. E tamén en Sevilla, Valencia, Córdoba, Getafe, Granada ou Puertollano, que acumulan xa unha semana consecutiva por riba dos límites legais.
Cómpre salientar que os días nos que os niveis de contaminación atmosférica están motivados en parte por fenómenos naturais (como este, pola chegada de aire do Sahara) non computan para os límites establecidos pola Unión Europea, que indica que estes niveis non se deben superar máis de 35 días ao ano.
Á vista de que a situación anticiclónica se vai manter durante os vindeiros días, a entidade ecoloxista reclama que todas as cidades afectadas poñan en marcha medidas para reducir inmediatamente a contaminación. Pide que se establezan restricións ao tráfico motorizado, como xa se fixo en Asturias e Valladolid, e tamén que as autoridades advirtan ás persoas máis sensibles á contaminación atmosférica (infancia, persoas maiores, embarazadas e persoas con problemas respiratorios ou cardiovasculares) de que se protexan. Ecologistas en Acción tamén insta ás grandes cidades a que aproben plans de acción contra a contaminación para previr estas situacións e estar preparados en casos de novos episodios deste tipo.
A situación anticiclónica continuará toda a semana e este martes seguirá a chegar a Galicia po procedente do Sahara
En Galicia o venres foi o peor día, cunha media de 71 microgramos por metro cúbico de partículas PM10 en Vigo, 64 na Coruña e Santiago de Compostela e 59 en Pontevedra. Ademais do tráfico motorizado, a queima de restos agrícolas e forestais está a incrementar estes días a contaminación do aire. Este luns, de novo os niveis están a acadar nas cidades galegas valores elevados, próximos ao máximo legal. Meteogalicia advirte de que este martes contiuará "a intrusión de masas de po sahariano en Galicia, polo que se poderán ver incrementados os niveis de partículas no aire ambiente ao longo do día".