Un apoio de, practicamente o 80%. É o que, segundo o Barómetro Neurociencia e Sociedade da consultora Ipsos, recaba entre a cidadanía galega a restrición do acceso de automóbiles aos centros das cidades. Mentres moitos diversos medios de comunicación e forzas políticas poñen o foco na implantación de áreas peonís na cidade de Madrid, este inquérito sinala que en Galicia, onde urbes como Pontevedra, Santiago ou Lugo teñen en marcha peonalizacións dende hai lustros ou mesmo décadas, limitar o uso do coche privado é unha medida con ampla aceptación.
Segundo o estudo, o apoio galego a limitar o coche nos centros das cidade é o maior no Estado, 15 puntos por riba da media
Atendendo aos resultados deste estudo -cunha mostra total de 1.000 enquisas, semellante ao dos barómetros electorais da mesma consultora-, realizado no marco das medidas avanzadas na futura lexislación contra o cambio climático, o apoio galego ás restricións ao coche e, daquela, ao avance das peonalizacións, está quince puntos por riba da media estatal. O 78% galego son trece puntos máis que os do apoio a limitar os coches entre a cidadanía catalá, o segundo maior, cun 65%. Na banda contraria sitúase Euskadi, di o estudo, onde a poboación a prol de restrinxir o coche diminúe ata o 55%.
O Barómetro Neurociencia e Sociedade, cuxo traballo de campo se desenvolveu do 7 ao 13 de setembro deste ano, detecta importantes diferenzas no apoio á restrición dos coches no centro das cidades en función das tendencias políticas da cidadanía, que Ipsos só debulla para as catro forzas con maior representación no Congreso dos Deputados. Sempre segundo esta enquisa, o electorado do PSOE e mais de Unidos Podemos e as súas confluencias é o que máis apoia estas limitacións á circulación de automóbiles, con porcentaxes superiores ao 80%. Mentres, entre os partidarios de Ciudadanos redúcese ao 61% e quen votan ao PP só son favorables nun 52%.
A poboación de 30 a 39 anos é a que menos apoia as restricións ao vehículo privado, ás que son máis favorables as mulleres que os homes
O estudo tamén detecta notables diferenzas en función da idade das persoas que participaron na enquisa. "Os menores de 40 anos, especialmente na franxa comprendida enre os 30 e os 39 anos, son os menos convencidos de restrinxir o tráfico" e neste grupo de poboación o rexeitamento chega a un 47%, isto é, "case un empate técnico entre o si e o non". Mentres, entre a xente máis moza o apoio ás restricións sobe ata o 61% entre quen teñen máis de 40% anos, achégase ao 70% en todas as franxas de idade.
Por sexos, "as mulleres son máis defensoras de todas as medidas encamiñadas á protección do medio ambiente e tamén a esta", salienta o barómetro. O "si" a restrinxir a circulación de coches no centro das cidades é dun 64% entre as mulleres e dun 61% entre os homes que responderon á enquisa.
Lores defende en París retirar coches para "salvar a vida das cidades"
"A enfermidade das cidades é grave e as terapias non sempre son agradables, pero os resultados son moi beneficiosos", advertiu Lores no Foro Smart City de Paris, onde presentou os efectos da "redución drástica do tráfico motorizado" en Pontevedra
A necesidade de restrinxir o vehículo privado nas cidades en beneficio da peonalización e do transporte público é un dos eixos dos debates do Foro Smart City du Grand Paris, un evento organizado organizado pola revista La Tribune e apoiado polo Concello da capital francesa no que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou o modelo urbano da cidade. Nunha conferencia de quince minutos ante o plenario do evento, celebrado nesta edición baixo o lema Obxectivo cero carbono, o rexedor pontevedrés defendeu a necesidade de retirar coches das vías urbanas como único remedio para "salvar a vida das idades".
O modelo de Pontevedra, sinalou Lores, partiu do "principio fundamental de que o espazo público é un dereito dos cidadáns e unha obriga da Administración de importancia similar á sanidade ou á educación". Partindo desta base, di, o Concello optou por "construír unha cidade para as persoas" sen "exclusións", non limitando as peonalizacións "a un parque, unha praza ou unha zona de xogos". Esta "redución drástica do tráfico motorizado", lembra, permitiu que Pontevedra reducise "un 66% as emisións de dióxido de carbono", pero tamén, exemplifica, que "o 80% dos nenos e nenas vaian andando ao colexio".
Esta, sinalou, é a alternativa que expón Pontevedra ante o "clamor que esixe cidades vivibles". Segundo Lores, é posible identificar a "enfermidade urbana do noso tempo" cun sistema sanguíneo "Afectado polo colesterol". "As veas obstruídas provocan enfermidades cardíacas" e, no "corpo urbano", as "arterias" son "rúas cheas de coches que as saturan". "Unha vez feito o diagnóstico cómpre reducir os excesos de colesterol no corpo e de coches na cidade", advertiu.
"A enfermidade das cidades é grave e as terapias non sempre son agradables, pero os resultados son moi beneficiosos", afirma Lores. "Tampouco é agradable unha operación, pero sálvanos a vida", ilustrou o alcalde de Pontevedra, que tras a conferencia presentou a mudanza urbana pontevedresa nunha xuntanza cun dos adxuntos á alcaldía de París e edil de Transportes, Estradas e Espazo Público da capital francesa, Christophe Najdovski.