Cen anos do Congreso de Economía Galega: "Posuímos no país unha riqueza enorme"

Conmemoración do centenario do I Congreso de Economía Galega, este 29 de outubro de 2025 no Vello Cárcere de Lugo © Deputación de Lugo

Lugo evoca o encontro de "visionarios" que, hai agora un século, se xuntaron na cidade para abordar melloras agrarias, gandeiras, industriais e políticas para Galicia

"Un congreso de visionarios". Os días 7 e 8 de outubro de 1925, cadrando coa proximidade do día grande das festas e feiras do San Froilán, o Concello de Lugo impulsou a celebración na cidade do Primeiro Congreso de Economía Galega. Cen anos despois, o centro cultural do Vello Cárcere da capital lucense acolleu este mércores a homenaxe ás propostas e debates protagonizados polas intelixencias máis preclaras do momento", en verbas de Xosé González, presidente do Foro Enrique Peinador, organizador do acto.

En colaboración co Concello e a Deputación de Lugo, a Xunta, Caixa Rural Galega, a Universidade de Santiago e o xornal El Progreso, cinco relatorios evocaron e, dalgún xeito, actualizaron o reflexionado por políticos e intelectuais no salón nobre do Círculo das Artes naquel outono de hai un século. Os mesmos que, recibidos polo alcalde da cidade naquela altura, Eduardo Rosón, escoitaron que "posuímos no país unha riqueza enorme que non dá os froitos necesarios por falta de organización". 

Páxinas das actas do I Congreso da Economía Galega Dominio Público Exemplar custodiado na Biblioteca de Galicia

"Galicia é rica e disciplinada e está en tempos realmente propicios que é necesario aproveitar para a mellora da súa vida colectiva, especialmente da súa agricultura", sinalara o rexedor ante uns participantes no congreso que abordaran cuestións agrarias, gandeiras ou industrais, mais tamén políticas. Así, como recollen as actas -obra custodiada na Biblioteca de Galicia e de acceso libre-, os debates apoiaron ás claras a comarcalización, o recoñecemento da parroquia como unidade administrativa ou a autonomía que impulsarían poucos anos despois as forzas defensoras do primeiro Estatuto galego.

Relatorios sobre galeguismo empresarial, a economía galega actual ou a innovación no agro e a gandaría centraron un acto de recordo que tamén serviu para homenaxear a figura do empresario e filántropo galeguista Álvaro Gil

Nomes como Cruz Gallástegui, Juan Rof Codina, Vicente Risco ou Antón Villar Ponte figuran nunhas actas que, defende o Foro Enrique Peinador, amosan como existiu "un pensamento económico galego no sentido íntegro da palabra". Un "pensamento económico galego e galeguista" que foi tronzado por intereses políticos alleos ás demandas sociais

O propio presidente do Foro Enrique Peinador foi este mércores un dos relatores nos actos de homenaxe. Outra das protagonistas foi a presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro, que abordou o relatorio Galeguismo empresarial e garantías xurídicas. Jesús Méndez, director xeral da Caixa Rural Galega, expuxo os "retos e perspectivas da economía" na provincia de Lugo; e a bióloga e gandeira Ana Corredoira centrouse na "innovación e sostibilidade como motor de futuro". No nome da Xunta a directora xeral de XesGalicia, Raquel Rodríguez, puxo o foco no selo de calidade que o Goberno galego bosquexa para as empresas que empreguen o idioma de maneira habitual.

Descendentes de Álvaro Gil, descubrindo o busto que o homenaxea canda a deputada Pilar García Porto e o concelleiro Mauricio Repetto © Deputación de Lugo

"Cen anos despois, seguimos a compartir a mesma aspiración" que os impulsores daquel congreso, resumiu no acto a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación lucense, Pilar García Porto.  "A economía non pode desvincularse da cultura, da lingua nin das persoas", agregou a tamén alcaldesa de Antas nun acto tras o cal o Foro Enrique Peinador homenaxeou a memoria do empresario e filántropo galeguista Álvaro Gil co descubrimento dun busto ante a casa onde viviu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.