Sandra María Piñeiro Vilas xa é a presidenta da Audiencia Provincial de Lugo e sitúa a loita contra a violencia de xénero, a consecución dunha xustiza igualitaria e ao servizo das persoas máis vulnerables e o compromiso coa lingua galega como principais liñas de actuación durante a súa presidencia. A maxistrada tomou posesión do cargo este xoves, tras ser nomeada o pasado xuño polo pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial. É a segunda muller que chega á presidencia como titular tras María Josefa Ruiz Tovar.
“Fago esta toma de posesión co compromiso firme e sereno de avanzar para poñer a Xustiza ao servizo da sociedade, con honestidade, transparencia, independencia e, sobre todo, con humanidade, rexeitando calquera violación dos dereitos fundamentais, e evitando que se repitan erros do pasado, garantindo que o sistema xudicial sempre sirva á verdade, á xustiza e ao ben común”, asegurou no seu discurso tras xurar o cargo coa man na Constitución.
Repartindo apertas e recibindo bos desexos comezou a xornada a maxistrada, que convidou a profesionais de ámbitos alleos á xudicatura e representantes da sociedade civil á solemne toma de posesión, nunha sala ateigada da Audiencia á que accedeu co maxistrado Xosé Xoán Barreiro Prado, quen a apadriñou este xoves nun acto cunha carga emotiva inusual que non só demostra a empatía de Piñeiro e a súa concepción de que a Audiencia é “máis que un órgano xurisdicional”, senón que tamén indica o cambio de ciclo que comeza na xustiza lucense.
"A xustiza real non é só un acto formal de interpretación das normas, é tamén un acto de coherencia emocional", salientou Piñeiro
Co nomeamento de Piñeiro, Lugo pecha a porta a unha etapa na que se produciron graves faltas de “desatención no exercicio das competencias xudiciais” como as da xuíza Pilar de Lara, cesada como titular do Xulgado número 1 de Lugo polo Poder Xudicial en 2020 por negarse a dividir en diferentes pezas a operación Pokémon e tras instruír casos como o Pulpo, do que se veñen de arquivar todas as acusacións. Esta elección para presidir a Audiencia de Lugo por parte do pleno do Poder Xudicial é unha batalla gañada para o sector progresista da xudicatura, pois ademais Piñeiro pasa a formar parte da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) como membro nato.
Sandra Piñeiro levaba máis dunha década á fronte do Xulgado de Instrución Número 2 de Lugo e previamente exercera no xulgado de Marín. Pertence á asociación profesional Xuízas e Xuíces para a Democracia e este xoves destacou o seu compromiso coa xustiza como “ferramenta de transformación social”: “A xustiza real non é só un acto formal de interpretación das normas, é tamén un acto de coherencia emocional, cando detrás da sentenza hai un recoñecemento sincero da historia, da dor e da esperanza de cada persoa que acude aos tribunais. Todo ser humano busca e merece o respecto á súa dignidade, comprensión e igualdade de trato”. Nese sentido, evidenciou diante das súas compañeiros e compañeiros que “non hai xustiza sen esforzo colectivo”.

"As súas virtudes son a nosa sorte, e o brillante futuro desta Audiencia", dixo o presidente do TSXG sobre Piñeiro
O presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, no que ademais era o seu derradeiro acto do mandato, resolveu a polémica iniciada polas declaracións da ata agora presidenta desta Audiencia provincial en funcións, María Luisa Sandar, poñendo en dúbida o sistema de elección da presidencia por parte do Poder Xudicial. Díaz-Castroverde manifestou que o nomeamento de Piñeiro é “lexítimo” e “axeitado”, e pon fin “a un período extremadamente longo”. Salientou a súa “empatía, cortesía e talante persoal” e que estea “comprometida coa xustiza, o Estado de Dereito, o feminismo e a nosa lingua”. “As súas virtudes son a nosa sorte, e o brillante futuro desta Audiencia”, concluíu.
Para debullar os eixos fundamentais da súa presidencia, Piñeiro contextualizou que o sistema xudicial se atopa nun “punto de inflexión” que vai da man da nova Lei de Eficiencia do Servizo Público de Xustiza, que “pretende favorecer a accesibilidade, partindo da premisa de que un sistema máis áxil e funcional beneficia directamente á sociedade”. Un “cambio de paradigma” que “transforma profundamente o funcionamento do sistema xudicial, na procura de facelo máis áxil, accesible, transparente e orientado á cidadanía”. “Este cambio non é só administrativo ou técnico –aclarou a maxistrada–, senón tamén cultural, pois redefine a forma en que a xustiza se percibe e se exerce e supón un desafío aos nosos esquemas actuais”.
Como presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro comprometeuse a "garantir que todos os casos de violencia machista reciban a atención, a seriedade e a firmeza que precisan"
Como presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro comprometeuse a “garantir que todos os casos de violencia machista reciban a atención, a seriedade e a firmeza que precisan”. A maxistrada apostou por un proceso xudicial que teña en conta tamén as necesidades emocionais, psicolóxicas e sociais das vítimas. “Creo firmemente que o sistema xudicial debe actuar de maneira exemplar contra a violencia de xénero, protexendo ás vítimas e respectando as garantías do proceso debido”, sostivo.
Piñeiro asegurou que a xustiza debe ser igualitaria tanto no seu contido como no seu proceso: “Debemos traballar cada día para garantir que ningunha persoa se vexa en desvantaxe por cuestións de xénero, orixe, condición social, ou calquera outra circunstancia que vulnera a súa capacidade de acceder a unha xustiza equitativa e sen discriminación”. Neste sentido, trasladou que a súa vocación de servizo á xustiza parte dun profundo compromiso coas persoas máis vulnerables.

Lembrou que o galego non é só un patrimonio cultural , é un dereito da cidadanía, e apostou por fomentar a nosa lingua. “Comprométome a fomentar o uso do galego nas actuacións xudiciais e a garantir que as persoas que opten por falar en galego non se vexan en desvantaxe, senón que teñan un trato igualitario no acceso á Xustiza, sen atrancos, garantindo a cooficialidade, que non é só un principio xurídico, senón unha promesa de convivencia
A maiores, Piñeiro apuntou que “o sistema xudicial debe ser un aliado na defensa do noso planeta, do noso entorno natural e da biodiversidade que conforma a nosa riqueza. Para a maxistrada a “protección do medio ambiente e dos seres sentintes” é un compromiso “vital” para a xustiza do futuro.