O pasado 26 de novembro celebráronse eleccións ás Salas de Goberno dos Tribunais Superiores de Xustiza. Son os órganos aos que legalmente corresponden funcións como determinar os criterios de reparto dos asuntos entre as diferentes Salas do Tribunal, fixar quendas ou rexer procesos sancionadores contra maxistrados e maxistradas, entre outras.
Os sete postos en xogo na Sala de Goberno do TSXG quedaron cubertos por membros da conservadora APM malia ao notable apoio da candidatura alternativa
Estes órganos de goberno están compostos ao 50% polas persoas que ostentan as presidencias do propio tribunal superior e das audiencias provinciais e por "un número igual de maxistrados ou xuíces elixidos por todos os membros da Carreira Xudicial destinados nela". No caso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia isto implica que a Sala teña 14 membros, 7 de tipo electivo. Neses postos elixidos por votación existe un claro dominio conservador que se dispara ata o 100% por mor do sistema electoral que os rexe.
As recentes eleccións no TSXG son unha boa mostra desta circunstancia. Concorreron a elas dúas candidaturas con cadanseus 14 integrantes, sete titulares e sete suplentes: unha da conservadora Asociación Profesional de la Magistratura (APM) e outra conformada por membros a progresista Xuíces e Xuízas para a Democracia e mais das dúas asociacións autodefinidas como independentes: Francisco de Vitoria e Foro Judicial Independiente. O 100% dos postos en xogo foi para membros da APM malia obteren os da outra candidatura un número considerable de sufraxios.
O sistema electoral é de listas abertas e maioritario puro, polo que o órgano o conforman as persoas máis votadas cun factor corrector para garantir a presenza de cando menos un xuíz ou xuíza entre os maxistrados e maxistradas, o que desta volta impediu a presenza dunha representante progresista
Segundo o fixado na Lei Orgánica do Poder Xudicial e no Regulamento que a desenvolve, con independencia de agrupárense en candidaturas, os postos nestas Salas de Goberno elíxense en listas abertas por un sistema maioritario puro. Así, as maxistradas e maxistrados poden votar polas persoas candidatas que desexen para titulares e suplentes, da mesma lista ou de diferentes candidaturas, elixindo como máximo tantos nomes como postos por cubrir (no caso galego, sete).
As que reciban máis votos son as que cobren os postos, aínda que cun factor corrector. Tomando outra volta como exemplo o TSXG: se as sete persoas máis votadas son todas maxistradas e maxistrados e, polo tanto, entre elas non hai ninguén con categoría de xuíz ou xuíza, a persoas con menos votos entre as que saíron electas ten que ceder o posto á xuíza ou xuíz que tivo máis apoio.
Isto, xustamente, é o que aconteceu nos comicios do TSXG e favoreceu que a conservadora APM copase o 100% da representación. As seis primeiras persoas con máis votos eran membros da APM, pero a sétima era integrante da candidatura das asociacións progresistas e independentes, a maxistrada Sandra Piñeiro. Pero dado que nesa composición non se atopaba ningún xuíz ou xuíza, Piñeiro ficou fóra e o mesmo sucedeu con outra integrante da súa candidatura, Mónica Sánchez; ambas tiveron que deixar paso á novena máis votada, a xuíza da APM Beatriz Rodríguez.
Un sistema proporcional coma o que viñeron reclamando as asociacións progresistas mantería á APM como maioritaria na parte electiva da Sala de Goberno do TSXG, pero con presenza de representantes doutros colectivos
No caso concreto das últimas eleccións do TSXG este criterio legal para garantir a presenza na Sala de Goberno de cando menos unha xuíz ou xuíza acrecentou a distorsión que xa propicia o propio sistema electoral maioritario puro que impera. O mesmo sistema contra o que as asociacións xudiciais progresistas e independentes chegaron a mobilizarse a finais da década dos anos 90 para reclamaren un cambio cara a un modelo proporcional que fose máis representativo da Carreira Xudicial.
Boa mostra da mudanza que isto suporía é que a suma total dos votos ás candidaturas de titulares nos últimos comicios do TSXG dá como resultado 973 apoios para a APM fronte a 745 para a lista conxunta de Xuíces e Xuízas para a Democracia, Francisco de Vitoria e Foro Judicial Independiente. Deste xeito, a candidatura progresista e independente logrou o 43% dos sufraxios, pero terá cero representantes.
O TSXG é un dos cinco tribunais superiores nos que a parte electiva da súa Sala de Goberno está integramente formada por membros da asociación conservadora
Unha simulación aplicando o sistema D'Hondt -o que se aplica nas eleccións aos parlamentos e concellos- con este número de votos daría como resultado unha composición estritamente proporcional. No canto de 7 membros da APM, nos postos electivos da Sala de Goberno do TSXG sentarían 4 representantes da asociación conservadora e 3, das demais. Mesmo introducindo a corrección para garantir a presenza de cando menos un xuíz ou xuíza habería lugar para un mínimo de 2 membros dos colectivos progresistas e independentes. Un sistema moi semellante a este é, precisamente, o que o PP defende implantar tamén para compoñer o Consello Xeral do Poder Xudicial.
Co sistema vixente, atendendo aos datos divulgados polo Poder Xudicial e publicados por elDiario.es, o TSXG é un dos cinco tribunais superiores do Estado no que o 100% dos membros electivos representan á conservadora APM. O mesmo sucedeu en Andalucía, Castilla-La Mancha, Madrid e a Comunitat Valenciana. A progresista XPD só logrou representación en Asturias, Euskadi e La Rioja. Fontes xudiciais resaltan, non obstante, que o contexto en Galicia é notablemente diferente ao doutros territorios, nos que a representación da APM adoita asumir postulados máis ideolóxicos e abertamente encadrados á dereita mesmo nun órgano eminentemente xestor como as Salas de Goberno.