Os profesionais da xustiza gratuíta, ao límite: "a xente non se decata da importancia deste servizo ata que o ten que utilizar"

Concentración ante o Parlamento en protesta pola situación da quenda de oficio © Venia

En novembro o sindicato Venia iniciou unha folga dos avogados e avogadas que ofrecen o servizo de xustiza gratuíta en demanda dunha regulación da súa actividade que lles outorgue dereitos laborais e tamén unha mellora da súa retribución económica

"A xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei e, en todo caso, respecto de quen acrediten insuficiencia de recursos para litigar". A Constitución de 1978 garante no seu artigo 119 a asistencia xurídica gratuíta, no que se inclúe a quenda de oficio e a defensa a cargo dun avogado ou avogada para as persoas que non contan con recursos para contratar directamente esta defensa e asesoramento. 

No Estado español este servizo é articulado a través dos colexios de avogados e dos e das profesionais que previamente se inscribiron para emprestar este servizo ao cidadán. Porén, as condicións -económicas e en materia de dereitos laborais- nas que estes avogados e avogadas ofrecen esta servizo á cidadanía non son as mellores. E hai uns meses estes profesionais dixeron que xa abondaba. 

O pasado mes de novembro o sindicato Venia iniciou unha folga dos avogados e avogadas que desempeñan a quenda de oficio en demanda dunha regulación da súa actividade que lles outorgue os dereitos laborais dos que gozan a maioría dos traballadores e tamén unha mellora da súa retribución económica. A resposta das administracións -no caso de Galicia a Xunta, pois as competencias en Xustiza están transferidas- foi nula, o que obrigou ao colectivo en folga -agrupado no movemento Marea Negra- a intensificar as medidas de presión. 

Togas penduradas, unha das imaxes da protesta pola situación da quenda de oficio © Marea Negra

A resposta da Xunta foi nula, o que obrigou o colectivo en folga -agrupado no movemento Marea Negra- a intensificar as medidas de presión. Nos últimos meses, os avogados e avogadas que ata agora ofrecían os servizos de xustiza gratuíta comezaron a darse de baixa

Nos últimos meses, os avogados e avogadas que ata agora ofrecían os servizos de xustiza gratuíta comezaron a darse de baixa do servizo. Nos partidos xudiciais de menor tamaño, coma Lalín, A Estrada ou Corcubión o efecto foi inmediato, e ao non haber profesionais inscritos de maneira voluntaria, os Colexios provinciais tiveron que chamar a outros colexiados, que contan coa obriga de dar este servizo que anteriormente era voluntario. 

Ante a falta de resposta por parte da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta, as baixas continúan a incrementarse e a falta de profesionais voluntarios comeza a afectar a partidos xudiciais de maior tamaño, coma o propio de Ourense. Mentres, avogados e avogadas continúan cunha mobilización que en parte é corporativa -polos seus propios dereitos laborais- pero que tamén afecta directamente ao dereito da cidadanía á unha defensa xurídica gratuíta e e de calidade. 

Ante a falta de resposta por parte da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta, as baixas continúan a incrementarse e a falta de profesionais voluntarios comeza a afectar a partidos xudiciais de maior tamaño, coma o propio de Ourense

A pasada semana unha representación dos e das profesionais da xustiza gratuíta reuniuse no Parlamento coa líder do BNG, Ana Pontón, dando continuidade ás xuntanzas que levan mantendo e seguirán a manter con partidos políticos, deputacións e concellos. Pontón destacou que "a situación é tremendamente grave e afecta a un dereito fundamental para garantir a xustiza a todas e todos”. A voceira nacionalista criticou que o problema está “enquistado” porque a Xunta “en vez de establecer medidas de diálogo e negociación optou por ignorar as demandas destes profesionais". “O Goberno de Rueda non fixou servizos mínimos nin o conselleiro se reuniu cos profesionais mobilizados”, engadiu.

 

Regulación e mellora das retribucións

A avogada ourensá Aline Castro Martínez salienta que a primeira reivindicación deste amplo movemento de protesta é "que senten con nós a negociar, que nos consideren parte da mesa de negociación". "Venia, como convocante da folga, loxicamente ten que estar sentado nesa mesa de negociación. Pero estamos atopando que queren falar por nós e só van considerar interlocutores aos colexios de avogados, que non se están posicionando ao noso favor", sinala. 

Protesta no Parlamento pola situación da quenda de oficio © Pablo Arangüena

A pasada semana unha representación dos e das profesionais da xustiza gratuíta reuniuse no Parlamento coa líder do BNG, Ana Pontón, que destacou que "a situación é tremendamente grave e afecta a un dereito fundamental para garantir a xustiza a todas e todos”

O movemento Marea Negra é moi crítico coa actitude que ata o momento están a manter os Colexios de Avogados, que -denuncia- non está a defender aos profesionais nas súas reivindicacións. "Temos un Consello Xeral da Avogacía que non move nada ao noso favor, consellos autonómicos da Avogacía que teñen o mesmo problema e, por debaixo, os Colexios de avogados, que se están poñendo de perfil", denuncia. "Deberían ser entidades que nos representasen e defendese, pero en realidade son un instrumento máis para organizar o servizo e a nosa representación e defensa non semella prioritaria. Agora que vemos que non nos defenden, somos nós os que nos debemos defender directamente", di.

En canto ás medidas concretas cuxa adopción reclaman está, en primeiro lugar, a aprobación dun estatuto xurídico propio para os avogados de oficio "porque agora estamos nun limbo, nunha situación na que non se nos recoñece ningún dereito: non temos dereito a baixas médicas, non temos dereito a que coticen por nós, malia estar emprestando un servizo público, non temos dereito a conciliación de ningún tipo, pois temos que traballar aínda que nos morra un familiar ou teñamos problemas derivados dun embarazo...". 

A segunda reivindicación é económica, pois denuncian que a asistencia xurídica gratuíta á cidadanía que emprestan mesmo lles fai perder cartos en ocasións. En xeral, estes profesionais reciben entre un 10% e un 20% do prezo de mercado dos servizos xurídicos que emprestan, é dicir, do que lle cobrarían a un cliente de pago

A segunda reivindicación é económica, pois denuncian que a asistencia xurídica gratuíta á cidadanía que emprestan mesmo lles fai perder cartos en ocasións: "queremos ademais que se nos pague por todo o noso traballo e que non esteamos pendentes de cobrar indemnizacións ou miserias", din

Os avogados e avogadas que emprestan o servizo de xustiza gratuíta reciben a encomenda do xulgado ou do colexio e a Xunta págalles segundo unhas tarifas definidas previamente. Porén, estas son moi baixas e levan moitos anos seu actualizarse de acordo co IPC. En xeral, estes profesionais reciben entre un 10% e un 20% do prezo de mercado dos servizos xurídicos que emprestan, é dicir, do que lle cobrarían a un cliente de pago, destaca Ana Camiño. Ademais, non cobran desprazamentos nin moitas das actuacións que levan a cabo, como recursos, o que pode traducirse nunha merma da calidade da defensa que recibe o cidadán nun proceso xudicial. 

Ademais, comenta Ana Camiño, "cando a unha persoa non se lle concede finalmente a xustiza gratuita, porque ten recursos ou porque non presenta a documentación requirida, nós estamos obrigados a continuar coa atención a esa persoa, aínda que non nos pague. E despois temos que reclamarlle as cantidades a través de embargos ou demais, levala a xuízo e cobralo polas malas. E se realmente non teñen recursos, pois directamente non cobramos".

Protesta de avogadas e avogados pola situación da quenda de oficio © Venia

A pasada semana un informe da Comisión Europea revelou que España é o terceiro país da UE que peor remunera aos avogadas e avogados da quenda de oficio, só por detrás de Chipre e Lituania

A pasada semana un informe da Comisión Europea revelou que España é o terceiro país da UE que peor remunera aos avogadas e avogados da quenda de oficio, só por detrás de Chipre e Lituania. En resposta, o Consello Xeral da Avogacía Española emitiu unha declaración en defensa da xustiza gratuíta, esixindo "unha actualización urxente dos baremos", incluír "actuacións que actualmente non están remuneradas" e "poñer fin aos insostibles atrasos nos pagamentos.

"O principal problema é que o servizo non está regulado. Só aparecen recollidas as nosas obrigas, non os nosos dereitos", comenta Ana Camiño, que destaca que "a Lei Orgánica do Dereito de Defensa, que se está tramitando, era un momento estupendo para que se nos recoñecese a nosa figura e os nosos dereitos".

As medidas de presión comezan a notarse

"Atopámonos cun muro, pero iso é o que agardabamos", di a avogada ourensá Marta Gómez Álvarez. "Por iso non nos deixaron máis remedio que recorrer a darnos de baixa", sinala, unha medida de presión moi dura, á que non querían recorrer, pero que se está demostrando "como unha medida de presión efectiva"

"Atopámonos cun muro, pero iso é o que agardabamos", di a avogada ourensá Marta Gómez Álvarez, que denuncia que "mesmo se nos está discutindo o dereito á folga en pleno século XXI". "Por iso non nos deixaron máis remedio que recorrer a darnos de baixa", sinala, unha medida de presión moi dura, á que non querían recorrer, pero estase demostrando "como unha medida de presión efectiva".

Nos partidos xudiciais máis pequenos, coma Lalín ou A Estrada o efecto foi inmediato e obrigou o Colexio de Avogados de Pontevedra a dar de alta no serivzo de xustiza gratuíta a todos os avogados. En Corcubión o Colexio de Avogados da Coruña decidiu trasladar unha avogada do partido xudicial de Muxía para dar o servizo, nunha decisión moi polémica. No partido xudicial de Ourense hai unhas semanas un cento dos profesionais (a metade do total que prestaban o servizo) déronse de baixa, o que comeza a deixarse notar na falta de avogados dispoñibles "e dentro de pouco a cousa irá a máis porque cada vez máis xente se dá de baixa", sinala Marta Gómez.

Protesta no Parlamento pola situación da quenda de oficio © Pablo Arangüena

"Coa Xunta xa houbo xuntanzas, xa coñecen as nosas reivindicacións, pero non tivemos unha contraproposta", di Ana Camiño. "Din que non hai cartos, pero a realidade é que cartos si que hai para os colectivos do sector da xustiza que nos últimos se mobilizaron, coma letrados, xuíces, fiscais e funcionarios", sinala

A folga vaise manter de maneira indefinida e as medidas de presión -coma as baixas do servizo- vanse intensificar, destacan as tres entrevistadas. "Os vindeiros meses son críticos, ten que haber movementos políticos antes de que remate o ano xudicial, este verán, porque estamos causando xa moito dano ao sistema xudicial", di Aline Castro, que engade que "vai haber moitas incidencias". Tamén Ana Camiño concorda en que "coa folga estamos conseguindo paralizar os procedementos, pois a maior parte dos xuíces aceptan o noso dereito á folga".

"Coa Xunta xa houbo xuntanzas, xa coñecen as nosas reivindicacións, pero non tivemos unha contraproposta", di 
Ana Camiño, que conclúe que dende a administración se argumenta que "non hai cartos". "Pero a realidade é que cartos si que hai para os colectivos do sector da xustiza que nos últimos se mobilizaron, coma letrados, xuíces, fiscais e funcionarios", di.

Un servizo sen o "recoñecemento público" que merece

"A xustiza gratuíta custa cartos, pero é un servizo que non ten o recoñecemento público. A xente non se decata do importante que é este servizo ata que o ten que utilizar", sinala Aline Castro

"A xustiza gratuíta custa cartos, pero é un servizo que non ten o recoñecemento público. A xente non se decata do importante que é este servizo ata que o ten que utilizar", sinala Aline Castro, que engade que "se non temos condicións dignas cando defendemos unha persoa, a atención ao cidadán reséntese, non lle podemos dedicar tempo aos casos. Porque traballar gratis non é unha opción".

"É un servizo que damos á sociedade, pero hai que poder dalo. A nosa vontade é darlle o mesmo servizo aos que veñen pola quenda de oficio e aos clientes que nos pagan. Pero ao final a falta de medios ten como consecuencia a degradación do servizo que se dá ao cidadán", di Marta Gómez.

Ana Pontón reuniuse no Parlamento con representantes do movemento da xustiza gratuíta © BNG

"As administracións aprovéitanse de que nós temos esta vocación de servizo, pero non podemos prestalo forzados e perdendo diñeiro. Acabaremos por non prestar o servizo e aí terán que tomar unha decisión", di Ana Camiño

"As administracións aprovéitanse de que nós temos esta vocación de servizo, pero non podemos prestalo servizo forzados e perdendo diñeiro, por moita vocación que teñamos", láiase Ana Camiño, que engade que "queremos que se nos recoñeza que somos unha parte importante da administración de xustiza e se nos debe ter en consideración". 

"Acabaremos por non prestar o servizo e aí terán que tomar unha decisión", di Ana Camiño. Nese momento "terán dúas opcións: ou crear un corpo de funcionarios para emprestalo, o que tería o problema de que en moitos momentos o avogado, que é parte da administración, tería que pleitear contra a propia administración. Ou, directamente, privatizalo e darllo a unha empresa como Legálitas, o que sería moi negativo, porque estas compañías si que van ao carto, polo que dedicarían os menores recursos posibles á asistencia xurídica". "Ningunha das dúas opcións é adecuada para os cidadáns", conclúe Camiño, que aposta pola regulación do servizo e a mellora de codicións para os profesionais como única medida favorable.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.