Mulleres xuízas de todo o mundo apoian as maxistradas palestinas que se organizan pola igualdade

Encontro entre avogadas, xuízas e fiscais palestinas no marco do programa europeo EUPOL COPPS en Ramala este mes © remitida

A maxistrada galega Arabia Díaz Carreiras acudiu a comezos de xuño ao encontro 'Empoderar as mulleres palestinas no poder xudicial en situacións de conflito' clebrado en Ramala

Oito meses de ocupación da Franxa de Gaza por parte do Estado de Israel, máis de 37 mil persoas asasinadas e máis de 84 mil feridos, segundo os datos do Ministerio de Saúde palestino. O xenocidio contra a poboación palestina, denunciado desde países como España, que vén de recoñecer a Palestina como Estado independente, afecta máis alá da península de Gaza, onde 1,7 millóns de persoas (máis de sete de cada dez persoas na Franxa) están actualmente desprazadas. Son cifras da UNRWA, a axencia das Nacións Unidas que atende as persoas refuxiadas de Palestina, que tamén perdeu preto de douscentas persoas do seu cadro de persoal desde que os atentados de Hamás do pasado 7 de outubro propiciasen a invasión israelí.

A vida mudou para calquera cidadán palestino nestes meses, aínda que a violencia se concentra en Gaza, tamén en Cisxordania viven unha situación límite. En Ramala, na actual capital da Autoridade Nacional Palestina, a dez quilómetros ao norte de Xerusalén, un grupo de mulleres do eido da xustiza trata de mellorar as leis e de tecer rede entre as diferentes profesionais. Levan anos de traballo, pero agora é máis importante ca nunca dar pasos cara á igualdade efectiva, a pesar de que o principal desafío desde o 7 de outubro sexa a propia subsistencia. 

As maxistradas Arabia Díaz e Pilar Barrado en Ramala no encontro con mulleres palestinas do eido da xudicatura © EUPOL COPPS

A maxistrada galega Arabia Díaz Carreiras acudiu a comezos de xuño ao encontro ‘Empoderar as mulleres palestinas no poder xudicial en situacións de conflito’ que organizaba EUPOL COPPS, a Oficina de coordinación da Unión Europea para o apoio á Policía palestina, unha entidade que ademais de contribuír o desenvolvemento da Policía Civil de Palestina, traballa para fortalecer o sistema de xustiza penal.

A igualdade e o acceso á xustiza para toda a cidadanía palestina son as reclamacións de base deste colectivo de mulleres, que neste encontro contou coa participación de avogadas, xuízas, fiscais e representantes palestinas da Comisión Anticorrupción Palestina, con panel de expertos visitantes, tanto en liña como en persoa, incluídas xuízas de España, o Sahara Occidental e os tribunais relixiosos palestinos.

"Precisan mobilizarse para rematar con todas as desigualdades de xénero e buscar modificacións lexislativas que acaben coa discriminación das mulleres nos procesos de divorcio ou de custodia", sinala a xuíza galega

“É importante que as mulleres se organicen e coordinen a través de redes de traballo porque, ao final, o problema para elas non está só no Estado israelí, tamén hai machismo na Autoridade Nacional Palestina. Cada vez hai máis mulleres formadas, pero cando chega o momento da crianza moitas abandonan a vida laboral ou reducen a súa presenza. Prodúcense as mesmas dinámicas que temos aquí, pero moito máis agravadas. Aquí a maioría de xuízas somos mulleres, pero nos cargos discrecionais seguen sendo maioría os homes. Isto, que se ve claramente nas imaxes de apertura do ano xudicial, sorprendeunas porque pensaron que xa tiñamos máis dereitos conquistados”, destaca Arabia Díaz.

Queriamos que se sentiran respaldadas –incide Arabia Díaz– e a ver se entre todas podemos conseguir que poidan crear unha asociación de mulleres xuízas palestinas. Alí hai tribunais civís e relixiosos e dúas das xuízas máis convencidas de que precisan mobilizarse para rematar con todas as desigualdades de xénero e buscar modificacións lexislativas que acaben coa discriminación das mulleres nos procesos de divorcio ou de custodia son unha maxistrada dun tribunal musulmán e outra dun cristián. É moi ilusionante velas traballar xuntas”.

Presentación no congreso de Juezas e Jueces para a Democracia celebrado en Vigo este mes © cedida

"Neste momento, a liberdade de movemento entre os distintos territorios palestinos está moi limitada e incluso supón un risco para a súa integridade cando tratan de cruzar"

Esta viaxe foi unha aprendizaxe a nivel xeopolítico para a maxistrada galega, que conta como ela e mais a xuíza Pilar Barrado foron sometidas a un interrogatorio no aeroporto de Barcelona antes de poder acceder ao voo que as levaría ata Xerusalén, a pesar de levar consigo un convite da UE e de estar en territorio español. Nos días que pasaron en Ramala houbo unha redada na universidade, moi mobilizada contra o xenocidio, e Israel asasinou a un rapaz de 19 anos.

A xustiza está paralizada, practicamente non se pode executar ningunha resolución”, explica Arabia Díaz, quen detalla como o sistema xudicial palestino ten unha complexidade grande porque varía entre os distintos territorios. “Neste momento, a liberdade de movemento entre os distintos territorios palestinos está moi limitada e incluso supón un risco para a súa integridade cando tratan de cruzar dun lado ao outro a través dos check points vixiados por Israel. Contábannos que estando alí agardando para cruzar podes converterte nunha vítima colateral ao recibir un disparo, por exemplo”, engade.

Porén, ningunha das profesionais da administración de xustiza palestinas coas que interactuou a maxistrada galega, destinada no xulgado do Social II de Girona e parte da asociación Xuízas e xuíces para a democracia, falan de marchar. “Queren que iso remate, pero non pensan en abandonar as súas casas. Tamén hai que entender que a situación moi crítica é exclusiva de Gaza. O que máis me sorprendeu de chegar a Xerusalem foi que había moita xente facendo vida normal, incluso xente na praia tomando o sol, pero israelís, claro, porque o resto teñen limitado o acceso. Desde fóra parecera que hai vida normal, pero a xente de alí contounos que tampouco é así: viven con moitas máis limitacións, non só de movemento, e cunha alta presenza policial e militar”, conta xuíza.

A Comisión de Dereito Internacional e Dereitos Humanos de Xuízas e xuíces para a democracia emitiu un comunicado a respecto da situación que sobre a poboación palestina esixindo a fin dos ataques e a entrada de axuda humanitaria, desde o congreso da asociación celebrado a semana pasada en Vigo. O colectivo expresa a súa preocupación “pola nova onda de graves violacións dos dereitos humanos que se están cometendo en Israel e nos territorios ocupados, coa complicidade de terceiros Estados que ofrecen o seu apoio incondicional ao Estado de Israel”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.