A USC rompe relacións coas universidades ou empresas israelís que non acepten un estado palestino

Colexio de san Xerome, sede do Reitorado da USC © USC

O equipo de goberno comprométese a "intensificar" o seu apoio ás universidades palestinas

O equipo de goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) emitiu este mércores un manifesto no que anuncia a súa intención de revisar e romper relacións con universidades, empresas ou calquera institución israelí que non asuma o "dereito á autodeterminación" de Palestina e a súa constitución como estado independente. O anuncio chega na mesma xornada en que o Goberno de España anunciou a súa intención de recoñecer oficialmente o Estado de Palestina o próximo martes e logo de que hai máis dunha semana estudantes da USC iniciasen un peche indefinido en apoio da causa palestina.

Participantes no peche estudantil na Universidade de Santiago a prol de Palestina, © Peche USC

O documento insta a Israel "a deter o xenocidio practicado contra o pobo palestino e declarar un alto o fogo inmediato e permanente, permitindo a entrada de axuda humanitaria". E á comunidade internacional a "rematar coa súa inacción e recoñecer o estado de Palestina" e o seu "dereito á autodeterminación".

Pola súa banda, a USC comprométese a "non asinar novos convenios de colaboración, nin a manter ningún tipo de relación científica ou académica con universidades e institucións israelís, proxectos internacionais, grupos de investigación, investigadores e docentes que non asuman explicitamente os compromisos que figuran nesta declaración". Tamén revisará e suspenderá "calquera relación económica con institucións e empresas israelís que non asuman de xeito explícito os compromisos desta declaración".

Edificios destruídos en Gaza © UNRWA

A USC tamén denuncia "a destrución das universidades e institucións educativas palestinas na franxa de Gaza e os ataques de calquera tipo contra as comunidades universitarias" e comprométese a "intensificar" o seu "apoio e colaboración" coas universidades palestinas.

A universidade remata amosando o seu apoio a "toda manifestación de solidariedade co pobo palestino" e comprométese a "manter aberto o diálogo con todas as expresións de auto organización da comunidade universitaria". O propio equipo de goberno sinala que fai esta declaración "logo dunha xuntanza mantida este mércores coa organización estudantil Erguer" e "reafirmando o posicionamento previo acordado en claustro universitario" o pasado decembro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.