Hai seis meses e medio que Israel iniciou a invasión de Gaza, nunha operación militar na que o exército xudeu asasinou xa a 34.800 persoas, segundo as estimacións das autoridades da Franxa, consideradas válidas polas Nacións Unidas. Neste tempo foi medrando en todo o mundo un movemento de solidariedade co pobo palestino -que nas últimas semanas comezou a incrementarse tamén entre o estudantado universitario dos Estados Unidos- e que en Galicia se traduciu en varias manifestacións e en concentracións periódicas nas principais cidades e vilas.
Unha acción de arte de guerrilla está a pegar pequenas imaxes de kufiyas (o tradicional pano palestino) nos sinais de tráfico e no mobiliario urbano de distintos lugares de Galicia
Nos últimos días, ademais, vén de iniciarse no noso país unha nova acción, de intervención urbana e que busca estenderse e difundirse con viralidade, consistente en levar a protesta ao espazo público, en concreto aos sinais e mobiliario urbano. Na acción, que está a ter transcendencia noutros países, os e as activistas pegan pequenos debuxos coa kufiya (o tradicional pano empregado polos palestinos e outros pobos de Oriente Medio) en sinais de tráfico ou nas marquesiñas publicitarias.
Neste vídeo, difundido pola deseñadora gráfica Sarah Wilkinson, obsérvanse algunhas das accións de arte de guerrilla en varios espazos de localidades galegas, nos que as personaxes publicitarias pasan a vestir o pano palestino.
Unha nova xornada de mobilización en cidades e vilas galegas
Este luns, ademais, tiveron lugar novas concentracións organizadas por Mar de Lumes, Galiza por Palestina ou BDS Galiza en 30 cidades e vilas do país
Este luns, ademais, tiveron lugar novas concentracións organizadas por Mar de Lumes, Galiza por Palestina ou BDS Galiza. As máis numerosas tiveron lugar en Vigo e Compostela, pero as concentracións, que se achegan ao seu sétimo mes, se realizaron tamén na Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol e nunha ducia de vilas, como A Guarda, Allariz, Cangas, Carballo, Corcubión, Foz, Silleda, Monforte de Lemos, Noia, O Carballiño, O Porriño, Ponteareas, Pontedeume, Redondela, Verín, Vilagarcía de Arousa, Vilalba e Viveiro, ademais de no Val Miñor
Estas mobilizacións dan continuidade ás que nas últimas semanas se celebraron diante de hospitais e centros sanitarios, organizadas por CIG-Saúde, nas que se reclamou de forma específica a fin dos bombardeos a hospitais en Gaza
O obxectivo das concentracións era denunciar o "xenocidio palestino" e sinalar a "complicidade" dos países occidentais "co sionismo e os seus crimes".
Estas mobilizacións dan continuidade ás que nas últimas semanas se celebraron diante de hospitais e centros sanitarios, organizadas por CIG-Saúde, nas que se reclamou de forma específica a fin dos bombardeos a hospitais en Gaza pois “os hospitais, centros de saúde e ambulancias non poden ser obxectivos militares”. Estes actos manifestaron a súa solidariedade co persoal sanitario e reclamaron “a fin da barbarie e do xenocidio que está a cometer Israel”.
O pasado 21 de abril, ademais, a Praza da Quintana acolleu un dos actos máis simbólicos dende que se iniciaron as mobilizacións galegas en solidariedade co pobo de Gaza
O pasado 21 de abril, ademais, a Praza da Quintana acolleu un dos actos máis simbólicos dende que se iniciaron as mobilizacións galegas en solidariedade co pobo de Gaza. Varios centos de manifestantes formaron unha bandeira palestina que ocupou todo o espazo da praza en denuncia da "vergoñenta complicidade dos gobernos galego, do estado español e da UE" cos milleiros de mortes que o exército israelí está a provocar.