A internacional reaccionaria tamén perde na casa: histórica vitoria demócrata nas lexislativas dos EUA

Resultado das eleccións ao Senado dos EUA sobre unha imaxe de Trump deste mesmo martes CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal Imaxe: The White House

Donald Trump sufriu este martes unha humillación histórica nas eleccións de medio mandato (midterms) que renovan unha parte importante do Congreso e do Senado

Donald Trump sufriu este martes unha humillación histórica nas eleccións de medio mandato (midterms) que renovan unha parte importante dos escanos do Congreso e do Senado dos Estados Unidos e elixen un bo número de Gobernadores. O Partido Demócrata arrasou ao Republicano e faise co control de ambas as dúas cámaras por unha marxe que mesmo excedeu á prognosticada polas sondaxes, todas favorables aos candidatos azuis.

Á espera de que se peche o escrutinio en Nebraska, Alaska ou Mississippi, os demócratas terán, probablemente, 55 escanos no Senado (a maioría está fixada en 51) e ao redor de 258 na Cámara de Representantes (a maioría é 218), un dominio que nos dous últimos anos de mandato de Trump lles permitirá controlar parcialmente a acción presidencial. Parcialmente, pois o poder presidencial -moi importante nos Estados Unidos- permítelle ao líder republicano vetar as iniciativas lexislativas das cámaras.

Donald Trump, este martes despois de votar en Palm Beach (Florida) CC-BY-SA The White House

Os demócratas pasan a controlar as dúas cámaras, pero o líder republicano xa ameaza con vetar as súas iniciativas lexislativas

De feito, unha das primeiras reaccións do presidente estadounidense a uns resultados devastadores para o seu partido foi unha publicación na súa rede social (Truth) que simplemente amosa unha gorra (das utilizadas polo movemento MAGA coa frase Make America Great Again) coa palabra VETO nela. A outra reacción de Trump aos resultados -que dixo recoñecer e aceptar, algo que non fixo noutras derrotas- foi outra mensaxe en Truth na que afirmaba "eu non aparecía nas papeletas de votación. Se aparecera, teríamos gañado por goleada", unha idea que reafirmou posteriormente nunha intervención en FOX: "non me gusta consideralo unha derrota para min, eu non me presentaba ás eleccións”.

Pero Trump, o trumpismo e a internacional reaccionaria si perdeu este martes, como tamén perdeu a pasada semana en Brasil e Israel. Todo un voto de castigo á caótica xestión de Trump. A derrota republicana mídese en números: seis senadores perdidos -sete se finalmente os demócratas tamén gañan Alaska-, catro gobernadores menos, unha diferenza de 13 puntos no número total de votos... E tamén en significativas batallas electorais cuxo resultado fica para a historia. 

Os demócratas acadan vitorias históricas en Texas e noutros estados fortamente republicanos, como Kansas ou Carolina do Sur. Destaca tamén o triunfo de Abdul El-Sayed en Michigan

Especialmente en Texas, un estado ata agora claramente republicanao, onde o demócrata James Talarico levou o seu posto de senador por 12 puntos de diferenza e a tamén demócrata Gina Hinojosa se converte en gobernadora. Había 32 anos que os demócratas non gañaban no segundo estado máis poboado do país. Pero tamén en Iowa, Kansas, Ohio ou as dúas Carolinas, cuxos senadores pasan a ser demócratas, ou en Maine, que dende 1988 non tiña un senador azul.

Tamén é significativa a vitoria de Abdul El-Sayed en Michigan. O agora senador El-Sayed non só pertence á á progresista do Partido Demócrata, senón que é musulmán, fillo de inmigrantes exipcios e se ten posicionado con claridade en contra do xenocidio israelí en Palestina, o que espertou o criticismo do lobby sionista nos Estados Unidos, que deu un intenso apoio tanto á súa rival nas primarias demócratas (Haley Stevens) coma ao candidato republicano. Stevens finalmente pediu o voto para o candidato republicano, nun sorprendente movemento a dous días das eleccións.

Abdul El-Sayed celebra a súa vitoria en Michigan © Abdul El-Sayed

Os demócratas miran xa ás eleccións de 2028, nas que esperan regresar á Presidencia. Uns comicios nos que legalmente Donald Trump non se pode presentar e nas que o sector progresista do partido quere facer valer os avances colleitados nos últimos tempos.

Pedro Sánchez celebra a derrota de Trump: Ocorreu en Brasil. Acaba de ocorrer en EEUU. E ocorrerá pronto en España. A onda ultra á que pretenden subirse Feijóo e Abascal xa non crece: esboróase"

O impacto da derrota de Trump chegou á política española. O presidente do Goberno e candidato socialista ás eleccións do 29N, Pedro Sánchez, subliñou nun chío publicado en X que "Onte a sociedade estadounidense votou contra as políticas que só empobrecen. Contra o odio. Contra o machismo. Contra o negacionismo climático e contra os privilexios das elites". E engade: "Ocorreu en Brasil. Acaba de ocorrer en EEUU. E ocorrerá pronto en España. A onda ultra á que pretenden subirse Feijóo e Abascal xa non crece: esboróase".

Gina Hinojosa e James Talarico gañaron en Texas © James Talarico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.