Lula vence a Bolsonaro nunha histórica virada fronte á internacional reaccionaria

Imaxe divulgada pola candidatura de Lula da Silva tras a vitoria, a partir dunha fotografía de Ricardo Stuckert. De fondo, imaxe divulgada polo PT do acto final da campaña en São Paulo CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Fotos: PT e candidatura de Lula

O presidente brasileiro encarará o seu cuarto mandato tras imporse co 51,8% dos votos ao fillo do ex-presidente golpista Bolsonaro, pero tamén (se cadra, sobre todo), á internacional reaccionaria que ten nos EUA de Trump e os seus mandatarios afíns e nos tecnoligarcas que os amparan os seus máximos expoñentes

"É hora de virar!", clamou Luiz Inácio Lula da Silva na véspera das transcendentais eleccións presidenciais deste pasado domingo no Brasil. E abofé que virou. Virou en histórica vitoria fronte á extrema dereita brasileira. Pero tamén (se cadra, sobre todo), fronte á internacional reaccionaria que ten nos EUA de Donald Trump, nos seus mandatarios internacionais afíns e nos tecnoligarcas que os amparan os seus máximos expoñentes e que, por exemplo, boicotearon activamente a visibilidade nas redes sociais da campaña das esquerdas cara á votación definitiva.

Vinte días despois de que o ultradereitista Flávio Bolsonaro, fillo do ex-presidente, golpista e convicto Jair Bolsonaro, se impuxese na primeira volta das eleccións co 47,03% dos votos por un 45,16% da coalición Brasil pronto pra mais, encabezada por Lula á fronte de máis de media ducia de formacións, o candidato á reelección pola esquerda logrou a remonta. Encarará o seu cuarto mandato tras imporse co 51,8% de apoio do electorado e máis de catro millóns de votos de diferenza.

No seu discurso da vitoria Lula tivo, sobre todo, palabras de agradecemento. "Ao povo brasileiro", pola "generosidade que eles têm comigo há muito tempo", mais tamén neste caso á poboación que, destacou, "á juventude que foi para a rua para defender a democracia" e ao electorado que máis tivo que se esforzar para poder votar, quer por padecer enfermidades, por ter idade avanzada -"eu vi muitas cenas hoje de pessoas idosas sendo carregadas pelos seus netos para ir votar", destacou- ou polas dificultades no transporte público provocadas dende institucións gobernadas polas dereitas.

"As pessoas foram votar porque nós conseguimos convencê-las de que o voto era muito importante para assegurar a democracia no país", celebrou Lula mentres Bolsonaro fillo comezaba a emular o pai cuestionando o resultado electoral

"As pessoas foram votar porque nós conseguimos convencê-las de que o voto era muito importante para assegurar a democracia no país", salientou Lula da Silva ante unha "vitória de um povo que acredita, que luta". Agora, advirte, toca contiunaren a construír "um país onde nossos idosos sejam cuidados com dignidade, as mulheres sejam respeitadas e todas as pessoas tenham o direito de viver sua fé em liberdade. Com respeito às diferenças e um Estado que garanta direitos a todos e todas. Porque governar é cuidar de 215 milhões de brasileiros e brasileiras. Sem distinção. E o respeito precisa ser o ponto de partida para construirmos, juntos, um Brasil cada vez mais justo e humano".

Mentres boa parte das esquerdas, do progresismo e dos movementos democráticos polo mundo celebraban a vitoria de Lula, Bolsonaro fillo comezaba a emular a Bolsonaro pai. O candidato dereitista sinalou como "impossível reconhecer o resultado das eleições" e avanzou a súa intención de litigar para reclamar "anulação" do resultado. A súa acusación baséase nunha suposta mudanza das regras electorais por parte de "amigos" de Lula no Tribunal Supremo do Brasil.

As reaccións internacionais non se fixeron esperar, a comezar por líderes progresistas de diversas sensibilidades e, no caso español, coas eleccións xerais do 29N como inevitable pano de fondo. "O que pasou no Brasil pasará en España; a remonta do progresismo global acaba de comezar", celebrou Pedro Sánchez mentres, dende o Consello Europeo, António Costa, trasladaba os parabéns a Lula tras falar con el por teléfono "para o felicitar pela sua reeleição". "Vamos continuar a trabalhar juntos para aprofundar os nossos laços, enfrentar os desafios globais e construir um mundo mais pacífico e próspero", resaltou Costa.

PSOE, BNG e Fronte Ampla celebran o resultado, na liña de múltiplas voces progresistas internacionais, coas xerais do 29N como inevitable pano de fondo

No contexto do Estado tanto o PSOE como Fronte Ampla e outras forza da esquerda secundaron uns parabéns que en Galicia amplificou tamén o BNG. "Despois de Bolsonaro perderán Netanyahu e Trump e tamén Abascal e Feijóo", augurou Pablo Bustinduy, ministro de Dereitos Sociais e voceiro da campaña da Fronte Ampla. "Gañou a democracia, a xustiza social e a dignidade do pobo fronte á ultradereita; dende a Galiza, un abrazo fraterno ao Brasil", celebrou o Bloque. 

"Que alegría para o Brasil e para o mundo! O pobo brasileiro demostrou que non quere recortes de dereitos nin intolerancia. Parabéns a Lula e á xente do Brasil, a esperanza venceu ao medo", aplaudiu Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. "Parabéns, Lula, parabéns, Brasil", celebrou dende o PSdeG José Ramón Gómez Besteiro, quen salienta que "claro que se pode cando a esquerda se une".

No peche da presente información, pasadas as 10 da mañá deste luns, os perfís oficiais do PP, tanto no Estado como en Galicia, non se pronunciaran sobre os resultados das eleccións brasileiras. Tampouco Alberto Núñez Feijóo nin Alfonso Rueda persoalmente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.