Volve Donald Trump. Contra as oito e media da mañá deste 6 de novembro, hora galega (2 da madrugada en Washington), os resultados confirmados e as principais proxeccións xa non dubidaban de que o ex-presidente e candidato republicano vai lograr regresar á presidencia dos Estados Unidos de América e que o vai facer, ademais, con máis poder do que tivo entre 2016 e 2020. "Faremos América grande outra volta", proclamou para celebrar a vitoria apenas dúas horas despois.
Os recontos provisionais e proxeccións amosan un claro triunfo do candidato republicano, que volverá á Casa Branca con máis poder que no seu primeiro mandato
Ao contrario da súa primeira vitoria, contra Hillary Clinton, todo apunta a que Trump vai finalizar impoñéndose non só no colexio electoral -o órgano que elixe a presidencia dos EUA-, senón tamén no voto popular, superando o 51% segundo as cifras provisionais. Farao, ademais, nun contexto de dominio republicano nas dúas cámaras do lexislativo, Congreso e Senado, e cun Tribunal Supremo modelado á súa vontade durante o seu primeiro mandato.
Malia tratárense de proxeccións e resultados provisionais, á rotundidade das cifras engadiuse de xeito moi temperán un elocuente feito para ratificar a vitoria de Trump confirmada horas despois. A súa opoñente, a candidata demócrata e actual vicepresidenta Kamala Harris, cancelou o seu discurso da noite electoral, segundo confirmaron responsables da súa campaña. Pouco antes do mediodía -seis horas menos na capital estadounidense- o candidato republicano sumaba á súa conta os 10 votos electorais do estado de Wisconsin e con eles viraba, definitivamente, en gañador ao pasar a barreira dos 270 precisos para a presidencia e chegar a 277 aínda con 57 por asignar.
Consecuencias e reaccións internacionais
O regreso de Trump á Casa Branca implica enormes e indubidables azos para a internacional reaccionaria; dirixentes políticos e empresariais que impulsan unha regresión de corte populista nas formas e escorada á extrema dereita no fondo
O triunfo electoral de Trump catro anos despois do asalto golpista ao Capitolio por parte dos seus partidarios ten obvias repercusións alén da política doméstica dos Estados Unidos. O seu regreso á Casa Branca, que tamén se produce despois de ser condenado no marco dun dos seus escándalos sexuais, implica enormes e indubidables azos para a internacional reaccionaria, o conxunto de dirixentes políticos e empresariais que, en diferentes partes do mundo, impulsan unha regresión democrática de corte populista nas formas e escorada á extrema dereita no fondo.
Boa mostra deste feito son, por exemplo, as reaccións de celebración practicamente inmediatas por parte dos membros máis ultraconservadores do Goberno de Israel. Mais tamén o aberto e entusiasta apoio político, empresarial e financeiro que Trump vén recibindo do magnate Elon Musk, en cuxas operacións para impulsar a súa vitoria incluíu a compra da rede social Twitter, a cal renomeou como X tras integrala no seu imperio. Musk, precisamente, foi albo de amplos eloxios de Trump no seu primeiro discurso de vitoria.
Alén das obvias consecuencias en política interna a volta de Trump impactará de cheo na xeopolítica mundial. Dende os conflitos en marcha como a invasión rusa en Ucraína ou o xenocidio israelí en Palestina ata os equilibrios a medio prazo. Tamén en aspectos cruciais para o conxunto da humanidade, coma os compromisos de redución de emisións contaminantes para paliar a crise climática, dos que o republicano se desmarca con belixerancia.
Entre estas repercusión destaca tamén o potencial fortalecemento das opcións electorais e sociais ultraconservadoras, caso de Vox e os seus satélites en España. O líder do partido da extrema dereita, Santiago Abascal, apresurouse en parabenizar a Trump e compartir unha foto xuntos proclamando, a través das redes sociais, que esta é unha "vitoria do mundo libre" no que considera como "hora dos patriotas".
Minutos antes das 10 da mañá o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, deu por ratificada tamén a vitoria trumpista e, a través dunha mensaxe nas redes sociais, transmitiu os seus parabéns. "Traballaremos nas nas nosas relacións bilaterais estratéxicas e nunha forte colaboración transatlántica", agregou.
Minutos antes tamén transmitira os seus parabéns a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, quen tamén chamou a "traballar xuntos nunha axenda transatlántica forte". Antes de ambos xa se pronunciara o ex-presidente galego e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, cuns "sinceros parabéns" a Trump, "presidente electo" dos EUA, e a promesa de "traballar para unha mellor relación bilateral, coa UE e na OTAN".