Joe Biden, elixido novo presidente dos Estados Unidos mentres Trump teima sen probas na tese da fraude

Joe Biden e Kamala Harris, candidata á vicepresidencia, nunha comparecencia pública tras as votacións presidenciais dos EUA © Imaxe distribuída pola campaña de Biden

Joe Biden xa ten votos dabondo para ser o vindeiro presidente dos Estados Unidos de América. Contra as seis da tarde deste 7 de novembro de 2020 -hora galega, doce da mañá na costa leste dos EUA-, os principais medios estadounidenses, como o New York Times, pero mesmo a canle televisiva máis afín a Donald Trump e ao Partido Republicano, a Fox, certificaban que o candidato do Partido Demócrata superara o limiar dos 270 votos precisos no colexio electoral para obter a presidencia.

Biden chama a "deixar atrás a carraxe" e pide "unidade" tras lograr "a confianza do pobo americano"

Catro días despois da xornada electoral e mentres Trump segue teimando -sen achegar probas- na tese dunha fraude para desbancalo, o escrutinio do estado de Pennsylvania ratificou que Biden, a piques de facer 78 anos, será o vindeiro inquilino da Casa Branca. A súa vicepresidenta será Kamala Harris, de 56 anos. Por primeira vez na historia dos EUA, este posto será exercido por unha muller.

Minutos despois de transcender as proxeccións que o daban como gañador, o equipo de campaña de Biden emitía un comunicado coas súas primeiras declaracións. "Síntome honrado pola confianza do pobo americano [en referencia ao estadounidense] depositou en min e na vicepresidenta electa Harris". Malia ao contexto con "obstáculos sen precedentes", sinala, o número de votantes foi "récord" e agora, coa "campaña rematada", é o momento de "deixar atrás a carraxe e a retórica dura e unirnos como nación". "É tempo dunha América unida", apelou. Na mesma liña foi o vídeo divulgado pola campaña de Biden ao mesmo tempo.

Que o proceso chegase á súa fin é xusto o que negan Trump e o seu equipo, que acusan a Biden de estar a finxir unha vitoria inexistente xunto aos seus "medios aliados" porque non queren que saia á luz "a verdade". "A elección está lonxe de rematar", defenden, porque Biden "non foi proclamado gañador en ningún estado". A campaña de Trump ataca especialmente o resultado de Pennsylvania, que resultou definitivo, cuestionando a legalidade do reconto.

O equipo de Trump defende que "a elección está lonxe de rematar" e o aínda presidente clama: "Gañei estas eleccións por moito".

Dun xeito máis simple, o propio Trump teimaba nas acusacións de fraude a través da súa conta de Twitter. "Gañei estas eleccións por moito!", clamou quen é presidente dos EUA dende 2016. Como nos últimos días, a rede social inseriu neste chío unha advertencia da escasa fiabilidade das súas palabras.

Diversos medios estadounidenses apuntan a que, fronte ao escrutinio que sitúa a Biden como vindeiro presidente, Trump tentará aferrarse ao poder emprendendo unha batalla legal que en última instancia sexa dirimida no Tribunal Supremo do país, onde os xuíces de perfil conservador teñen maioría.

O escrutinio continúa en estados onde Biden ten vantaxe, polo que a vitoria pode acabar sendo folgada tanto en representantes no colexio electoral como en voto popular

Como informa María Ramírez para eldiario.es, as vitorias de Biden en Michigan, Wisconsin e Pennsylvania aseguráronlle a vitoria. Unha das claves deste resultado foi a mobilización dos votantes afroamericanos en cidades como Detroit, Milwaukee e Philadelphia.

Non obstante, o escrutinio continúa noutros estados no sur e oeste do país onde Biden ten vantaxe, mesmo en lugares onde os demócratas non gañaban desde os anos 90 con Bill Clinton, como Georgia e Arizona. Deste xeito, malia ao prolongado e tenso escrutinio, a vitoria do demócrata pode acabar sendo folgada tanto en representantes no colexio electoral como en voto popular.

Fronte á realidade das urnas, a campaña de Trump seguirá disputando o resultado con peticións de novos recontos nos estados máis axustados e outras batallas legais. O equipo do republicano xa anunciou querelas en Michigan, Georgia, Pennsylvania e Nevada, pero xuíces de distrito xa rexeitaron varias desas denuncias por falta de evidencias ou base legal. O Tribunal Supremo de Estados Unidos tamén rexeitou un intento dos republicanos de parar parte do reconto en Pennsylvania. Moitas das querelas afectan a detalles máis que ao resultado en si, como a distancia física entre observadores electorais e as persoas encargadas do reconto.

Pedro Sánchez transmitiu os parabéns a Biden e Harris e, dende Galicia, Pontón e Caballero manifestaron a súa satisfacción pola fin da era Trump nos EUA

Dende o Goberno de España, a primeira reacción á elección estadounidense foi do presidente, Pedro Sánchez. A través das súas redes sociais, Sánchez afirma que "o pobo americano elixiu o seu 46º presidente" e trasladou os seus parabéns a Biden e Harris. "Desexámosvos sorte. Estamos preparados para cooperar cos EUA e facer fronte xuntos aos grandes retos globais", sinalou nunha mensaxe en español e inglés. 

Dende a Comisión Europea, a súa presidenta, Ursula Von der Leyen, emitiu un comunicado de parabéns e apelou a "intensificar a colaboración" cos Estados Unidos, especialmente na loita contra a pandemia, resaltou.Tamén o primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, recoñeceu a vitoria do candidato demócrata e outros moitos mandatarios internacionais están a facer o mesmo.

Entre as forzas políticas galegas, as primeiras reaccións chegaron dende a oposición. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, saudou o resultado electoral nos EUA cun elocuente "Trump, go home!". O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou "mellor para todos" que Biden fose o vencedor e subliña que "por primeira vez", os estadounidenses teñan "unha vicepresidenta". "Así, mellor", recalca o socialista.

Pouco antes da media noite, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tamén trasladaba os parabéns a Biden e Harris "dende a outra beira do Atlántico". "Espero que a relación entre Estados Unidos e Europa sexa a mellor porque redundará en beneficios para España e por tanto para Galicia" e mais para os "miles de galegos que viven en Estados Unidos e en toda América", sinalou en dúas mensaxes en castelán a través de Twitter.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.