O terremoto chegou e os seus efectos son aínda imprevisibles. Donald Trump será o vindeiro presidente dos Estados Unidos de América (EUA). A principal potencia económica e política do mundo será presidida por este excéntrico millonario, recoñecido misóxino, racista e orgulloso de non pagar impostos. Contra as enquisas, sen o apoio do Partido Republicano, sen unha estrutura de campaña comparable a outras e con todo establishment en contra, deu a sorpresa para impoñerse a Hillary Clinton. Como acontecera co Brexit ou mesmo co referendo sobre o acordo de paz en Colombia, as enquisas trabucáronse. E gañou a opción que parecía menos sensata e, sobre todo, máis perigosa. O extremismo racista e xenófobo obtivo a vitoria no centro do planeta e dá azos a outros movementos que xa frotan as mans en Europa.
CC BY-SA eldiario.es
Aínda que a estas horas faltan aínda algúns estados por recontar, a vitoria está asegurada. Trump gañou os fundamentais, Ohio e Florida, e superou xa os 270 votos electorais necesarios. O resultado foi moi axustado e Clinton tería gañado o voto popular por unha marxe duns 160.000 votos. Con máis do 97% escrutado, a demócrata tería recibido 59,29 millóns de votos (47,7%) fronte aos 59,13 (47,5%) do republicano. Practicamente un empate técnico.
Clinton perdeu as eleccións pero gañou en voto popular cunha pequena diferenza duns 40.000 sufraxios
O director de campaña de Hillary Clinton, John Podesta, falou xa para anunciar que a candidata non ía falar nesta noite electoral e dixo aos seus seguidores que podían "ir durmir". Era un recoñecemento dunha derrota que deixou bágoas entre os demócratas e sorpresa, temor e indignación entre boa parte do mundo. Pouco despois, tal e como confirmou o vencedor, chamou ao seu rival para darlle a noraboa.
Ao previsible apoio do mundo rural uníuselle o de moita clase traballadora de zonas industriais
Antes de se consumar a treboada, os mercados internacionais xa reacionaron con importantes caídas. O triunfo non é só dun polémico, senón dun millonario que está en contra do libre comercio e que xa ameazou cunha batalla comercial con países como China. Ao previsible apoio das zonas rurais uniuse desta vez o de moita clase baixa afectada pola crise de estados industriais do Medio Oeste, onde os republicanos adoitaban perder nos últimos anos. Unha parte dos EUA que se sente maltratada polo poder e que reaccionou dando un apoio masivo a un Trump ao que "tolo" foi un dos adxectivos máis suaves que lle dedicaron os analistas políticos.
Malia que o Partido Republicano non amosou nin moito menos o seu apoio a Trump, o control será deste partido nas dúas cámaras do Congreso e iso implica que o magnate podería exercer un control absoluto sempre que logre apousar as batallas internas na formación e convencer os seus detractores, agora que el terá o mando.
O novo presidente chamou á unidade e intentou calmar os temores no seu primeiro discurso, pero tirou de retórica patriótica
O resultado electoral confirma un país dividido radicalmente en dúas bandas. Trump sábeo e, no seu primeiro discurso tras a vitoria, chamou a "eliminar calquera división para que republicanos, demócratas e independentes se unan comom unha única nación". O xa novo presidente dos EUA mudou o seu discurso ofensivo e polémico para reivindicar "un gran movemento de homes e mulleres traballadoras que aman a súa nación e queren un futuro máis próspero" e "un cambio que xunta todos os estadounidenses, calquera que sexa a súa raza ou relixión". "Trátase de servir o pobo", engadiu, esquecendo os seus habituais insultos a latinos, musulmáns ou mulleres.
Pero tamén deixou advertencias con retórica patriótica: "Xa non se vai olvidar ao pobo estadounidense. Imos renovar o soño americano". Anunciou a intención de "duplicar" o crecemento da economía dos EUA e intentou tamén calmar as reticencias e temores da política internacional. "Traballaremos con todas as nacións que queiran raballar con nós, imos ser xustos tratando con todos os pobos do mundo", aegurou, antes de advertir que "intentará evitar as hostilidades e reforzar a colaboración" entre os diferentes estados. "Prométovos que cumprirei co prometido", rematou, logo de recoñecer o traballo de Hillary Clinton logo de atacala duramente na campaña.
"Estados Unidos está máis dividido do que pensabamos", recoñeceu Hillary Clinton
A derrotada tardou horas en comparecer. Cando o fixo, pediu tamén unidade e asegurou que xa se ofrecera a "traballar" xunto a Trump polos Estados Unidos, pero tamén recoñeceu a división. "O país está máis dividido do que pensabamos", dixo para advertir tamén que os demócratas seguirán "defendendo os seus valores" e lanzou unha advertencia ao novo presidente: "América é grande dabondo para todos, para inmigrantes, mulleres e enfermos", engadiu, tras insistir en que os EUA son un país "inclusivo" e que as leis protexen esa inclusión social ou a liberdade de culto, aludindo claramente ás ameazas do novo xefe do Executivo.
Tamén quixo lanzar unha mensaxe especial "a todas as mulleres e sobre todo ás mulleres novas" e agradeceulles que puxeran as súas esperanzas nela. Visiblemente emocionada, asegurou que "algún día alguén rachará ese teito de cristal" para o xénero feminino e adiantou que axiña "alguén o fará". Ademais, pediu seguir "traballando" para "rachar todas as barreiras que impiden a calquera norteamericano cumprir os seus soños" malia recoñecer que a derrota "é dolorosa e vaino seguir sendo un tempo".
A vitoria contra todo
Trump baseu a súa campaña desde o primeiro momento nunha mensaxe xenófoba e ultranacionalista. E será o xefe de Estado sun país -que conta cunha sociedade multirracial- que foi construído no século XIX coa chegada de inmigrantes de todo o mundo. Donald Trump, unha personaxe de nula bagaxe política e coñecido en todo EUA pola súa presenza nun reality televisivo, superou así a Clinton, o Partido Demócrata, case todos os medios de comunicación e as empresas de enquisas.
Trump superou a Clinton, o Partido Demócrata, case todos os medios, as enquisas e a propia formación republicana
Antes, nas primarias, xa derrotara ao Partido Republicano e á presentadora máis popular de Fox News. Non volveu crecer a herba alá por onde pasou Trump, nado hai 70 anos no distrito neoiorquino de Queens.
O desenlace foi tan sorprendente para os analistas de todos os medios que a explicación ten que ir máis aló das carencias contrastadas de Clinton como candidata. Hai cuestións sociolóxicas e económicas máis profundas. O rexeitamento das elites políticas, económicas e culturais presente desde hai tempo nas zonas máis conservadoras do país estendeuse a lugares onde os demócratas se sentían seguros nas eleccións presidenciais. No Medio Oeste, escenario dunha perenne crise industrial, a clase traballadora branca sen estudos universitarios -así aparece sempre descrita en detalle polos medios norteamericanos- virou cara aos republicanos en lugares como Pennsylvania, Michigan e Wisconsin.
O rexeitamento das elites presente hai tempo nas zonas máis conservadoras estendeuse a lugares onde os demócratas se sentían seguros
Trump gañou en Ohio e Florida, pero ao final iso non importou. O día anterior ás eleccóns, a campaña do republicano recoñecía que precisaba unha vitoria en estados como Pennsylvania e Michigan, onde a última vez que gañou o seu partido nas presidenciais foi en 1988. Non o tiña imposible, pero si tremendamente posible. A realidade colmou e superou as súas expectativas.
>> HABERÁ AMPLIACIÓN