Trump fala de "roubo" e Biden apela á "fe" na vitoria: a presidencia dos Estados Unidos de América, no aire

Donald Trump, candidato republicano á reelección, e Joe Biden, aspirante demócrata á presidencia dos Estados Unidos CC-BY-SA eldiario.es

O republicano gaña en Florida, o estado máis significativo, e mantense con opcións de revalidar a presidencia

Para facerse coa presidencia dos Estados Unidos de América son necesarios cando menos 270 dos 538 representantes que elixen os estados en función do candidato máis votado pola cidadanía en cada un deles. Ese sistema de voto fai que determinados estados, pola súa elevada poboación e polo tanto representatividade, resulten claves e non se poida dar un gañador ata que o reconto de votos estea tan avanzado como para considerar inamovible que os representantes dese territorio, todos, van a parar a un candidato determinado. 

Nesa situación de indefinición quedou a noite electoral nos Estados Unidos, cun Donald Trump, o presidente republicano que aspira á reelección, asegurando que os demócratas están a intentar “roubar” as eleccións durante o reconto e co candidato destes, o ex-vicepresidente Joe Biden, pedindo “fe” na vitoria aos seus. 

A batalla do reconto céntrase no Medio Oeste, onde algúns estados interromperon o escrutinio ata dentro dunhas horas

Neses estados clave pola súa poboación e o número de representantes que poden decantar dun golpe, Florida, o máis significativo por si só, con 29, dáse xa gañado por Trump co 99% dos votos escrutados, co que a carreira entre o presidente e Biden céntrase no Medio Oeste, a rexión máis disputada do país e onde o reconto é máis lento pola súa maneira de procesar os sufraxios por correo e polas batallas legais que xa están en marcha. Segundo relata María Ramírez para eldiario.es, Pensilvania, Michigan e Wisconsin tardan máis en contar que outros estados porque empezaron a contar máis tarde o voto por correo, especialmente nas cidades grandes e máis demócratas, que nalgúns casos interromperon o escrutinio ata dentro dunhas horas. Estes estados esperan terminar o seu reconto entre este mércores e este venres.

O mapa electoral, de momento, parécese ao que deu a vitoria a Trump en 2016, pero Biden está preto de gañar Arizona, un estado tradicionalmente republicano e que lle podería axudar agora a chegar á Casa Branca. Ante esta situación, Biden foi o primeiro en saír ante as cámaras para pedir paciencia mentres continúa o reconto probablemente ata ben entrado este mércores e dixo "sentirse ben" sobre os primeiros datos. "Non é o meu lugar ou o de Donald Trump dicir quen gañou. É o pobo estadounidense. Pero son optimista", dixo o candidato demócrata. "Mantede a fe, mozos. Imos gañar isto", dixo.

Uns minutos despois, Trump empezou a tuitear. O presidente acusou aos demócratas de estar a tentar "roubar as eleccións" aínda que segue sen haber gañador claro nas eleccións e o reconto segue en boa parte do país. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.