O presidente republicano saínte rexeita a violencia tras acusar ao seu 'número 2', Mike Pence, tamén presidente do Senado, de non ter “valor” para protexer o país fronte aos demócratas mentres a CNN fala de “golpe” de Estado
O Capitolio, sede do Congreso e do Senado dos Estados Unidos, foi asaltado na tarde deste mércores por simpatizantes do republicano Donald Trump mentres no Senado se ratificaban os votos electorais que deben facer novo presidente ao demócrata Joe Biden. Horas despois, desaloxado o edificio, retomouse o proceso no que o Capitolio vota sobre as obxeccións que os estados poñen aos resultados electorais do pasado 3 de novembro e a primeira hora deste xoves o Congreso ratificou a vitoria de Biden.
Varios medios internacionais, entre eles a CNN, chegaron a cualificar os feitos de “golpe” de Estado mentres amosan imaxes de supostos axentes de seguridade apuntando con armas desde dentro do hemiciclo a manifestantes que intentan acceder a el tras lograr entrar no edificio. O Washington Post confirma que unha persoa recibiu un disparo dentro do Capitolio.
O presidente saínte, Donald Trump, acusou en Twitter o seu vicepresidente, Mike Pence, que pola constitución dos Estados Unidos ostenta ao tempo o cargo de presidente do Senado e polo tanto dirixía a sesión, de non ter “valor” para facer “o que debería ter feito para protexer o noso País e a nosa Constitución” e obstaculizar a ratificación de Biden amparándose nun suposto fraude electoral que foi rexeitado polas instancias xudiciais previas polas que foi analizado.
Posteriormente, o propio Trump pediu ás persoas congregadas no Capitolio que se mantivesen pacíficas e non actuasen con violencia.
"Isto bordea a sedición, e debe rematar. Agora", reclama Biden, que esixe a Trump unha defensa inmediata da constitución
O presidente electo, o demócrata Joe Biden, realizou posteriormente unha intervención pública na que reclamou que se puxese fin ao que cualificou non como un "disentimento" senón como "desorde". "Isto bordea a sedición, e debe rematar. Agora", sentenciou, acusando dos feitos a "un pequeno número de extremistas" que non representan o país.
Tras a intervención de Biden, Trump volveu pedir aos asaltantes que abandonen o Capitolio pero dixo entender a súa "dor" polo "roubo" das eleccións
Biden tamén reclamou a Trump unha intervención televisada inmediata en defensa da constitución estadounidense e na que esixa "a fin deste asedio". A intervención pública que realizou Trump a continuación, retransmitida a través da súa conta de Twitter, consistiu nunha petición aos asaltantes para que abandonen o Capitolio pero comezouna dicindo que entende a súa "dor" polo "roubo" das eleccións. Twitter acabou bloqueando as mensaxes da conta de Donald Trump.
Pedro Sánchez amosa a súa "preocupación" polo que se vive en Washington e di confiar "na fortaleza da democracia de EEUU", e desde Galicia Ana Pontón alerta contra o "perigo para a democracia" da "crispación da extrema dereita"
O presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, amosou a súa "preocupación" pola situación que se vive en Washington e di confiar "na fortaleza da democracia de EEUU".
Desde Galicia, a portavoz do BNG, Ana Pontón, amosou en chíos tanto en galego como en inglés a súa “preocupación” e di que “a crispación que impulsa a extrema dereita é un perigo para a democracia, os dereitos e as liberdades”. Tamén o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, expresou o seu rexeitamento a "o extremismo, populismo e irracionalidade que inxectou Trump".